HomesociedadeO IES Daviña Rey visitou o Parlamento Europeo convidado polo eurodiputado Esteban...

O IES Daviña Rey visitou o Parlamento Europeo convidado polo eurodiputado Esteban González Pons

O alumnado de francés realizou entre os días 9 e 12 de marzo unha visita educativa á cidade de Estrasburgo, en Francia, para coñecer de primeira man o funcionamento das institucións europeas e achegarse á realidade cultural da rexión de Alsacia.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O IES Daviña Rey viaxou recentemente á rexión francesa da Alsacia para vivir unha experiencia educativa na que o alumnado combinou aprendizaxe, cultura e convivencia. Ao tempo que reforzaron o seu interese pola lingua e a cultura francesas, aproveitaron a visita ao Parlamento Europeo para coñecer o seu funcionamento.

A visita ao Parlamento Europeo foi posible grazas a unha invitación do eurodiputado Don Esteban González Pons. Consistiu nun percorrido polo edificio Louise Weiss, famoso pola súa distintiva torre curva e pola súa arquitectura moderna, deseñada para simbolizar a transparencia e a apertura do proxecto europeo. Aquí os estudantes puideron coñecer a sala plenaria, onde se celebran os debates e votacións dos eurodeputados; de feito asistiron a un pleno en directo sobre un tema de grande actualidade: a política enerxética da Unión Europea.

Posteriormente, visitaron o Parlamentarium Simone Veil: o centro de visitantes interactivo do Parlamento Europeo, un espazo moderno e  multimedia deseñado para que calquera persoa poida comprender como funciona a Unión Europea e o Parlamento a través de diferentes actividades que permiten explorar como nacen as leis europeas, cales son as funcións dos eurodeputados, como lle afectan as decisións da UE á vida cotiá e como foi a historia da integración europea. Todo está presentado mediante pantallas interactivas, vídeos, mapas e experiencias inmersivas, o que fixo a visita moi dinámica e educativa.  

IES Daviña Rey de visita no Parlamento Europeo. Foto cedida polo centro.
PARTICIPACIÓN DO ALUMNADO NUN DEBATE

O alumnado tivo ocasión de participar nun pequeno debate co eurodeputado Don Pablo Arias Echevarría, que foi a persoa que os atendeu amablemente pola ausencia do Sr González Pons, ausente por estar supervisando nesas mesmas datas o proceso electoral de Colombia ao fronte dunha Delegación do Parlamento Europeo.

Nese debate, o alumnado do IES Daviña Rey puido facer preguntas sobre diferentes temas de actualidade e que foran previamente preparadas nas clases de francés. As cuestións formuladas estaban relacionadas con temas de actualidade relacionados coa economía, a política agraria común (PAC), os acordos recentemente asinados co Mercosur ou a India, a política europea de seguridade e defensa, o Brexit e mesmo a importancia da inmigración. Outros temas abordados nesta experiencia foron a igualdade de xénero, o papel crecente das novas tecnoloxías e a importancia de regular as redes sociais para desenvolver unha contorna dixital segura e responsable.

COÑECENDO ESTRASBURGO E COLMAR

Máis alá do ámbito institucional, a viaxe serviu tamén para que os estudantes se achegasen ao patrimonio histórico e cultural da rexión de Alsacia. Para empezar, e aproveitando a súa estancia en Estrasburgo, percorreron o casco histórico e visitaron algúns dos seus lugares emblemáticos como foron a Catedral de Notre-Dame, famosa polo seu reloxo astronómico, e a igrexa de San Pedro. Tamén pasearon polo pintoresco barrio da “Petite France”, con casas tradicionais e canles que discorren xunto ao río Ill, afluente do Rin, e gozaron dun paseo en barco podendo contemplar desde a auga edificios e recunchos representativos da cidade como foi o Palacio Rohan.

Visita á Catedral de Notre Dame. Foto: IES Daviña Rey.

Completando a viaxe alumnado e profesores acompañantes fixeron unha excursión en tren á cidade de Colmar, unha das localidades máis pintorescas da rexión de Alsacia. Pasearon polo casco histórico, famoso polas súas casas de entramado de madeira, e polas canles que atravesan parte da cidade, o que lle valeu o alcume de “a Petite Venise”.

Durante a visita tamén puideron coñecer o tradicional mercado cuberto e fixeron unha parada na fonte dedicada ao escultor Frédéric-Auguste Bartholdi, natural de Colmar e creador da Estatua da Liberdade de Nova York –hai unha réplica en Colmar–. A xornada completouse co achegamento e degustación de produtos típicos da gastronomía local, entre eles o tradicional “kougelhopf”, un biscoito alsaciano elaborado con masa fermentada, pasas e améndoas; así como o popular “brezel”, un pan en forma de lazo moi característico do leste de Francia e da veciña Alemaña.

A expedición escolar coas nas letras da cidade de Colmar. Foto: IES Daviña Rey.

ÚLTIMAS

O obradoiro de emprego A Pinguela III impartirá módulos de carpintaría e albanelaría de urbanización

O obradoiro dual de emprego A Pinguela III creará 24 postos de traballo durante...

Quiroga e Paradela na campaña Toponomízate deste ano

Nesta edición da iniciativa divulgativa, coordinada pola Real Academia Galega coa colaboración da Consellería...

Por Chantada lamenta que o PP votara en contra de establecer bonificacións sociais no IVTM para persoas con discapacidade e as súas coidadoras

A moción, que presentou Por Chantada, basébase na posibilidade legal que teñen os concellos...

OPINIÓN: Xenofobia ou fraude fiscal?

A polémica (parece que para algúns é o único obxectivo en política) xurdiu unha...