Despois do tradicional desfile da Confraría do Viño de Quiroga –o pasado sábado 28 de marzo–, e o comezo do prestixioso Torneo de Fútbol Sala Feira do Viño o pasado martes 30 de marzo, comeza a conta atrás para a XLIV Feira do Viño, evento que este ano reúne a 13 adegas.
O programa de actos para a fin de semana grande comeza este venres, día 3 de abril, coa cata dos viños participantes nesta edición. Haberá dúas catas, ás 12:30 e ás 19:30, que se realizarán na praza da rúa Lago.
Ás nove da noite abrirase o recinto feiral coa venta e exposición dos viños e á media noite amenizará o recinto feiral a música do grupo “Rosies in Hell”, a única banda tributo feminina a AC/DC de España formada por cinco mulleres; e pechará a disco móbil “Eme,.Music”.

Desfile confaría / RTMQ
Fin de semana
O sábado dous actos marcarán a xornada. Pola mañá, ás 11:30 h., terá lugar o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas “Memorial Muíño”, que chega á súa XVII edición cunha homenaxe a Xan de Vilar; e pola tarde, ás 20:30h., será o momento do esperado pregón, que nesta edición correrá a cargo dos actores Edu Soto e Iván Massagué.
Con presentación do acto a cargo do xornalista quirogués da Radio Galega, Carlos Julio González, os pregoeiros dirixirán unhas palabras aos presentes e serán os encargados tamén de escoller aos gañadores do tradicional concurso de camisetas. Eles tamén farán entrega do premio á gañadora do concurso do cartel anunciador da feira e do premio ao establecemento gañador do concurso “Val de Quiroga de Tapas” .
No que respecta á animación musical, pola tarde o recinto feiral estará amenizado pola charanga CLK, e a partir das 23:30 o grupo “La banda de ayer” ofrecerá un concerto.
O domingo pola mañá continuará a feira con apertura de postos ás 11:00 h. e animación musical que nesta ocasión correrá a cargo dos grupos de música tradicional “O Recanto” e “Pándega”.
ADEGAS PARTICIPANTES
As adegas participantes nesta edición da Feira do Viño de Quiroga, pertencentes á subzona Quiroga-Bibei, dentro da D.O. Ribeira Sacra, son as seguintes:Alma das Donas, Algueira, Atrium Vitis, EDV Viticultores, Alvaredos-Hobbs, Lar de Ricobao, Rectoral de Amandi, Casa de Outeiro, Val de Quiroga, Adega Gullufre, Pazo de la Cuesta, Adaware wines, Adega Salvadur de Vilachá e Val do Frade.
Ademais das anteriores, e como se está a facer nas últimas edicións, a organización convida a unha adega de fóra da D.O. Ribeira Sacra. Neste caso, será Avelino Vegas da D.O. Ribera del Duero.

Luz Moscoso exp / RTMQ
EXPOSICIÓN “LÍNEAS EXQUISITAS”
Como evento paralelo, dentro do programa da Feira do Viño de Quiroga, o pasado martes 31 de marzo inaugurouse a exposición de debuxo abstracto “Líneas Exquisitas”, da artista Luz Moscoso e que se poderá visitar na Casa da Cultura ata o 3 de maio.
A mostra está formada por unha serie de obras basicamente abstractas cunha técnica aparentemente sinxela: trazar liñas paralelas a pulso. Os debuxos están feitos a rotulador negro calibrado sobre papel branco ou beige, maioritariamente acuarela 300 gr. e papel multitécnica, 160gr; e só un par de obras foron executadas con rotulador Edding 1200.
Para a súa realización, a autora prescindiu de bosquexo, lapis, goma, medios informáticos, plantillas, copia de imaxes ou outras ferramentas. Segundo a artista a maioría das imaxes son abstractas pero algunhas evocan elementos naturais da vida real, noutras parecen formas biomórficas nas que o ritmo dos trazos crea sensación de movemento, quizais con influencia da obra de Hans Arp.
Luz Moscoso é natural de Ribas de Sil, ten formación en artes plásticas (Facultade de Belas Artes de Pontevedra), teatro (Aula Universitaria de Pontevedra e de Ourense) e dereito (Licenciada pola Universidade de Santiago).


