O programa formativo, promovido polo Concello de Monforte e financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, desenvolverase en dous módulos, nas especialidades de Carpintería e moble e Pavimentos e albanelería de urbanización, combinando formación teórica e práctica remunerada, e creará 24 postos de traballo durante 9 meses: 20 alumnos, un director/a, dous monitores/as e un auxiliar administrativo.
Durante a presentación de A Pinguela III, o rexedor felicitou aos participantes pola súa incorporación a este proxecto, destacando a importancia deste tipo de iniciativas para mellorar a cualificación profesional das persoas desempregadas e facilitar a súa inserción laboral. Neste senso, animounos a “aproveitar esta oportunidade para formarse e adquirir cualificación profesional en sectores que hoxe están moi demandados”.
Actuacións previstas
O obradoiro Pinguela III desenvolverase en dous módulos específicos coas seguintes denominacións:
-Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble. Traballos de carpintería e moble. 10 alumnos.
-Pavimentos e albanelería de urbanización. 10 alumnos.
As actuacións previstas neste obradoiro consisten no acondicionamento das instalacións da Escola Obradoiro A Pinguela e a restauración da contorna da zona afectada polos incendios forestais no ano 2025. Así, o proxecto dá continuidade ás intervencións dos obradoiros anteriores co obxectivo de completar o proceso iniciado en 2023 de mellora e posta en valor deste equipamento municipal dedicado á formación e inserción laboral. Inclúense tamén intervencións nos locais sociais de Moreda e de Seoane, co obxectivo de mellorar o seu estado de conservación e funcionalidade, ao tempo que se contribúe á recuperación de equipamentos de uso social e comunitario. De xeito adicional, inclúese a intervención sobre diversos elementos de mobiliario urbano municipal que se atopan en mal estado de conservación, co fin de garantir a súa preservación e integrar estas tarefas no contido formativo do novo obradoiro.
O proxecto inclúe incentivos á contratación, de xeito que o alumnado terá a posibilidade de optar a un posto de traballo noutra empresa durante un período mínimo de tres meses.

