HomesociedadeMonforte celebra o Festival do Viño con horarios axustados á calor

Monforte celebra o Festival do Viño con horarios axustados á calor

Este venres comezaba no Paseo do Malecón o VIII Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se prolongará ata o domingo contando con 27 adegas da D.O. Ribeira Sacra e 12 postos gastronómicos, ademais dun amplo programa de actividades que engloba actuacións musicais, catas temáticas, viñorutas, unha masterclass e espazo infantil con xogos e obradoiros para os máis pequenos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A apertura dos stands en horario de tarde estaba prevista para as 19.00 horas, pero debido ás altas temperaturas previstas esta fin de semana, os adegueiros poderán aprazar a apertura ata as 20.00 horas, segundo a súa vontade. O alcalde, José Tomé, explica que varios adegueiros trasladaron esta petición. Os horarios de peche mantéñense á 1.00 horas da madrugada o venres e o sábado, e ás 12.00 horas da noite, o domingo. De mañá o horario é de 11.00 a 15.00 horas.

O pregón desta edición correu por conta de José Manuel Silva ‘Cuqui Silva’, unha das personalidades galegas con maior proxección internacional nos ámbitos da agricultura, o desenvolvemento rural, a investigación e as políticas europeas. Na inauguración, José Tomé amosouse convencido de que o Festival atraerá a miles de visitantes a Monforte e ao conxunto da Ribeira Sacra, contribuíndo á dinamización da economía da comarca e especialmente dos sectores do viño, a hostalería, o comercio e o turismo. “O noso obxectivo é seguir consolidando este Festival como un gran escaparate da Ribeira Sacra, dos nosos viños, da nosa paisaxe, da nosa cultura e da nosa gastronomía. O que queremos é que tanto os monfortinos como todas as persoas que nos visiten poidan desfrutar dun Festival do Viño único”

Nesta edición participarán un total de 27 adegas adheridas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, representando as diferentes subzonas do territorio: A Man de Prado, Abadía da Cova, Aborixe, Adega Vella, Algueira, Alma das Donas, Alouviño, Asolagados, Caneiro, Casa Moreiras, Cividade, Condado de Sequeiras, Corzoás, Cruceiro, Don Bernardino, Guímaro, Gullufre, Lingua Loaira, Lucenza, Malcavada, Ohmio, Petrón, Peza do Rei, Regina Viarum, Saiñas, Tear e Val da Lenda.

O recinto conta novamente cunha importante zona de sombreado, incluíndo o acceso ao palco inaugural, co obxectivo de mellorar a comodidade dos visitantes durante o percorrido polo espazo do Malecón.

Ao longo do recinto hai tótems informativos cos horarios e actividades programadas, ademais de dispoñer de wifi aberto para o público asistente. Tamén se mantén o sistema de pago mediante tokens personalizados do Festival, que estarán dispoñibles nos stands de recepción. Outra das novidades desta edición é a instalación dun espazo expositivo cunha mostra retrospectiva cos carteis oficiais de todas as edicións do Festival.

Despois das actuacións este venres de Xograres de Lemos e A Roda, este sábado ás 23.00 horas, será a quenda de Galifunk, banda galega que fusiona funk, rock, pop e ritmos festivos cunha proposta dinámica e chea de enerxía.

Actividades viño

As catas e actividades formativas arredor do viño volven ocupar un lugar destacado dentro da programación. O domingo 5 de xullo, de 11:30 a 13:00, o sumiller Suso Soneira impartirá “Unha cata, 5 sentidos”, unha experiencia interactiva para descubrir o viño a través dos sentidos e aprender a apreciar o viño explorando aromas, sabores e sensacións en cada copa. O sábado destaca a masterclass “Entre Rochas e Viñas: o Esquisto na Copa”, que imparte Jonas Tofterup, Master of Wine e fundador de Iberian Wine Academy.

O sábado 4 desenvolverase a ViñoRuta do Sil “Viñas que nacen do Sil”, que incluirá visitas ás adegas Algueira e Adega Vella, ademais dun percorrido en catamarán polo Canón do Sil.

O domingo 5 terá lugar a ViñoRuta do Miño “Entre o Miño e a vide”, con percorrido en zodiac, visita á fervenza de Augacaída, parada na adega Casa Moreiras e unha cata especial organizada por O Segredo do Monxe.

Como novidade desta edición, o Festival pon en marcha unha iniciativa solidaria a través da venda de pulseiras benéficas de tea cun deseño exclusivo do evento. O 50% da recadación obtida coa venda de cada pulseira, que terá un prezo simbólico de 1 euro, destinarase a unha asociación benéfica de Monforte.

No que respecta ás tarifas, o Festival introduce unha pequena modificación no prezo dos tokens, atendendo ás peticións formuladas polos adegueiros na pasada edición. Os tokens pasarán de 2 a 2,50 euros e estableceranse dous tipos de consumicións:

  • 1 token para viños novos tintos e brancos.
  • 2 tokens para viños barrica e outras añadas.

O Pack Festival, que inclúe copa, portacopa e un token, manterá o seu prezo de 3 euros.

ÚLTIMAS

Monforte instalará na Praza de España unha pantalla xigante para a final do Mundial

O concello de Monforte instalará unha pantalla xigante na Praza de España o próximo...

O concello de Chantada aproba unha operación de crédito por valor de 4.189.546€ “para executar importantes melloras no municipio”

O Concello de Chantada comezou a semana celebrabando sesión plenaria extraordinaria cun único punto...

Baixo Zero, grupo de música revelación da Ribeira Sacra, de concerto en Ribas de Sil  

A terraza de Las Vegas, en San Clodio (Concello de Ribas de Sil), acollerá...

A comunidade rural da comarca de Chantada reivindícase ante os parques eólicos e outras afectacións ao territorio

Durante a presentación, a presidenta da entidade destacou que, nun contexto marcado polo despoboamento,...