Os actos da Festa comezarán xa na xornada do sábado co Festóso infantil a partir das 16.00 h. e ás 22.30 no centro cívico celebrarase a X edición do Festóso con pancetada popular e concertos de Checo & Blonde e DJ Moe. Ás 18.00 terá lugar a Ruta Osovitivinícola polos bares de Taboada.
O día grande da Festa, o domingo, haberá durante toda a mañá na Praza de Riazón exposición e venda de productos do campo e derivados do porco, galletas de Xián, queixos de Arzúa-Ulloa, mel de Galicia, viños da Ribeira Sacra, etc. Marcos Mariño fará demostracións de escultura en madeira con motoserra e ás 12.00 será a concentración de coches clásicos. A lectura do pregón será ás 13.00 a cargo de José David Fildalgo, que o ano pasado recibía a insignia de ouro da Federación de Centros Galegos no País Vasco, e a continuación a degustación do caldo, ofrecida polo gremio de hostalería. Actuará a Asociación Cultural Os Rechouchíos. A partir das 14.15 h. os restaurantes da vila ofrecerán o xantar co menú da Festa a base de caldo de ósos, costela asada, filloas e queixo con mel.
Durante a tarde seguirán as demostracións de escultura en madeira, ás 18.00 actuará o Grupo de Gaitas e Danzas Os Deiquí, para a partir das 20.00 ter degustación de produtos do porco e festa romaría coa orquesta Compostela.
Falamos co alcalde de Taboada, Ramiro Moure. A Festa do Caldo de Ósos ten unha historia xa de 28 anos, como analiza a traxectoria da festa?
Cando comezamos, no ano 1985 non pensabamos que iamos estar no 2019 coa XXVIII edición, pero comezamos con moita ilusión e con moito traballo. Hai moita xente que traballou por esta Festa, e desde o Concello o que facemos é seguir traballando por ela e dando a coñecer o Concello de Taboada.
Que destacaría da edición deste ano?
Hai unha exposición de fotografías das Fachas de Castelo na sala de exposicións da Casa da Cultura. A mostra permanecerá aberta durante todo o mes e inaugúrase o día 2, aproveitando a cantidade de xente que vén á Festa. Para que poidan coñecer outros recursos do concello como son as Fachas, Festa de Interese Turístico de Galicia que se celebra na parroquia de Castelo na noite do 7 de setembro.
Haberá tamén un escultor en madeira que fará demostracións ao longo de todo o día, a exposición de coches clásicos,… polo demais a programación é similar á de anos anteriores.
E se chove?
Que chova, xa estamos acostumados. Se non é auga, é frío, neve,… A mediados de semana parecía que ía chover o domingo, pero agora as previsións non falan de choiva pola mañá. En todo caso a choiva incomoda, pero non é problema. A Praza de Riazón, onde de desenvolve a Festa, está cuberta.
Contamos que haxa moita xente, contactamos con Asociacións de fóra da provincia, no ánimo de dar a coñecer a Festa, e temos moitas confirmacións, principalmente da provincia da Coruña.
O pregoeiro un veciño de Taboada, José David Fidalgo, por que?
Para o pregón sempre tratatamos de que sexa xente vinculada ao concello. José David é de Taboada, pero residía no País Vasco, agora está xubilado e pasa máis tempo en Taboada. Está moi vinculado á Irmandade Galega no País Vasco e aos Centros Galegos nesta Comunidade. Leva o sentimento de Taboada e de Galicia alá onde vai, sobre todo no País Vasco e por todo isto e sendo veciño de Taboada pareceunos que podía ser o pregoeiro, e aceptou.
O alcalde, Ramiro Moure, sabe facer o caldo de ósos?
Se che digo a verdade nunca o fixen, gústame comelo, gústame… Se me teño que poñer a facelo igual o faría: ósos da soá do porco, acompañado duns garbanzos cunha pataca picada miúda e todo preparado a lume lento. Despois fáiselle un sofrito que é o que dá o gusto especial, iso depende do cociñeiro. No prato que se fai nas casas con moitvo da matanza hai xente que bota os miolos do porco. Moitos se saben que leva miolos non o quererían comer, pero nas casas e así na matanza. No día a día non se adoitan botar.
A Festa do Caldo de Ósos e o propio caldo, son un estandarte de Taboada? A xente asóciao a Taboada?
Hai moita xente que en canto falas de Taboada ou saben que son o alcalde de Taboada xa che falan e preguntan polo caldo de ósos e a Festa. Para nós é un prato moi característico. Ademais da Festa, moitos dos restaurantes de Taboada téñeno unha vez á semana no menú do día.
A organización da Festa depende só do Concello?
O peso económico si, ademais colabora a Asociación de Comerciantes e Industriais do gremio de Hostalería, tamén é unha Festa un pouco adicada ao sector. E colaboran e participan outras asociacións, como Marrao Enxebre, que organiza o Festóso e a Ruta, Rechouchíos e Os Deiquí.
Que lle diría á xente para que esta fin semana se achegase a Taboada?
Esperamos que o tempo nos acompañe e se non o fai, o caldo de ósos é o mellor remedio para non pasar frío. Hai actividades variadas e para todas as idades, comezando xa o sábado con Festa adicada a un público máis xuvenil. Boa gastronomía, boa xente,… A fin de semana pódese aproveitar para coñecer tamén outros atractivos do concello, como os pazos, o románico, as paisaxes, sobre todo na zona de ribeira,… Que veñan a Taboada a pasalo ben e a gozar cun prato único.