A fracción do residuo clasificado como ‘resto’ é a de maior peso, con 6.680 toneladas (6.680.893 kg) recollidos, o que representa o 88,4 % do total. Pola súa banda, a recollida de cartón e papel acadou as 310.400 kg; a de vidro, 281.890; a de envases mesturados, 208.780; e a de materia orgánica, 75.500 kg
Con estes datos, o alcalde salienta a importancia de “contar cun servizo de recollida de residuos eficiente, organizado e adaptado ás necesidades da cidade”, así como o traballo diario necesario para manter os espazos públicos nas mellores condicións.
“A limpeza da cidade e a correcta xestión dos residuos son cuestións fundamentais para a calidade de vida da cidadanía. Desde o Concello seguimos traballando para ofrecer un servizo eficiente, que responda ás necesidades do municipio e que contribúa a manter as rúas e os espazos públicos limpos e coidados”, sinala o alcalde.
Destaca o rexedor a importancia da colaboración cidadá para avanzar na separación dos residuos e favorecer a súa correcta xestión: “Manter unha cidade limpa é unha tarefa compartida. A responsabilidade municipal na prestación do servizo debe ir acompañada da colaboración dos veciños e veciñas, facendo un uso adecuado dos colectores e separando correctamente os residuos”.
Entre as melloras desenvoltas está a implantación do sistema de recollida da fracción orgánica mediante o cubo marrón que o Concello de Monforte entrega de balde aos veciños e veciñas que o solicitan. Este sistema incorporouse tamén no sector hostaleiro, ao que o Concello agradece a súa colaboración para mellorar a separación de residuos.

