O Alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, deu a coñecer oficialmente o cartel anunciador e a programación da XXXXIX edición da Feira do Viño de Amandi esta mañá no espectacular e soleado miradoiro do lugar de Doade.
No acto estivo acompañado do autor do cartel, o monfortino Rodrigo Coucheiro, de Raquel Arias, Delegada Territorial da Xunta, e dunha representación de adegueiros de Sober. Gran representación de medios deron conta do mesmo nunha mañá de sol espectacular e ao remate convidouse a unha degustación de viños de Amandi con aperitivo incluído.

O rexedor soberino deu conta da programación do “Mes do Amandi”, con abondosas actividades que se desenvolverán durante o tempo que transcorra ata as datas da feira, os días 13 e 14 de abril, e tamén da propia programación deses días, na fin de semana grande do evento.
Tamén presentou o cartel e ao seu autor, Rodrigo Coucheiro, deseñador afeccionado quen agradeceu a oportunidade do concello con este tipo de concursos para que xente que se dedica, profesionalmente ou non, ao deseño gráfico poda presentar as súas obras. Tamén dixo que a Ribeira Sacra ten moitos elementos onde inspirarse como poden ser as paisaxes, os sabores…

En relación á obra o autor dixo que quería facer algo sinxelo e con moito colorido para conseguir que quede con máis facilidade a imaxe no espectador. Na composición feita representa elementos propios e característicos de Sober en relación á súa paisaxe e á súa viticultura, cun estilo de inspiración moi ‘Bauhaus’. Nel aparece unha botella de Amandi, unha copa de viño tinto, o sol, a ponte de Doade e liñas rectas que, segundo o autor, representan de forma simbólica os bancais das viñas.
En vindeiras edicións daremos conta ao detalle da programación de actividades, que son moitas e variadas.