O pasado 15 de marzo, un día normal de traballo para Pablo no seu obradoiro da Toca, en Quiroga, contactaban da AGACAL -Axencia Galega da Calidade Alimentaria- para pedirlle unha peza de madeira moi particular. Querían unha artesa pequena de madeira para presentar queixos e igual outros produtos típicos de Galicia na visita que fará o Rei a Galicia o mércores 20 de marzo.
O motivo da visita da S.M. a terras galegas enmárcase no acto central do “Día Internacional dos Bosques 2019” que impulsa ‘Juntos por los Bosques’, colectivo que agrupa a máis de 30 entidades representativas do sector forestal, en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia. A xornada terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón, e incluirá varias ponencias e actividades.
Pois ben, volvendo ao encargo, Pablo nun primeiro momento tras ver por whatsapp o tipo de artesa que lle pedían dixo que nese momento non tiña nada polo estilo e colgou o teléfono. Minutos despois, tras poñer a funcionar as neuronas e sacar esa capacidade de improvisación típica dos artistas, chamou á persoa que lle fixera o encargo, concretamente a Xefa do Departamento de Promoción da Calidade Agroalimentaria.
Nesta segunda conversación díxolle que non se preocupara que antes do mércores tiña a artesiña en Santiago. E así foi, púxose mans á obra e o sábado 16 xa a tiña rematada. O luns xa ía camiño de Compostela acompañada ademais dunha meleira e dunhas táboas en madeira de oliveira para presentar queixos.
A finalidade da artesa e dos utensilios que complementan o envío á Xunta servirán para unha presentación enxebre de alimentos da nosa terra, queixos pero quizais tamén mel e outros produtos, e que luzan ben aos ollos do Rei Felipe VI.
A empresa Armaior, especializada na elaboración de útiles de cociña en madeira de oliveira, demostrou a súa eficiencia e, quen sabe, ao mellor consegue ‘colocar’ na Casa Real algunha das súas pequenas obras de arte…