Formación para guías de Turismo Científico Observer dos Ancares e o Courel

Os Guías Observer das Montañas de Ancares e O Courel son profesionais capacitados para desenvolver accións de Turismo Científico nestes espazos naturais, para a formación desenvolveranse actividades en Lugo e Quiroga.

Montañas do Courel. Foto: XMF

A Deputación ofrece esta formación para capacitar a profesionais como Guías OBSERVER de Turismo Científico nas Montañas de Ancares e Courel. Os destinos con esta distinción da provincia, disporán así de guías acreditados por OBSERVER, con coñecementos específicos para guiar a grupos e explicar os valores e recursos destes espazos naturais desde unha óptima vinculada a calquera disciplina da ciencia como a botánica, a zooloxía ou a xeoloxía entre outras.

O curso diríxese especialmente a profesionais e empresas do sector situadas na contorna socio-económica de Ancares e Courel. Tamén poden participar outras persoas que pretendan desenvolver o seu traballo nese mesmo territorio e precisen formarse e especializarse en Turismo Científico.

A formación ten unha duración de 30 horas e é de balde. Será os días 29 e 30 de abril en Lugo e os días 6 e 7 de maio no Concello de Quiroga en horario de mañá e de tarde. O prazo de inscrición xa está aberto a través do correo electrónico guias@observersciencetourism.com. Pódese obter máis información nos teléfonos 881 97 96 30/ 677 347 259.

Os destinos de Turismo Científico OBSERVER son espazos naturais protexidos que desenvolven un modelo turístico pensado especialmente para divulgar os seus valores naturais e conservalos. Recentemente, o enclave natural dos Ancares e o Courel recibiu a certificación Reserva Observer Turismo Científico que avala o potencial deste territorio como reserva científica. Trátase dun proxecto impulsado polo organismo provincial en para o que achegou preto de 70.000 euros cos que impulsar un turismo sostible.

Este proxecto abrangue aos 16 concellos integrados no territorio: Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Baleira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. En total, o territorio cobre 102.635 hectáreas entre Os Ancares e O Courel na que será a maior zona de estudo científico de Galicia.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here