HomesociedadeSober, un gran escaparate da Ribeira Sacra

Sober, un gran escaparate da Ribeira Sacra

O Domingo de Ramos todo o mundo 'comulga' co viño de Amandi e con este territorio. Dende a pregoeira, María do Ceo, ata as autoridades políticas presentes no evento, todos coinciden na exaltación desta terra e do potencial económico que ten a nivel mundial.

Publicado o

- Advertisement -

O recinto feiral que acolle os postos das adegas, 24 presentes nesta edición, estaba ateigado de xente contra as 13:00 h. cando facían acto de presenza na carpa que hai diante da Casa do Concello as diferentes autoridades, empezando polo Alcalde Luís Guitián, e continuando coa representación do concello invitado, O saviñao, o deputado de Turismo da Deputación, Eduardo Vidal, e o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

O acto protocolario foi guiado pola xornalista de Onda Cero Monforte, Manola Porto, quen, despois dos diferentes discursos das autoridades nos que se gabou o viño de Amandi e os potenciais vitivinícola e turístico dunha Ribeira Sacra que quere ser Patrimonio da Humanidade, deu paso a María do Ceo, a pregoeira desta edición.

A pregoeira, María do Ceo. Foto: Prensa Sober

O pregón estivo trufado de referencias ao viño ripadas da sabedoría popular galega e portuguesa e tamén de frases de celebridades de todos os tempos e rematou cunha canción composta por ela con letra de Armando González adicada aos viños da ‘Riboira Sacrata’ como ela mesmo dixo. A canción que interpretou, acompañada pola Banda de Música de Sober, foi a seguinte:

RIBEIRA SACRA

Pendurada ó Sil, calma e valente, engaiolas o sol coas cepeiras, sorbes da terra dozuras meigas: matriz miuda, meloso abrente.

Caste que agromas do mesmo cerne terra fecunda: Lugo e Ourense,

¡leda os lindeiros cachos que ó leste tintan e arrolan uvas no berce!

Ribeira Sacra padal de mestres, catedral de goios e videiras, acios gabados da cor campeira, gallardos caldos de bagos febles.

Ribeira Sacra viño fulxente, revistes de veludo e xaneira o grolo lento de lumieira.

¡Engrea a quen te cata mainamente!

Dende a rodriga polas pendentes, deica a desfolla nas túas ladeiras, enches bacelos, colmas ringleiras, dos vindeiros caldos excelentes.

Ribeira Sacra flor que recendes, cor de picota, tella e cereixa, gusto de amora, arando e grosella, prez de madeira, beizón silente.

Ribeira Sacra viño fulxente, revistes de veludo e xaneira o grolo lento de lumieira.

¡Engrea a quen te cata mainamente!

María do Ceo coa Banda de Música de Sober. Foto: P.S.

Unha das pegas que ten este momento é que o gran barullo ambiental fai difícil, por non dicir imposible, que a xente presente no recinto feiral poida escoitar os discursos e o pregón.

As adegas premiadas foron Don Bernardino, Viña Peón, Finca Cuarta e Val da Lenda. Val da Lenda, gañadora barrica. En tintos: Don Bernardino, Viña Peón e Finca Cuarta e en branco Don Bernardino.
Raquel Arias, Luis Guitián e Francisco Conde cos adegueiros premiados. Foto: P.S.
Eduardo Vidal entregando un premio. Foto: Prensa Deputación.
Unha das curiosidades desta edición foi a exhibición en directo da talla en madeira con motoserra a cargo do escultor Eugenio Linares. A obra, que comezou o sábado, estaba xa moi avanzada contra a tarde deste domingo. A talla representa un escano cunha barrica nun extremo e un acio no outro.
Escultura en madeira feita con motoserra / XdL

ÚLTIMAS

‘Ok(c)toberfest’ no barrio de Carude, en Monforte

O popular barrio de Carude, en Monforte de Lemos, vivirá este sábado unha xornada...

Sarria celebra dez anos do Esmorga Fest os días 17 e 18 de outubro

O festival comeza o venres 17 ás 20:00 horas coa apertura de portas na...

Publicadas as listaxes definitivas de admitidos no Programa Activa de Monforte que abre prazo extraordinario para cubrir vacantes

Xa están publicadas na páxina web municipal as listaxes definitivas de persoas admitidas nas...

Prodeme participa no Meeting Internacional Special Olympics 2025

Son 9 os deportistas de PRODEME quen viaxaron a Castelló, 7 xogadores compiten na...