Un incendio calcinou por completo unha casa no concello lucense de Carballedo, concretamente en Vilaquinte. Aínda que na vivenda residen catro persoas, ningunha delas resultou ferida.
Segundo informa o 112, os feitos ocorreron sobre as 7,30 horas da mañá, cando a Garda Civil contactou coa central de emerxencias para informar o lume indicando que eles foran alertados por un particular. Tamén á mesma hora, o 112 recibiu a chamada doutra persoa particular para advertir que había un incendio na casa da súa veciña e que esta pedía axuda.
Tras isto, os xestores do centro de emerxencias alertaron aos bombeiros de Chantada, que se desprazaron ata o lugar, e puxeron os feitos en coñecemento dos efectivos de Protección Civil da localidade e de Urxencias Sanitarias-061, por se fose necesaria a súa intervención.
Unha vez no punto e extinguido o lume, os bombeiros confirmaron que ardera o primeiro piso da casa por completo, o baixo tamén se viu afectado e o tellado colapsara. A pesar dos danos materiais, ningún dos catro residentes, entre eles unha persoa de avanzada idade, necesitaron asistencia médica. Polo momento, descoñécense as causas que orixinaron as chamas.