O xuízo contra un home acusado de provocar varios incendios forestais en diferentes puntos dos municipios de Ribas de Sil e Quiroga, na Ribeira Sacra lucense, no verán de 2019, quedou este venres visto para sentenza no Xulgado do Penal número 1 de Lugo.
Tras a primeira sesión, celebrada o pasado 19 de setembro, a segunda vista centrouse este venres na defensa do acusado, imputado por un presunto delito continuado de incendio forestal e no que non se chegou a un acordo de conformidade porque as partes mantiveron as súas posturas iniciais.
O Ministerio Fiscal ratificou a súa petición de catro anos de cárcere para o acusado, veciño do municipio de Ribas de Sil e antigo traballador da Brigada de Extinción de Incendios Forestais do mesmo concello, ademais dunha indemnización superior aos 50.000 euros ao Servizo de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia en concepto de responsabilidade civil.
A defensa do acusado, responsable de provocar, segundo o escrito fiscal, seis incendios forestais entre os días 2 de xullo e 2 de agosto de 2019 –no primeiro escrito de acusación imputábanselle oito focos– citou a declarar a tres testemuñas: unha veciña, un antigo socio e o pai do acusado.
Tamén compareceu ante a xuíza un representante do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) como responsable da conservación da N-120, a estrada afectada polos citados incendios —que calcinaron en total unha superficie próxima ao oito hectáreas– quen manifestou que a vía sufriu cortes de circulación pero non “danos materiais”.
A DEFENSA ARGUMENTA QUE O CASO SE BASEA EN RUMORES
Tras a declaración das testemuñas da defensa chegou a quenda das conclusións. A fiscal asegurou que a intencionalidade dos incendios está fóra de toda dúbida, que como antigo brigadista profesional o acusado “coñecía perfectamente o terreo, as condicións meteorolóxicas e as vías de acceso” ao monte e que tiña un especial “interese” en que a brigada disolta en Ribas de Sil antes da onda de incendios volvese constituírse.
Tamén fixo fincapé a Fiscalía no “modus operandi” do presunto culpable, que provocaba, ao seu xuízo, “conatos de incendio para chamar a atención” e que “sempre era o primeiro en chegar” ao lugar dos feitos. Os testemuños das testemuñas presenciais que aseguraron ver ao acusado na zona dos incendios probaría, segundo o Ministerio, a súa autoría.
O avogado da defensa, pola súa banda, defendeu a inocencia do seu cliente na fase de conclusións, asegurou que a acusación se atopa baseada “en rumores de testemuñas sen identificar”, que o modus operandi “non representa proba algunha” e que a zona en que se iniciaron os incendios atopábase naquel momento sen rozar.
A sesión, que se prolongou durante máis de hora e media, concluíu coa intervención do acusado, que reiterou a súa inocencia asegurando que a súa presenza no lugar dos feitos limitábase a “alertar e socorrer” do perigo, o mesmo, dixo, que “debería facer calquera cidadán”. O veredicto final coñecerase ao longo das próximas semanas.