Un incendio calcinou na madrugada deste domingo un edificio en desuso propiedade de Naturgy e situado en Chantada. Concretamente, a construción localízase na parroquia de San Fiz, preto do encoro de Belesar. Segundo as fontes de emerxencias consultadas, os Bombeiros de Chantada acudiron ao lugar arredor das 02.00 horas e, cando chegaron, o lume atopábase xa nun estado avanzado.
Unha vez rematadas as tarefas de extinción, os efectivos do parque informaron o 112 Galicia de que a construción ardera por completo. Polo momento, non transcenderon detalles sobre a posible causa do incendio.

