HomeEn profundidade“Ser músico profesional leva un mínimo de 12-14 anos de formación e...

“Ser músico profesional leva un mínimo de 12-14 anos de formación e non hai atallos, sexas quen sexas”, Gonzalo Herrero, director da Escola de Música Moderna de Monforte

No ano 2013 nacía este centro de música moderna, escola que teñen posto xa como referencia en cidades como Londres ou Madrid. Ten a prestixiosa concesión Rockscholl, presente en 40 países e coa titulación de música moderna máis e mellor valorada do mundo. Alumnos e alumnas de lugares tan distantes como Santiago, Coruña ou Pontevedra achéganse a Monforte para recibir formación musical nela. Falamos co seu director.

Publicado o

- Advertisement -

Gonzalo Herrero é monfortino, chama a atención que non teña músicos/as na familia pero falando con el descubrimos que é pura paixón falando do seu oficio, de música e do proceso de formación nesta disciplina artística. Cóntanos moitas cousas, entre elas que a música dá a vida e axuda a crecer en moitos aspectos, tamén no psicolóxico, porque a carreira musical é unha carreira de fondo que fai pasar por moitos estados de ánimo. Superados estes, fan a un máis forte e sempre que a vontade sexa firme chégase á meta, así o entende o propio Gonzalo.

A Escola de Música Moderna de Monforte ten a concesión Rockscholl dende o ano 2013, ano do sen nacemento na cidade do Cabe. Para obtela cómpre alcanzar uns estándares de calidade moi altos que teñen en conta, entre outras cousas, instalacións, titulación do profesorado e organización interna. Esta ‘marca’ que a avala, e o seu bo facer no apartado formativo, con moi bos profesores e un sistema de aprendizaxe adaptado aos alumnos/as estalle dando unha moi boa reputación, da que Gonzalo está especialmente orgulloso porque tamén pon a Monforte no mapa nacional e incluso internacional. Tal é a boa sona e prestixio do centro que ata aquí veñen músicos/as de diferentes puntos de Galicia e non só da contorna de Lemos.

Entrada da Escola de Música Moderna de Monforte / XdL

Falamos con Gonzalo Herrero, para coñecer algo máis este centro de estudo de música moderna, da súa experiencia, de proxectos e dos falsos mitos “daqueles que se cren músicos” sen selo realmente.

De onde che vén a afección á música?

O certo é que na miña familia non hai músicos. Todo empezou cando tiña 18 anos, antes non tocara nunca un instrumento. A verdade é que me gustaba moito o baixista de Red Hot Chilli Peppers, Flea. Vino nun concerto e fíxenme a promesa de que algún día tocaría como el. Diso hai xa 15 anos e dende entón non parei de estudar e de formarme. Actualmente dedico integramente o meu tempo á música.

No ano 2013 decides montar unha escola de música moderna en Monforte. Que te motivou a facelo? 

Saía de varios traballos que non me satisfacían y decidín dedicar a miña vida por completo á música. Tamén quería ofrecer unha alternativa diferente a Monforte, unha saída profesional a mozos e mozas que non atopaban a súa motivación. Penso que non tería sentido facelo noutro lugar; cando se alcanza un alto grado curricular un debe desenvolver as súas habilidades no lugar do que procede. Quería que Monforte se enriquecera con esta proposta, que o meu curriculum aportase un valor engadido. Sumar e crear un dos mellores centros de música moderna de España na miña cidade foi a miña principal motivación. Por máis que me chamaron tolo naquel momento, conseguín que hoxe sexa unha realidade.

“Saía de varios traballos que non me satisfacían y decidín dedicar a miña vida por completo á música”

Que xéneros se ofrecen e cales están funcionando mellor na escola?

Abarcamos todos os xéneros da música moderna, música que se define por descarte : “todo o que non é música clásica”. Dende o pop ao jazz, pasando polo rock, o metal, a música latina ou o soul. O noso programa é rico en estilos e formamos a músicos integrais para poder executar calquera deles con total garantía de estar facendo un bo traballo. Crear, compoñer, arranxar, improvisar. Dende o nivel máis básico ata o maior nivel interpretativo.

Por que a formación que impartides é “diferente e efectiva”?

Porque a nosa metodoloxía está en constante evolución. O noso sistema adáptase aos novos tempos abranguendo todos os estilos de música moderna e creando músicos cun coñecemento integral; músicos/as que saber ler, compoñer, crear, improvisar e adaptarse a calquera estilo. Na escola ensinamos a tocar dende a fase máis inicial ata o máis alto nivel de interpretación cun sistema de 14 anos de formación, sendo o grao máis alto unha licenciatura a todos os efectos. Tamén somos diferentes porque ofrecemos a posibilidade de formación adaptada a cada alumno ou alumna, de forma flexible sen ataduras estritas a un plan de estudio.

“Calquera que remate a formación na nosa escola poderá atopar saídas profesionais como músico ou música en todo o mundo”

Que valor ten que sexades unha escola Rockscholl (RSL)?

Rockschool é unha organización examinadora con sede en Londres, parte musical do grupo RSL Awards que tamén abrangue artes escénicas e saídas cara o mundo da produción ou a industria musical. A titulación está enmarcada no Plan Bolognia e para saber a que corresponde cada título en cada país da UE existe unha táboa de equivalencias MEC (Marco europeo de cualificacións). Calquera que remate a formación na nosa escola poderá atopar saídas profesionais como músico ou música en todo o mundo. Rockscholl está presente actualmente en 40 países e pode presumir de ter a titulación de música moderna máis e mellor valorada do mundo.

Gonzalo Herrero, orgulloso de que se tome como referencia a súa escola de música / XdL

Cónstanos que veñen alumnos/as de bastante lonxe, verdade? Algún caso ou casos que chamen a atención?

Si. Abarcamos principalmente xente duns 30-50 quilómetros á redonda. Chantada, Ribas de Sil, Sarria, Lugo, A Rúa ou Ourense son algúns dos lugares dos cales recibimos alumnos/as no centro. Chámanos a atención casos de alumnos e alumnas que se desprazan dende lugares máis remotos como Santiago, A Coruña ou Pontevedra e que fagan ese sacrificio porque consideran a escola como un referente en Galicia. Persoalmente é un gran orgullo recibilos en Monforte.

“Non é a primeira vez que dende Londres nos poñen como referencia do traballo ben feito e da organización”

Como chegan a vós, polas instalacións ou polo prestixio e as boas referencias?

Un pouco por ambas. As instalacións das que dispoñemos son impensables en calquera cidade galega; 350 metros cadrados co último en tecnoloxía sería demasiado custoso de manter tendo en conta ademais que as aulas teñen que estar insonorizadas e sonorizadas. Dámoslle moita importancia á imaxe, ao deseño e coidamos cada detalle pensando que cada alumno e alumna é un proxecto novo ao que mimar para axudarlle a sacar todo o seu potencial. E tamén inflúe o tema da reputación, o noso altísimo índice de aprobados -o máis alto de España- fíxonos ganar sona e non é a primeira vez que dende Londres nos poñen como referencia do traballo ben feito e da organización. Tamén é normal que nos chamen dende Madrid para pedirnos opinión sobre aspectos relacionados co desenvolvemento da escola. Estes recoñecementos fannos estar moi satisfeitos e cremos que Monforte tamén pode estar orgulloso de contar cunha escola deste prestixio e calidade a nivel internacional.

Contento coa evolución destes 6 anos de traxectoria? Que queda por mellorar, se é que hai algo?

Sempre se pode mellorar. A nosa filosofía é a da evolución continua, o traballo intenso e a paixón polo que facemos. No persoal, e polo meu perfeccionismo, sempre atopo algo no que enfocarme e mellorar. Sen ir máis lonxe, neste último ano xa cambiaron moitísimas cousas e temos en mente proxectos a 5 e 10 anos vista nos que estamos a traballar.

Podes adiantarnos algo deses proxectos?

Prefiro non comentar nada, igual alguén colle ideas (risas). Xa iredes sabendo, permanece atentos (risas).

Parécenos a nós ou é unha realidade que en Galicia hai moita inquietude musical? 

É certo, hai unha gran inquietude pero ao mesmo tempo a mentalidade é moi complicada. Cústanos facer ver á xente que esta titulación é real e que poden ter moitas saídas, moito máis alá do que imaxinan. Custa tamén sacar á xente da música clásica e da tradicional, moi arraigadas en Galicia ou convencelos/as de que unha muiñeira pode fusionarse co jazz se tes os coñecementos axeitados. Somos conscientes de onde estamos e parte do noso labor é xerar ese cambio, pouco a pouco imos conseguindo cousas, tempo ao tempo (risas).

Respecto á pregunta anterior e sendo crítico, hai moitos galegos/as que tocan instrumentos pero poucos que se podan considerar como músicos/as?

Esta é unha boa pregunta. Si, a música é quizais a profesión con maior intrusismo laboral que existe. Hai moita xente que se aproveita do gran descoñecemento que hai e dos falsos mitos como por exemplo: “só podo obter un título válido nun conservatorio”, “non fan falta coñecementos de teoría para ser músico”, “eu xa canto estupendamente e non necesito que ninguén me explique como funciona a miña larinxe”, “non necesitas ningún título para dar clases”, ou “eu mesmo compoño as miñas cancións”.

Sen entrar nestes falsos mitos, atréveste logo a contestar se tocar un instrumento te converte en músico?

Ter creatividade, ser rápido tirando escalas, cantar estupendamente nos karaoke das ceas dos teus colegas, ver moitos titoriais en youtube e que che dea catro clases un músico coñecido non te converten en músico. Un músico profesional ten unha serie de habilidades que só se adquiren e non nacemos tocados por unha variña máxica para que os demais admiren a nosa facilidade interpretativa, tal e como pretenden facernos ver os programas de televisión.

“A música non é un don de seu, é traballo e máis traballo”

Supoño que te refires aos ‘Talent Show’ que están tan de moda?

Si. Creo que este tipo de programas son unha arma de dobre folla. Por un lado alentan e motivan á xente a ser músicos/as, cousa que é positiva; pero por outra parte, e sabendo que todo o televisivo está baseado no diñeiro, as ‘mentiras da televisión’ fan ver aos participantes que teñen talento e que parezan auténticos profesionais cando iso non se consegue en 4 ou 5 meses.

A música non é un don de seu, é traballo e máis traballo. Resistencia á frustración, capacidade de arranxar, de compoñer, improvisar en calquera estilo, entendemento da linguaxe estilística, dominio de células rítmicas, gusto, análise, harmonía, composición integral, capacidade de adaptación, técnica, desenvolvemento técnico, lectura a primeira vista e interpretación a calquera nivel de intensidade e dificultade, presenza no escenario, capacidade de transmisión de coñecementos, psicoloxía, aptitude…

“Ser músico profesional leva un mínimo de a 12-14 anos de formación e non hai atallos sexas quen sexas”

Pois si que fan falta coñecementos para chegar a músico/a…

Aínda me quedo curto coa explicación. Ser músico profesional leva un mínimo de a 12-14 anos de formación e non hai atallos sexas quen sexas. Todo o demais son estratexias de márketing enganosas.

Ademais de escola de música sodes promotora de eventos. Cóntanos.

Pois si, temos varias alternativas para cerimonias, festas privadas ou programacións musicais en xeneral. Dispoñemos da formación ‘Nectarine Soul’, de DJ e dous dúos, un deles composto por contrabaixo e voz e o outro por piano e voz. Este verán tivemos moita demanda, principalmente para vodas, pois damos solucións completas para o apartado de acompañamento musical. Por certo, tamén somos punto de venda de ‘Matiz Instrumentos’ que ten Andrés Montes de Ourense.

Unha mostra de instrumentos á venda na propia escola / XdL

E para rematar, Gonzalo, por que cres que ‘a música é vida’?

A música é vida porque a min salvoume a vida. De non ser pola música non houbera atopado a miña motivación, e en etapas moi difíciles converteuse na crisálida que necesitaba para poder sobrevivir. Cando tocaba era para min unha evasión, non existían os problemas. Foi a miña balsa e deume unha razón pola que loitar, medrar e vivir. A música ponte en contacto coa xente, ensina a ceder, a traballar en equipo, a expresar emocións sen necesidade de usar palabras, a ser máis forte, a quererse e aceptarse polo que un é. E o máis importante, ensina disciplina e a non renderse nunca, a seguir e conseguir os soños, valorar á xente que temos arredor e que cre en nós cando xa non podemos máis. Si, non hai dúbida, a música é vida.

Placa que acredita ser Centro oficial en España de RSL

ÚLTIMAS

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van...

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...