EFE/Redacción.- Axentes do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil están a practicar desde primeiras horas desta mañá de xoves diversos rexistros domiciliarios nas localidades de Monforte de Lemos e Sarria, nunha operación conxunta contra unha banda relacionada con asaltos e roubo e intimidación a persoas que querían adquirir vehículos de alta gama previamente anunciados en páxinas de compravenda.
Fontes policiais confirmaron a EFE que esta operación está a ser coordinada por un Xulgado de Ourense, que decretou o segredo de sumario. De feito, os mesmos informadores precisaron que se practicaron varias detencións e tamén se realizaron outros rexistros domiciliarios na cidade de Ourense.
En total, procedeuse á detención de once persoas, veciñas de Monforte, Sarria e Ourense. Algúns dos detidos xa contan con diversos antecedentes por delitos contra o patrimonio. A operación continúa aberta e prevense máis arrestos.
O inicio das investigacións remóntase ao mes de setembro, cando as persoas agora detidas levaroon a cabo a súa primeira acción no lugar de Treilán (Sarria). Baixo a escusa de efectuar a venda dun coche, asaltaron a punta de pistola os compradores que se desprazaron ata o lugar. Acabaron por roubarlles o diñeiro pactado previamente por Internet, a fío do anuncio do vehículo que ían adquirir.
A este feito seguíronlle outros de similares características en Monforte de Lemos, San Miguel de Donas (León) e Coles (Ourense) durante os últimos meses. En todos eles, a maneira de actuar foi semellante. Os autores, despois de intimidar os compradores con armas de fogo, agredíanos e inmobilizábanos para poder subtraerlles o diñeiro.
OUTROS DELITOS
Ademais dos citados delitos violentos que motivaron a investigación, no transcurso desta púidose constatar tamén a súa participación noutros delitos de estafa e apropiación indebida, consistentes na venda de polo menos 3 furgonetas ou autocaravanas de elevado valor que antes foran alugadas.
Acaba no hospital e sen 20.000 euros tras ser vítima dunha banda de falsos vendedores dun Porsche