No discurso inaugural de benvida o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, incidiu en que “este evento non pretende competir con ninguén, todo o contrario, pretende sumar e unir esforzos, poñendo o colofón ás magníficas Feiras do Viño que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe”.
Ademais de agradecer a presenza dos 27 adegueiros e adegueiras, salientou a importancia que ten o sector vitivinícola para a economía da comarca, un sector que compaxina tradición e innovación e que compite con calquera denominación do Estado español e tamén no eido internacional “como atestiguan os premios acadados nos eventos estranxeiros”.
Tras a benvida do Alcalde do Concello de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, tomou a palabra o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López. O escollido para exercer de pregoeiro do Festival destacou a importancia do viño ao longo de toda a historia e enxalzou a importancia económica do sector vitivinícola na D.O. Ribeira Sacra.
O reitor salientou tamén a aposta forte que a USC fai polos sectores primarios, agrario e gandeiro, a través do Campus Terra de Lugo, e reafirmou o seu compromiso de colaboración coa Deputación de Lugo, coa que colabora estreitamente en diversos proxectos a prol da provincia de Lugo.
Tras a intervención do reitor da USC, a comitiva institucional conformada por diferentes autoridades provinciais e municipais da contorna, levou a cabo un percorrido polos diferentes postos presentes no Festival con brinde oficial conxunto incluído.
FESTIVAL DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA E MONFORTE
Na edición deste ano participan 27 adegas da D.O. Ribeira Sacra, dúas máis que na última edición, que ofrecen unha ampla variedade de viños nun recinto feiral moi ben deseñado e á beira do Río Cabe no coñecido Paseo do Malecón de Monforte.
O programa de actividades paralelas segue o modelo das anteriores edicións cunha oferta variada para satisfacer a todos os públicos. A intención é que o visitante viva unha experiencia gozosa e poida coñecer, ademais dos caldos desta Denominación de Orixe, a historia, tradición e cultura da Ribeira Sacra.
A oferta complementaria ao viño para os/as que se acheguen estes días 2 e 3 de xullo a Monforte de Lemos é ampla e variada. Dende apuntarse ás “ViñoRutas” –Tel 611 533 271– para realizar viaxes organizados, coñecer a ‘viticultura heroica’ e descubrir a beleza dos ríos e das abas e bancais onde nacen os caldos da Ribeira Sacra, ata gozar da gastronomía e da música.
No recinto feiral haberá oferta gastronómica de produtos da comarca, obradoiros infantís –olería tradicional e taller sensorial–, contacontos con Brais e Anxo Moure e, como novidade este ano, talleres de iniciación á cata baixo o título “Descobre… Viños da Ribeira Sacra”.
Moi preto do recinto de expositores, na Praza de Santo Antón –onde a Casa do Concello– programáronse concertos as noites do venres 1 e do sábado 2 de xullo. O venres 1 actuou ás 23:00 o solista e compositor “Pol 3.14” e este sábado actuarán ás 23:00 h. “Nova Galega de Danza e Rosa Cedrón”, participando xuntos dun espectáculo que leva por título Leira.