HomeTerra de LemosMonforteMonforte conta cunha nova zona de esparexemento e aparcamento no barrio do...

Monforte conta cunha nova zona de esparexemento e aparcamento no barrio do Hospital

Esta mañá quedaba inaugurado o novo Parque do Barrio do Hospital, unha infraestrutura que conta cunha extensión duns 8.500 metros cadrados para paseo e lecer infantil ademais de aparcamentos para 64 automóbiles, motos e bicicletas.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Ás 12:30 h. da mañá procedeuse á inauguración oficial do Parque do Barrio do Hospital, acto no que estiveron presentes o alcalde José Tomé e outros concelleiros e concelleiras da corporación. Xunto a eles estaban representantes da empresa que fixo as obras e o presidente da Asociación de Veciños do Barrio do Hospital, Miguel Ángel Pino.

O rexedor monfortino destacou que “hoxe é un día moi bonito porque cumpro o meu compromiso coa Asociación de Veciños do Barrio do Hospital e cos monfortinos e monfortinas, de construír neste barrio un novo parque público, nun barrio relativamente novo onde a maioría dos habitantes son xente nova e con nenos pequenos. Dende hoxe, tanto os veciños do barrio coma todos os monfortinos e monfortinas poderán disfrutar das súas instalacións”.

Este novo parque público da cidade ubícase na parcela que linda coa finca do Hospital Comarcal, coa rúa Corredoira, coa rúa Codesás e coa Ronda María Emilia Casas Baamonde, nunha extensión de algo máis de 8.500 metros cadrados. A nova infraestrutura urbana da cidade conta con varias zonas de céspede dotadas de mobiliario urbano, cunha zona de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, zona de elementos biosaudables de ximnasia para maiores, así como alumeado e saneamento propios.

Como complemento ao anterior incorpora tamén 64 prazas de aparcamento para automóbiles, motos, bicicletas e prazas para eivados, o que beneficiará tanto á xente que vai ao Hospital Comarcal como aos que viven no barrio e o resto de usuarios da cidade que o necesiten.

Momento protocolario da inauguración / XdL

ATRANCOS NO CAMIÑO

Tomé Roca, en declaracións á prensa presente no acto, lembrou as dificultades que atopou o equipo de goberno ata este momento da inauguración. Dende as xestións administrativas e preitos xudiciais para conseguir os terreos ata a nova adxudicación do proxecto a unha nova empresa, feito que atrasou e encareceu o proxecto e custe inicialmente previsto.

A pregunta dun medio referida a este sobrecuste, o alcalde dixo non saber o importe exacto, recoñeceu ese incremento e xustificou o mesmo referindo que houbo que reconstruír parte da obra que iniciara a empresa anterior, como o muro que hai facendo ‘L’ na parte do Hospital e da Rúa Corredoira, así como melloras que incorporou o proxecto da nova empresa adxudicataria, Calfensa Proyectos S.L. O importe polo que se adxudicou en segunda instancia o proxecto construtivo tivo un importe de 590.347,87 euros.

O investimento final do Concello para a construción deste Parque alcanzou os 600.000 euros, dos cales 150.000 euros son aportados pola Deputación de Lugo, sendo o resto do orzamento total aportado polo Concello.

ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DO BARRIO DO HOSPITAL

Representando á Asociación de Veciños do Barrio do Hospital estaba Miguel Ángel Pino, quen amosou satisfacción polo remate da obra indicando que “dará servizo ao Hospital e á veciñanza do barrio e ao resto de Monforte”, e trasladou palabras de agradecemento ao concello “por mellorar o barrio”.

O alcalde, referíndose á asociación lembrou que no seu día, cando estaban en contacto con eles para falar do proxecto “non pensaban chegar a velo e aí está”.

En primeira liña, Gloria Prada, José Tomé e Miguel Ángel Pino / XdL

ANTECEDENTES

O 30 de setembro de 2019 o Alcalde de Monforte deu a coñecer un proxecto para a construción dun novo Parque público no Barrio do Hospital. Ese mesmo día, iniciouse o procedemento para alcanzar estes obxectivos de construción do novo parque, xa que o Pleno da Corporación municipal aprobou a declaración de interese social da parcela onde se ideou construír esta nova infraestrutura urbana.

En decembro de 2020, o Concello obtivo da Xunta de Galicia o permiso para expropiar os terreos necesarios para levar a cabo este proxecto do futuro Parque do Hospital. A partir de aquí puxo en marcha o proceso para a licitación das obras de construción do novo Parque.

Adxudicado o proxecto, a empresa que tiña que facer as obras paralizou as mesmas o pasado verán alegando diferenzas económicas co Concello de Monforte, alegacións que non foron atendidas. Neste punto, e alegando incumprimento na execución de ditas obras no prazo establecido, o Concello de Monforte procedeu á rescisión do contrato, decisión que foi ratificada polo Consello Consultivo de Galicia. Procedeuse, logo, a unha nova licitación e adxudicáronse as obras á empresa Calfensa Proyectos S.L. que foi a que rematou os traballos este mes de outubro.

ÚLTIMAS

Os deputados do PP denuncian “trato discriminatorio” do Goberno de Sánchez coa veciñanza de Santo Estevo do Sil

Os deputados do PP lucense -Francisco Conde Jaime De Olano e Cristina Abades- trasladan...

Inscricións de novas viñas en suspenso en concellos que non teñan aprobada unha delimitación planimétrica

O pleno do Consello Regulador Ribeira Sacra reuniuse o pasado 10 de febreiro de...

A futura ‘Área Recreativa e Praia Fluvial de Monforte’ terá capacidade para acoller a unhas 20.000 persoas

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, informou en rolda de prensa...

Estudantes do IES A Pinguela destacan na fase galega da Olimpiada de Xeoloxía

Corenta alumnas e alumnos de institutos da provincia de Lugo (IES Fontem Albei da...