O concello de Monforte convoca o Concurso para determinar os/as atletas e clubs máis destacados do ano 2024, que este ano alcanza a 10ª edición. A convocatoria recolle as seguintes categorías: Mellor deportista, masculino e feminino, absoluto, Mellor deportista promesa, masculino e feminino, Mellor adestrador ou adestradora, Mellor árbitro/a ou xuíz/a, Mellor equipo de categoría de base, Mellor equipo de categoría absoluta, Mellor entidade deportiva na promoción do deporte, Premio á deportividade e ó xogo limpo.
Establécese ademais unha categoría denominada “Excelencia Deportiva” que poderá conceder o xurado cualificador a aqueles/as candidatos/as que teñan un historial e uns méritos deportivos sobresalientes.
A presentación de candidaturas poden facela os propios candidatos ou terceiras persoas e o número de candidaturas por cada propoñente non está limitado. As solicitudes de inscrición deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte dende o día seguinte á súa publicación na páxina web do Concello, sendo o derradeiro día para presentalas o 16 de abril de 2025.
Documentación
As solicitudes deberán conter, obrigatoriamente, a seguinte documentación:
- Instancia de solicitude asinada pola persoa interesada.
- No caso de optar ó premio de mellor deportista, absoluto ou promesa, e mellor adestrador, deberá aportarse relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2024 en campionatos oficiais, indicando con claridade todos os datos da competición (denominación, datas, categoría, etc…)
- No caso de optar ao premio a mellor árbitro/a, debe aportarse a relación detallada da súa actividade como árbitro/a – xuíz/a durante o ano 2024.
- No caso de optar ao premio de mellor equipo, promesa ou absoluto, relación detallada dos logros deportivos conseguidos durante o ano 2024 en campionatos oficiais indicando con claridade todos os datos da competición (denominación, datas, categoría, etc.)
- No caso de optar ao premio á mellor entidade na promoción do deporte deberase facer unha exposición de motivos na que se fagan constar as razóns polas que deberían ser considerados como entidade deportiva máis distinguida en canto á promoción do deporte no ano 2024.
- Para participar na categoría de premio á deportividade e ó xogo limpo deberase entregar unha memoria explicativa das actitudes de autoestima, cooperación, responsabilidade e tolerancia no deporte que o candidato mostrou durante a actividade levada a cabo no ano 2024.
En cada unha das categorías haberá un único vencedor que recibirá un trofeo acreditativo. Os participantes non premiados recibirán un agasallo conmemorativo do concurso.