HomesociedadeA 'Tirolina Dobre do CCU' non falla á súa cita no verán...

A ‘Tirolina Dobre do CCU’ non falla á súa cita no verán monfortino

Esta actividade desenvolverase entre o mércores 15 e o domingo 19 de xullo, ambos incluídos, na Praza da Compañía, en horario de mañá e tarde. A atracción cumpre nove anos e, como en edicións anteriores, tamén chega acompañada do Rocódromo e dos Karts a pedais.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O CCU de Monforte organiza por noveno ano consecutivo a espectacular tirolina na emblemática Praza da Compañía para goce da veciñanza, visitantes e turistas. Unha experiencia que “xa forma parte da memoria dos veráns na capital da Ribeira Sacra”, comentan dende a xerencia.

Como cada ano, esta campaña nace coa finalidade de premiar a clientela do comercio local e incentivar as compras nos establecementos asociados ao CCU de Monforte. Desde principios de xullo, as persoas que realicen compras superiores a 10 euros nos negocios asociados poderán conseguir entradas para gozar das actividades. Cada entrada dará acceso gratuíto a unha das propostas dispoñibles: Tirolina Dobre, Rocódromo ou Karts a pedais.

Nesta edición, o CCU porá en circulación máis de 14.000 entradas, con 100 entradas por negocio asociado, que se repartirán ata fin de existencias. Desde a organización recoméndase ás persoas interesadas que pidan a súa entrada no propio establecemento no momento de realizar a compra mínima de 10 euros, xa que os negocios asociados teñen a indicación de entregalas preferentemente a aquelas persoas que amosen interese real en participar na actividade.

Desenvolverase entre o mércores 15 e o domingo 19 de xullo, en horario de 11:00 a 14:00 horas (mañás), e de 18:00 a 23:00 horas (tardes).

Rapaza subida á Tirolina Dobre do CCU (arquivo). Foto: CCU
NOVE ANOS DUNHA CAMPAÑA DE ÉXITO

A orixe desta campaña remóntase ao ano 2018, cando o xerente do CCU, Ángel Folgueira, comezou a buscar actividades e experiencias de grande impacto que dificilmente se podían vivir en Monforte e que, ao mesmo tempo, puidesen chegar á cidadanía grazas ao comercio asociado. A primeira edición foi en xullo dese ano, e dende aquela Monforte gozou cada ano desta atracción, mesmo nos anos de pandemia adaptándose ás circunstancias. Con esta traxectoria, e sen baixar o interese pola actividade, A Tirolina do CCU é xa “un clásico do verán monfortino” e formando parte do imaxinario colectivo de Monforte e da comarca.

Ademais, sinalan dende a xerencia do CCU, “converteuse tamén nun reclamo para persoas chegadas doutros puntos de Galicia. Non é raro ver entre os seus usuarios veciños de Lugo, Ourense, A Coruña, Vigo ou doutros concellos que se achegan a Monforte atraídos por unha proposta de ocio pouco habitual nas campañas de dinamización comercial”.

MÁIS ATRACTIVO COA CHEGADA DA ‘TIROLINA DOBRE

Ao longo destes nove anos, a campaña foi evolucionando e incorporando novas propostas complementarias. Desde practicamente as primeiras edicións, a Tirolina estivo acompañada de actividades como diferentes rocódromos, circuítos de obstáculos e outras experiencias de lecer pensadas para ampliar a oferta e atraer máis público. Un dos grandes saltos chegou en 2021, cando a actividade incrementou o seu atractivo ao pasar a ser unha tirolina dobre, é dicir, de ida e volta. Desde entón, ese formato mantívose pola súa espectacularidade e pola excelente acollida entre o público.

Desde o CCU tamén lembran que, para seguir facendo medrar a actividade, baralláronse posibilidades como cambiar a ubicación para cruzar o río Cabe ou ampliar de maneira significativa o percorrido. Con todo, a necesidade de autorizacións especiais e a complexidade administrativa fixeron que estas ideas non se puidesen levar a cabo ata o momento.

ROCÓDROMO E KARTS A PEDAIS

Como complemento á Dobre Tirolina poderase gozar doutras dúas actividades que estes anos viñeron acompañando á anterior, atracción estrela. Trátase do Rocódromo, unha parede que permitirá gozar da escalada dun xeito seguro, accesible e adaptado a diferentes idades; e os Karts a pedais, dirixidos principalmente aos máis pequenos da familia e que teñen a opción de karts dobres, nos que os nenos poden ir acompañados por unha persoa adulta.

Karts a pedais, atracción complementaria á Tirolina do CCU. Foto: CCU
REIVINDICANDO O VALOR DESTA ATRACCIÓN E O ESFORZO ORGANIZATIVO

O CCU de Monforte lembra que manter unha actividade destas características resulta cada ano máis complexo, tanto polo incremento xeral dos custos como polas limitacións administrativas e pola elevada dependencia das axudas públicas para poder desenvolver campañas de dinamización desta dimensión.

Desde o CCU ademais de reivindicar o seu propio traballo para manter os niveis de interese e de boa execución da actividade, aproveitan tamén para poñer en valor a boa disposición e a complicidade da empresa encargada da subministración e montaxe da tirolina, o rocódromo e os karts a pedais, así como do seu responsable, David, que despois de tantos anos traballando con Monforte mantén un especial agarimo polo comercio local da cidade.

“Sen o esforzo do comercio asociado, esta actividade non sería posible. Por iso, cada entrada é tamén unha maneira de agradecer a confianza das persoas que mercan en Monforte e apostan polos negocios de proximidade”, destacan desde a asociación.

ÚLTIMAS

O concello de Chantada aproba unha operación de crédito por valor de 4.189.546€ “para executar importantes melloras no municipio”

O Concello de Chantada comezou a semana celebrabando sesión plenaria extraordinaria cun único punto...

Baixo Zero, grupo de música revelación da Ribeira Sacra, de concerto en Ribas de Sil  

A terraza de Las Vegas, en San Clodio (Concello de Ribas de Sil), acollerá...

A comunidade rural da comarca de Chantada reivindícase ante os parques eólicos e outras afectacións ao territorio

Durante a presentación, a presidenta da entidade destacou que, nun contexto marcado polo despoboamento,...

A II Summer Begin’s Quiroga celébrase o 24 de xullo no Parque da Constitución

Os amantes da música urbana, a electrónica e o bo ambiente xa poden ir...