O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, amosa a súa satisfacción pola evolución experimentada no número de abonados á Piscina Climatizada Municipal, cando está a piques de cumprirse o primeiro ano de funcionamento desde a súa reapertura, o 27 de outubro de 2025, trala reforma integral acometida no edificio.
Ademais do incremento no número de abonados, na actualidade están inscritos nas actividades 469 cursillistas, o que eleva o número de usuarios das instalacións da piscina a un total de 1.646.
“Estes datos avalan a aposta realizada polo Equipo de Goberno para acometer a reforma integral do Complexo Deportivo da Pinguela e ofrecer á cidadanía un equipamento deportivo moderno, funcional e de excelente calidade, tal que e como se vén comprobando desde que inauguramos a reforma do Pavillón Polideportivo, en outubro de 2023”, afirma o rexedor monfortino.
A evolución mensual dos abonados reflicte unha progresión ascendente continuada, tal e como indican os datos:
- Novembro de 2025 632
- Decembro de 2025 690
- Xaneiro de 2026 707
- Febreiro de 2026 761
- Marzo de 2026 892
- Abril de 2026 992
- Maio de 2026 1.008
- Xuño de 2026 1.016
- Xullo de 2026 1.066
- Agosto de 2026 1.086
- Setembro de 2026 1.177
Esta evolución supón que, entre novembro de 2025 e setembro de 2026, o número de abonados aumentou un 86,2 %, cunha progresión especialmente significativa nos últimos meses, que confirma a crecente utilización da instalación por parte da cidadanía, tanto da Piscina como do Ximnasio Municipal.
2,3M€ para modernizar as instalacións da piscina
A evolución positiva do número de socios coincide coa posta en funcionamento dunha instalación completamente renovada tras unha reforma integral na que o Concello investiu 2,3 millóns de euros. A intervención supuxo a primeira actuación de gran calado neste equipamento deportivo, que databa de 1994, e permitiu transformar o edificio e mellorar a funcionalidade do conxunto do complexo deportivo da Pinguela.
O resultado é unha piscina moderna, segura, eficiente e sostible, con espazos reordenados para facilitar os desprazamentos e mellorar a comodidade das persoas usuarias. A reforma incluíu a creación dunha recepción común coa que se conecta a piscina co pavillón polideportivo, a renovación completa dos vestiarios e a mellora das circulacións interiores, separando os percorridos de pés secos e pés húmidos para favorecer unhas condicións hixiénicas máis adecuadas.
A actuación permitiu tamén ampliar a superficie destinada ao ximnasio, que pasou de 235 a 300 metros cadrados, incrementar o espazo das bancadas e crear unha nova cafetería, concibida para dar servizo tanto á piscina como ao pavillón polideportivo. Precisamente vense de adxudicar a xestión da cafetería que vai prestar servizo tanto aos usuarios da piscina e do ximnasio como do pavillón polideportivo, e a poboación en xeral, sen necesidade de estar abonado, xa que o acceso é independente.

