InicioTerra de LemosO SaviñaoO Saviñao busca reinventar as feiras do viño coa súa 1ª 'Festa...

O Saviñao busca reinventar as feiras do viño coa súa 1ª ‘Festa da Vendima’

Será a fin de semana do 17 e 18 de setembro e combinará actuacións musicais e de lecer con actividades que poñerán en valor a súa viticultura heroica.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Tras meses de traballo organizativo, o Concello do Saviñao vén de anunciar a súa 1ª Edición da Festa da Vendima, un evento que terá lugar os días 17 e 18 de setembro cun amplo programa no que haberá atractivas actuacións musicais e actividades que xiran arredor dos labores típicos da vendima, o viño e a gastronomía.

A emblemática Devesa, no corazón da vila de Escairón, será o recinto natural onde se desenvolverán as diferentes actividades e onde se poderán probar e mercar os mellores viños das ribeiras do Miño que presentarán as adegas participantes: Adegas Moure, Pilares de Belesar, S.A.T. Virxe dos Remedios, José Luis Pérez Pérez e Adega Gozo.

No recinto habilitado para este evento haberá tamén postos de artesanía, con oficios centenarios como o de cesteiro; postos con diferentes produtos representativos da gastronomía local; obradoiros de cata de uvas e viños a cargo de Vinosacra; e obradoiros infantís con Anxo Moure, Velaísca Animación e ‘A escola do Sr. Gato’.

Como actividade paralela cómpre salientar tamén as ‘BacoRutas’, roteiros que darán a coñecer a viticultura heroica das beiras do Miño. En xornada de mañá haberá unha o sábado 17 e outra o domingo 18, podendo gozar de experiencias únicas en cada unha delas con visitas a museos, adegas, enclaves espectaculares e incluso podendo pasear polo río en canoa e/ou zodiac. As BacoRutas parten da Praza do Concello de Escairón e para anotarse hai que facer reserva no correo eventoscosadedos@gmail.com ou nos teléfonos 672251685 / 638044443.

En palabras da organización, “a Festa da Vendima do Saviñao 2022 é un evento dirixido a público de todas as idades, onde descubrir e sentir a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, gastronomía, tradición e artesanía local, con oficios centenarios como o cesteiro, en perigo de extinción”.

PROGRAMA

O Concello do Saviñao presenta un programa moi completo para encher de actividades a súa 1ª Festa da Vendima e deixa en suspense quen será a pregoeira ou o pregoeiro.

O sábado día 17 será a apertura e inauguración da festa ás 12:30 h. con actuación musical da Charanga de Vilalba polo recinto –mañá e tarde–. Ademais, haberá obradoiros infantís pola mañá e pola tarde e un interesante obradoiro de Cata de Uva e viño de 13:30 a 14:30 h.

E xa pola noite, máis música cos concertos da gaiteira Susana Seivane ás 21:00 h. e de Luar na Lubre ás 23:00 h. Os postos das adegas pecharán ás 00:30 h.

Susana Seivane formará parte do cartel musical. Foto: Miguel Vidal. E.P.

O domingo 18, tras a apertura de stands ás 11:00 h. terá lugar o pregón, acto que non ten aínda confirmación oficial da persoa responsable do mesmo.

Ás 12:00 h. haberá unha actuación teatral de Platea Lúa con ‘Contos do Saviñao’ e ás 12:30 h. farase a ‘Bendición das uvas e dos campos’ na misa. A continuación terá lugar unha demostración de ‘Pisa de uvas’ e o ‘Nomeamento de Damas e Cabaleiros da Orde da Mencía’. Para a cativada, animación a cargo de Velaísca entre as 13:30 e as 14:30 h.

Ás 14:30 h. actuará a asociación Cultural Donaire e de 15:00 a 16:00 h. haberá un taller de cociña en directo. O aforo para a cata e o taller de cociña estará limitado a 30 persoas.

Xa pola tarde, obradoiro de contacontos con Anxo Moure, e actuacións musicais do grupo Tátara Trío ás 16:30 h. e dos Tarabelos do Saviñao ás 18:30 h. Como remate aos festexos, concerto de De Vacas ás 21:00 h.

Devesa de Escairón / G.M.

ÚLTIMAS

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...