A sección Sindical de CIG-SAÚDE no Hospital Comarcal de Monforte está a comunicar aos medios, a efectos de información pública, a situación na que se atopa a Atención Primaria no Distrito de Monforte. Detallan a situación actual e a previsión de coberturas ou non coberturas que se poidan dar para as vacacións en todos os Centros de Saúde do devandito distrito.
COBERTURAS DE PERSOAL SANITARIO POR CENTRO DE SAÚDE
Centro de Saúde de Chantada
No día de onte, 8 de xuño, había tres facultativos dunha plantilla de seis. O problema, advirten dende Cig-Saúde do HC de Monforte, vai ser cando chegue o verán e como van facer os facultativos para coller as vacacións. “Ultimamente está pasando en ocasións que hai dous médicos só ás mañás e sen pediatra. Estamos a falar dunha poboación de máis de 8000 pacientes”, din.
En enfermería acontece máis do mesmo. Cando os profesionais se ausentan non os cobren e poden quedar de seis, tres.
O Servizo de Rehabilitación está en obras e as fisioterapeutas están pasando consulta nun espazo minúsculo. En teoría as obras deberían ter rematado en maio pero isto non é así e todo indica que pode haber demoras.
Centro de Saúde de Monforte
Actualmente hai 8 médicos de 12 e de cara ao verán non se sabe como se cubrirán esas ausencias.“Hai que lembrar que o ano pasado houbo días que había dous médicos de doce”, advirten dende o sindicato.
En pediatría hai dous profesionais de tres, e en enfermería cando chegue o verán moitos non van ser cubertos e os que queden terán que pasar intersustitución dos pacientes dos compañeiros.
Centro de Saúde da Pobra do Brollón
Dous médicos de plantilla e adóitase cubrir as ausencias. Non acontece o mesmo en enfermería, pois a día de hoxe hai unha soa enfermeira do cadro de persoal. Antes poñían un reforzo os días de análiticas, reforzo que foi suprimido dende fai tempo.
Centro de Saúde de Bóveda-Consultorio de Rubián
O médico de Bóveda leva de baixa moito tempo. Cobren a súa ausencia en días alternos ou ben a o médico de Rubián está media mañán neste centro e a outra media mañán en Bóveda.
Hai un enfermeiro para os dous centros repartido unhas horas nun e outras noutro. “Acontece en moitas ocasións que tendo pacientes citados nun centro ten que marchar a unha urxencia ao outro centro e quedan sen atender”, din dende a CIG-Saúde do HC de Monforte. Pero o máis grave é que hai uns días nin sequera o cubriron deixando o dous centros sen enfermeiro.
Centro de Saúde da Barrela
Hai dous médicos e unha das facultativas leva máis de seis meses de baixa e non a cobren. O médico ten que atender aos dous cupos. En enfermería hai dous enfermeiros e cando faltan non os cobren.
Centro de Saúde de Quiroga
Ao día de hoxe hai tres médicos e no verán van quedar dous. Ten acontecido en varias ocasións que teñen deixado a un só pola mañá.
En enfermería hai tres efectivos e no verán van quedar dous. Algunha vez a Xerencia ten deixado só a unha persoa. Poden mandar sustitutos os días de analíticas pero non está garantido.
Centro de Saúde de Ribas de Sil
Hai unha médica e unha enfermeira. Adóitanse cubrir as súa ausencias.
Centro de Saúde de Folgoso-Consultorio de Seoane do Courel
As médicas intersustitúense entre elas e ás veces tamén mandan sustitutos/as. O Consultorio de Seoane do Courel é máis complicado de cubrir pola súa distancia.
En enfermería o normal é cubrir os días de analíticas e poden facerse intersustitucións entre os enfermeiros de Seoane e Folgoso os días de ausencias.
Centro de Saúde de Pantón
Hai dous médicos e tres cupos de pacientes. Todos os días os pacientes do cupo non cuberto é repartido entre os dous compañeiros. “Estes pacientes levan sen médico dende hai ano e medio”, denuncian.
En enfermería non se adoita cubrir. Ao mellor pódenlles mandar reforzo os días de analíticas pero ultimamente non o están a facer.
Centro de Saúde de Sober
Hai tres médicos e no verán van quedar dous.
A enfermeira cando se ausenta non se adoita cubrir. Poden mandar un reforzo luns e venres pero ultimamente non o están a facer.
Centro de Saúde de Escairón-Consultorio de Currelos
Hai tres médicos e no caso de ausencias quedan dous. Cando falta o médico de Currelos os médicos de Escairón van día si e día non a este Consultorio.
No servizo de enfermería de Escairon de tres quedan dous efectivos e a de Currelos se adoita cubrir.
Pediatría-Enfermería itinerante
Atende días alternos entre semana aos nenos e nenas dos concellos de Quiroga, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, Bóveda e O Saviñao. Non cobren as súas ausencias no verán. Segundo as idades que teñan os cativos e as cativas son derivados a un pediatra de referencia ou o seu médico de familia.
COBERTURAS DE PERSOAL NON SANITARIO
Agás casos puntuais adoitan cubrir ao persoal administrativo. No periodo estival estas unidades están a miúdo desbordadas de traballo pola gran cantidade de desprazados que hai no Distrito de Monforte. A isto hai que sumarlle a implantación de novos programas que incrementaron a carga de traballo nas unidades administrativas.
Tamén destacan dende Cig-Saúde do HC de Monforte a implantación do programa de citacións XIDE. Cando un paciente quere pedir cita, o programa obrigatoriamente pídelle o motivo para o que solicita a cita e isto vulnera o dereito a confidencialidade dos pacientes. Lembran, neste caso, que o paciente pódese acoller a ausencia de motivo. Respecto deste mesmo programa din que “citar a un paciente leva o dobre de tempo que co vello programa de citacións”.