A plataforma Chantada Quere Sanidade convocaba esta semana ós veciños do municipio a unha reunión no “Casino” para organizarse e demandar unha mellora nos servizos sanitarios do Centro de Saúde da vila e no Hospital comarcal de Monforte.
“Os problemas cos que a cotío se atopan os usuarios foron medrando co tempo, de ter hai anos, un centro médico onde o ratio medico-paciente era aceptábel, a situación foi mudando ata a actualidade. As xubilacións deron paso ao peche de consultas, incluso de especialidades como pediatría. Isto fixo que paulatinamente, menos profesionais tivesen que facerse cargo de máis pacientes, restando con elo a calidade do servizo”, sinalan.
Denuncian que non se cubran as baixas do persoal médico nin as vacacións, causando saturación, con consultas onde se atende nunha xornada a máis de 70 persoas, ás que os seus médicos non poden adicar máis de 7 minutos,segundo estipula a administración, tempo de atención claramente insuficiente, especialmente para unha poboación avellentada como é a desta comarca. Nas últimas semanas estase agravando a problemática de falta de persoal nas consultas de medicina de familia cuxa situación xa era crítica, “cun médico no verán para atender a preto de 8000 habitantes”.
Lemran que, “Esta mesma semana o PAC estivo sen persoal médico dende a primeira hora da tarde e ata ben entrada a madrugada do día seguinte. O centro non conta co número de profesionais necesarios para garantir unha atención de calidade.”
Trasladan a situación de Chantada a toda a contorna e ao Hospital Comarcal de Monforte, “onde o persoal médico é cada vez mais escaso e mesmo especialidades como Dixestivo, Rehabilitación, etc non contan con profesionais no centro polo que os pacientes son derivados a outras consultas ou mesmo algúns especialistas son trasladados dende outros hospitais o que debilita o tecido sanitario e merma os recursos. As condicións laborais segundo os profesionais tampouco son boas e non fan atractivo a profesionais de fora asentarse na comarca.”
A Plataforma Chantada quere Sanidade plantexou aos asistentes a estratexia de cara as próximas semanas para reclamar unha mellor atención sanitaria que comezaría por dotar ao centro de saúde de máis profesionais, cubrir ausencias dos profesionais ben sexan temporais ou definitivas como é o caso das xubilacións, que non desaparezan as consultas ou incluso se incrementen para recuperar un ratio médico/enfermeiro-paciente óptimo que permita adicar o tempo axeitado a cada doente. Tamén tentar garantir que o PAC funcione axeitadamente. A plataforma veciñal insiste en que demandan melloras sanitarias no eido local e tamén na área sanitaria na que se inscriben ou mesmo a nivel galego.