O colofón a un completo programa de actividades do Mes de Amandi no concello de Sober chega esta fin de semana coa celebración da XLV Feira do Viño de Amandi.
A Adega Cividade foi a encargada de inaugurar a mostra esta tarde, ao cumprirse o décimo aniversario do falecemento do seu fundador, José Verao Rodríguez. No acto participaron, ademais dos membros da adega, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.
Despois desta homenaxe acompañan os primeiros viños da feira a música dunha batucada e da charanga sarriá Sarria Louband.
ADEGAS
Na edición deste ano hai 22 adegas da subzona de Amandi: A Carqueira (A Carqueixa-Proendos), A Man de Prado (Bolmente), Algueira (Doade), Barbado (Proendos), Cividade (Outeiro-Bolmente), Cruceiro (Vilachá-Doade), Don Bernardino (Cima de Vila-Brosmos), Estrela (Vilachá-Doade), Finca Cuarta (Outeiro-Proendos), Guímaro (Sanmil-Brosmos), Gullufre (Lobios), Lucenza (Corvella-Proendos), Malcavada (Rosende), Marcelino I (A Carqueixa-Proendos), Petrón (Doade), Proencia (Sanxillao-Proendos), Rectoral de Amandi (Amandi), Regina Viarum (Doade), Soutelo (Lamas-Bulso), Tear (Suairexa-Figueiroá), Val da Lenda (Cantón-Amandi) e Viña Frieira (Vilachá-Doade).

FIN DE SEMANA
Para a fin de semana, e seguindo a estrutura de programación doutros anos, ademais da degustación e compra de viño nos diferentes stands da mostra, haberá outros moitos postos de alimentación, téxtil, xoguetes, artesanía… e atraccións para os máis pequenos. O concello convidado este ano será O Incio.
Non faltarán as propostas musicais, que no caso do sábado chegarán da man do grupo tradicional Érbedo, da Banda de Música de Sober, Batukada Baturruca, e os pratos fortes xa cara a noite co concerto de Lucía Pérez e o grupo Gin Toni’s. Ás 17:00 h. terá lugar a ‘Precata Oficial’.

E xa para o Domingo de Ramos, unha ampla oferta musical pola mañá coa Charanga NBA, a Banda de Música de Sober, e a batukada Tukupá. Ás 11:30 h. terá lugar a Cata Oficial e a Misa Solemne de Ramos. A continuación, actuación de tunas chegadas de Madrid, recepción de autoridades e pregón a cargo de Lucía Pérez. Rematadas as verbas da cantante do Incio farase a entrega aos viños premiados.

Pola tarde, e como remate da mostra, amenizará o recinto feiral a música de Gaitukada Aikirindo e o baile coa orquestra Os Satélites.
PREMIOS PARA OS MELLORES VIÑOS
Entregaranse tres primeiros premios para viños tintos da anada de 2024, un premio para viños brancos da anada de 2024, un premio para viños rosados da anada 2024, un premio para viños tintos de anadas anteriores a 2024, e un premio para viños envellecidos en barrica. A organización da cata corre a cargo de Vinosacra.
AUTOBUSES MONFORTE-SOBER-MONFORTE
