HomeTerra de LemosSoberLuis Guitián e Lucía Pérez exaltan a Ribeira Sacra, Sober, e o...

Luis Guitián e Lucía Pérez exaltan a Ribeira Sacra, Sober, e o traballo de adegueiras e adegueiros na XLV Feira do Viño de Amandi

Domingo espectacular en Sober no que, ademais dunha gran asistencia de público, tivo lugar o pregón de Lucía Pérez e a entrega de premios aos viños gañadores.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Domingo de Ramos e día grande da XLV Feira do Viño de Amandi en Sober con tregua climatolóxica. Boas expectativas que se cumpriron con centos de persoas presentes durante todo o día na Praza do Concello e arredores, nos stands das adegas e na contorna cos diferentes postos comerciais e de artesanía.

Como é costume, moitas autoridades presentes na Casa do Concello recepcionadas polo Alcalde e concelleiros/as para o posterior discurso, pregón e entrega de premios aos viños premiados na Cata Oficial.

INTERVENCIÓN DO ALCALDE, LUIS GUITIÁN

Luis Fernández Guitián quixo, como non podía ser doutro xeito, agradecer o labor da xente que sostén a viticultura no concello, “Sober rende homenaxe ás mulleres e homes que co seu traballo diario sacan adiante unha nova colleita”, e lembrou o detalle da foto xigante que se puxo este ano de fondo no recinto feiral, “ademais puidemos compartir o viño coa paisaxe facendo realidade na praza do Concello o slogan do Consello Regular da D.O. Ribeira Sacra: O sabor dunha paisaxe”.

Recinto coa gran foto de fondo da Ribeira Sacra / Concello de Sober

O alcalde aproveitou así mesmo para referirse á esperada declaración a Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra: “a implicación colectiva de administracións e veciñanza fará que a ansiada declaración da candidatura ‘A paisaxe da auga da Ribeira Sacra’ a Patrimonio da Humanidade (a única de España en tres anos) sexa unha realidade en poucos meses”.

E finalmente lembrou varias historias de xentes de Sober en relación aos 45 anos que transcorreron dende a primeira Feira do Viño de Amandi. “Trouxo consigo un importante incremento na valoración dos viños desta subzona da Ribeira Sacra”, pero tamén “a recuperación da Olería de Gundivós”. Así o explicou en recordo de Obdulia Rodríguez, Lula de Campoverde, que “hai 45 anos fixo un par de fornadas para traer cacharros á feira e que faleceu hai poucos meses”. Tamén Alonso, Agapito, Ventura e Federico volveron á feira, pero “de non ter sido pola primeira Feira do Viño de Amandi, hoxe posiblemente esta tradición ancestral estivera unicamente no recordo”.

PREGÓN DE LUCÍA PÉREZ

Pola súa banda, Lucía Pérez, encargada do pregón deste ano, fixo alusión á Terra Brava de Ánxel Fole para explicar “que é realmente simbólico e ten un gran paralelismo coas terras de Amandi, pois a tradición vitivinícola en Amandi e Sober está moi vinculada a esa terra dura, brava, difícil e agreste, pero á vez única e de moita forza. Esa forza da terra reflictese, sen ningunha dúbida, na vosa autenticidade”.

Referiuse a Sober como “un pobo aberto ao mundo” e tivo palabras de recoñecemento para “as mulleres coñecidas e anónimas, as mulleres que todos e todas levamos na nosa pel e que ben merecen unha canción”, como as adegueiras, a abadesa de Lobios e a explotación gandeira López Lampaza, dirixida por mulleres ou a centenaria Lola da Pena de Gundivós, que fai 111 anos este mes.

Para rematar, fixo unha chiscadela ao Concello de Sober agradecendo que sexa “un pobo xeneroso cos artistas da terra, dando as primeiras oportunidadestan importantes nas carreiras dos artistas”.

Entrega de agasallo á pregoeira. Foto: Concello de Sober.
VIÑOS GAÑADORES DA XVLV FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

Tinto xoven (son os tres gañadores): Cividade Mencía (Adega Cividade), Coronin’24 (A Carqueixa) e Romeo Domain’24 (Adega Gullufre).

Mellor branco xoven: Don Nilo’24 (Adega Tear).

Mellor rosado xoven: Cardenal Rodrigo Castro 24 (Adega Soutelo).

Mellor tinto barrica: Prómine Barrica’23 (Adega A Petrón).

Mellor viño doutras colleitas: Dona Regina Godello Garda 23 (Regina Viarum).

Viños premiados este 2025 na XLV Feira do Viño de Amandi. Foto: Concello de Sober.

Todos eles levaron un diploma e unha peza de Gundivós, ao igual que o autor do cartel anunciador da Feira, o murciano Rubén Lucas García.

ÚLTIMAS

A XXI Feira Medieval de Monforte celébrase baixo a chuvia

O Alcalde estivo acompañado no acto inaugural pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

Unha APP de balde conectará a oferta e a demanda de emprego na provincia

A Deputación de Lugo vén de anunciar o lanzamento dunha APP móbil gratuíta, DeputaciónLugo...

Pantón homenaxea á súa bibliotecaria Milagros Pardo

Milagritos, a bibliotecaria Milagros Pardo, recibirá unha homenaxe o vindeiro 24 de maio en...

O PP provincial esixe prazos para o arranxo da N-540

Os populares preguntaban sobre a data efectiva de comezo e as obras executadas ata...