Humor e lecer familiar en Sarria

Os monologuistas Álex Clavero e Quique Matilla actúan este xoves na terraza O Meigallo e o vindeiro domingo, 26 de xullo, a Praza da Vila acollerá o espectáculo familiar “A viaxe de Saira. Ou como mudar o corazón de pedra”.

Escenario para un espectáculo de humor

O ciclo de humor “Sarria Sorrí”, que patrocina o Concello de Sarria e organiza a produtora local Etiqueta Negra, ten programado para este xoves 23 de xullo o seu segundo gran espectáculo. Saen a escena nesta ocasión os cómicos casteláns Álex Clavero e Quique Matilla. O espectáculo comeza ás 21:30 h. na terraza do Meigallo e para acceder, de balde, cómpre obter invitación previa.

Dous grandes cómicos da stand-up comedy deste país, os dous de Valladolid e habituais do Comedy Central e El Club de la Comedia, que levan moitos anos percorrendo o país. Neste show de stand-up comedy, a risa é continua e a gargallada inevitable. Un show que fala da súa vida cotiá desde o seu particular punto de vista.

E xa pensando na fin de semana, o domingo 26 de xullo, a Praza da Vila de Sarria acollerá un gran espectáculo para público familiar ás 19:30 horas: “A viaxe de Saira. Ou como mudar o corazón de pedra”.

Trátase dun espectáculo multidisciplinar que conxuga teatro, monicreques, xigantes e música para o público familiar. ‘A viaxe de Saira’ presenta unha proposta escénica de ambientación medieval sobre o Camiño de Santiago desde Francia a Compostela no que se representa a historia de Saira, unha rapaza francesa que viaxa a Galicia para curar o corazón de pedra. A viaxe faina xunto con unha gárgola máxica destinada á Catedral de Compostela. Unha viaxe que dá comezo en Saint Jean Pied de Port e remata en Santiago, con lendas e personaxes propios do camiño e na que destaca o carácter que imprime Galicia dentro do mesmo: máscaras do entroido, danzas, gastronomía e música propia que viaxan por Europa ao longo da Historia.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here