Os seus primeiros pasos no xénero deunos por consello dos seus profesores de teatro e traballaba nunha axencia de aduanas ata que decidiu deixalo todo e envorcarse no humor. Os seus referentes son Rubianes, O Gran Wyoming e Les Luthiers, entre outros grandes da comedia española e latinoamericana, ademais de Javier Jurdao, “un cómico determinante para min”, confesa. Con dez anos de experiencia no mundo da comedia percorrendo toda España cos seus monólogos e, tras gravar o seu 6º monólogo para “Comedy Central”, no 2016 empezou a traballar como guionista para David Broncano; primeiro no programa “Loco Mundo” en #0 (movistar plus) e actualmente en “La Resistencia”.
Criado en Barcelona e residente en Madrid. Contento co cambio, morriña de Barcelona e de Catalunya?
Si, moi contento. Con 25 anos viñen a Madrid e non creo que volva a Barcelona para vivir. En Madrid atopei acomodo ás necesidades da miña profesión e Barcelona é como unha “cidade-trampa”, moita circulación de xente que vai e vén, como moi comercial todo, demasiado “turisteo” e o clima mediterráneo non me gusta…
Como fixeches do humor a túa profesión?
Cansado de traballar no mundo do comercio internacional en aduanas, tipo funcionario, de oito a oito, e seducido por outro lado pola interpretación e a comedia acabei deixando o traballo. Tiña 25 anos e estaba xa canso de traballar. Miña nai chegoume a preguntar, despois desta decisión, se quería vivir do conto. Evidentemente contestei que si, sen querer acababa de abrirme os ollos (risas) Aos 23 anos empezaba a facer bolos como monologuista e pasábao moito mellor que na oficina co cal a pregunta da miña nai xa foi definitiva para autoconvencerme.
Anos despois, segues convencido da decisión? Como levas a inestabilidade laboral do sector?
Por suposto que si. Foi unha acertada decisión. No relativo á inestabilidade… pois mira, era un problema ata que a inestabilidade se instaurou como situación normal coa liberalización do mercado laboral. Quen non convive hoxe coa inestabilidade? Estamos aboados á incerteza.
Todos os textos que interpretas son teus?
Claro, son monólogos propios, gústame escribir e que mellor que escribir para un mesmo. Aínda que cómpre recoñecer que sempre hai algunha cousa, directa ou indirectamente, que chega doutros colegas. Xuntarse, verse actuar e tal e cal fai que algo se poda “colar” aínda que sexa como inspiración.
Seica adoras Galicia, e logo por que?
En L’Hospitalet crieime diante da Casa Galega e tiven amigos de infancia galegos. Foi un anticipo. Co tempo, outros amigos e viaxes a Galicia acabaron de convencerme.
Galicia reúne as condicións elementais para que sexa feliz.
Dime algunhas desas condicións.
A ver, ten un clima bastante oposto ao mediterráneo que non me gusta nada, semella que neste país todo é susceptible de ser destilado, na gastronomía é difícil de igualar as súas materias primas, unha paisaxe espectacular, o seu folklore, os seus personaxes ou individuos tan peculiares, paisanos do rural que ves que teñen “mundoloxía” e son moi de contar, que está como “abandonada institucionalmente”, non hai tantos “guiris” como noutras partes de España, a fantasía ou realismo máxico e algo que admiro tremendamente; a capacidade de traballo…
Si, os galegos temos fama de moi traballadores e cumpridores.
Se os galegos traballasen menos non me importaría, terían incluso que relaxarse a aprender algo dos andaluces. Pero ben, o que é unha realidade é que son moi “currantes”. E admiro esa capacidade. Vouche contar unha anécdota. Cando vivía en L’Hospitalet ía cun amigo a un bar galego só para ver traballar ao paisano. Era todo un espectáculo para nós, ver a ese home que atendía a todo o mundo, extraordinario como levaba sen axuda de ninguén o bar, facía todo e sempre cun sorriso e unha coña para todo o mundo. “Flipabamos!”
Un profesional do humor coma ti que opina do humor galego, da retranca?
Concordo co que me dixo unha vez un amigo galego. O humor galego ten unha base de resignación. Non é un humor baseado no “cachondeo” como moitos, é un retrato ridículo dunha realidade fodida, ten unha lectura negra, bastante de resignación. Creo tamén que a climatoloxía marca o carácter, e como non, a forma de tratar o humor.
En canto á retranca, creo que existe unha ironía galega, unha ironía con matices.
Vés moito por Galicia? Con ganas de actuar en Sarria?
Veño menos do que me gustaría estes últimos anos. A última foi a principios deste mes a Ourense, preto de Avión a unha festa de galegos afincados en México. Pola miña cabeza pasa vir vivir aquí no futuro e espero con ganas chegar a Sarria, lugar onde nunca actuei, para dalo todo e contar algunhas das miñas anécdotas en Galicia e con galeg@s.