HomeEconomíaAberto o prazo para solicitar axudas á formación adaptada ás necesidades das...

Aberto o prazo para solicitar axudas á formación adaptada ás necesidades das empresas

A orde, dotada con 8,5 M€ para o período 2026-2027, permitirá cualificar máis de 2.800 persoas desempregadas mediante accións formativas directamente demandadas polo tecido produtivo —atendendo ás súas necesidades reais e ás súas perspectivas de crecemento— e cun compromiso de contratación de entre o 40 % e o 60 % do alumnado participante.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Xunta lembra que ten aberta ata o 1 de decembro deste ano a primeira convocatoria de Galicia Suma Talento: Plan de formación empresas. A iniciativa busca ofrecer ás empresas ou clústeres de sectores estratéxicos —como automoción, defensa, sociosanitario ou agroalimentario— un marco estable e con seguridade xurídica para a planificación das súas necesidades de capacitación, facilitando unha programación estratéxica da formación que require o tecido produtivo.

A convocatoria establece un prazo de execución das accións ata marzo de 2027, o que contribúe a desestacionalizar a oferta formativa e a adaptala ás necesidades específicas das empresas, dos clústeres e das asociacións empresariais. Así poderán solicitar e impartir cualificacións específicas e incorporar ao persoal formado para reforzar tanto as súas actividades actuais como as súas futuras liñas produtivas.

En concreto, a orde recolle dúas liñas de accións formativas, tanto especialidades do Catálogo do Servizo Público de Emprego como accións do Sistema de Formación Profesional, con formacións formais e acumulables de grao A, B e C. Esta liña de axudas presentouse como un instrumento máis áxil, flexible e capaz de responder ás necesidades de cualificación e aos perfís profesionais emerxentes. En paralelo, promóvense novas oportunidades laborais para as persoas desempregadas, que se forman especificamente para cubrir os postos que precisan as organizacións participantes.

Poden optar ás unidades formativas con compromiso de contratación empresas —soas ou agrupadas temporalmente— ou centros acreditados para impartir formación profesional en Galicia —asumindo o compromiso de contratación mediante acordos ou convenios con empresas–. No caso dos clústeres e asociacións empresariais que resulten beneficiarios actuando como entidades de formación poderán realizar a contratación das persoas traballadoras nas empresas adheridas. Para acceder a estas accións, as alumnas e alumnos deberán estar rexistrados como demandantes no SPEG e non estar ocupados na data de inicio dos cursos. Poden obviar este trámite as persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, tamén potenciais beneficiarias da cualificación.

As formacións realizaranse en formato presencial. En canto ao compromiso de contratación, será dun mínimo do 60 % do alumnado aprobado e/ou formado no caso de contratos cunha duración de polo menos 6 meses, ou dun 40 % se é por un período igual ou superior aos 12 meses. A contía das achegas calcularase en función do custo da formación da especialidade impartida, da duración e do número de participantes. Cómpre sinalar que a orde, aplicando o réxime de concorrencia non competitiva, axiliza o proceso de concesión de subvencións, favorecendo que as empresas accedan á formación e cobertura dos postos de traballo de xeito inmediato.

ÚLTIMAS

Convocado o concurso oficial para o cartel da XXII Feira Outrora de Rubián

O Concello de Bóveda vén de anunciar a convocatoria para participar no concurso gráfico...

O Cineclub Ateneo de Monforte propón cine e música para celebrar o 1º de maio

O Cineclub Ateneo organiza unha programación especial para este primeiro de maio. Ás 20:00h...

Tres día de Feira do Viño en Vilachá de Salvadur para a ponte de maio

Unha nova edición da Feira do Viño de Vilachá celébrase na ponte de maio...

Comezan as obras de mellora na estrada LU-P-4905 entre Portomarín e Taboada

Esta actuación céntrase nos primeiros 10,5 quilómetros da vía, ao seu paso polo termo...