InicioCultura‘Un mundo para Maruxa’, o libro de Estefanía Padullés que conciencia sobre...

‘Un mundo para Maruxa’, o libro de Estefanía Padullés que conciencia sobre o problema dos plásticos

“Para facer educación ambiental non hai embaixador mellor que un animal, os nenos emociónanse moito cos animais, e eu tamén. Foi por iso que fixen esta historia, porque emocionábame e quería transmitilo dalgunha maneira”, confesa a autora coa que falamos.

Publicado o

- Advertisement -

“Unha mañá o barco pesqueiro do pai de Iria trae ao porto a Maruxa, unha londra que ten que ser atendida no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre. Iria descubrirá entón o perigo dos plásticos para os animais mariños e o seu impacto medioambiental nos océanos, polo que porá en marcha un plan para salvar o planeta”.

Esta é a sinopse da última obra da catalá Estefanía Padullés, unha ilustradora que decidiu hai anos fixar a súa residencia habitual en Galicia, nunha pequena vila do Concello de Paradela.

Na súa traxectoria artística podemos atopar varios álbumes ilustrados e libros de lectura para público infantil, como por exemplo ‘O desexo do gato Klops’, ‘A canción do sol’, ‘Max e Lea’, ‘A manchas ou a raias’ ou ‘Leopoldo o pequeno monstro’. Profesionalmente tamén se dedica a impartir obradoiros nos que combina narración e debuxo para contar historias con mensaxe  relacionadas coa educación en valores.

Falamos con ela sobre o seu recente traballo, “Un mundo para Maruxa”.

Este libro naceu coa pandemia, ou xestouse antes?

A idea xurdiu antes, cando aconteceu a pandemia o texto estaba practicamente rematado. No primeiro confinamento, eu estaba xa traballando nas ilustracións. En parte foi unha sorte porque a situación era tan estraña, e todo o que pasaba era tan incríbel que monopolizaba todas as miñas ideas respecto a crear algo novo, e non creo que houbera sido quen de facer a historia de Maruxa tal como é, de tela escrito na pandemia.

Nesta ocasión desenvolves algo máis o teu lado narrador. Cada vez máis cómoda como contadora de historias a través da palabra escrita e falada?

Pois si, gústame moito desenvolver a parte máis ilustrada cando fago álbumes, pero faime ben como artista tamén poder expresarme como escritora. Creo que calquera forma de creación aporta unha satisfacción parecida, pasar a través de min algunha emoción, xa sexa coas palabras ou co lapis. Supoño que para outros será coa música, ou a escultura ou a cociña… ou calquera ferramenta que sirva para expresarse. 

A cruzada mundial contra os plásticos e o descanso que lle demos con esta pandemia ao Planeta axudáronche no proceso de creación?

Bueno, eu tristemente son pesimista en canto ao descanso que lle demos ao planeta, creo que foi unha cousa circunstancial e se non o tomamos máis en serio, imos sufrir moito como especie, o da pandemia é a punta do iceberg, e o do cambio climático xa está a petar na porta. Eu xa estou bastante curtida no tema da destrución de ecosistemas por parte da especie humana polo meu traballo nos Centros de recuperación de Fauna, pero tamén teño que dicir que xa xurdiu a conciencia de que o que lle facemos ao planeta vai afectarnos a nós, aquí e agora, non en cen anos. E creo tamén que a conciencia é o primeiro paso para mudar a maneira na que queremos xestionar os recursos que utilizamos. 

“Eu tristemente son pesimista en canto ao descanso que lle demos ao planeta”

Se ao anterior lle sumamos a túa experiencia que comentas, na recuperación da Fauna Mariña, a historia acabou de coller forma, non si?

A historia de Maruxa é moi autobiográfica, aínda que eu non traballei con lontras o proceso que conto no libro é o mesmo para calquera animal salvaxe. Quería falarlles aos nenos do problema dos plásticos, pero dunha forma que a eles lles puidera interesar e que entenderan o problema directamente. E para facer educación ambiental non hai embaixador mellor que un animal, os nenos emociónanse moito cos animais, e eu tamén. Foi por iso que fixen esta historia, porque emocionábame e quería transmitilo dalgunha maneira. 

“Quería falarlles aos nenos do problema dos plásticos, pero dunha forma que a eles lles puidera interesar e que entenderan o problema directamente”

Unha achega moi interesante neste libro, a interacción entre avós e netos para intentar salvar o Planeta. Cóntanos.

É que os avós son campións en sacar as cousas para adiante, eles pasaron uns tempos máis difíciles, con moitas menos comodidades que nós e fixeron moito con pouco, quería transmitir este espírito de sacrificio á hora de deixar a un lado a comodidade de usar plástico e buscar alternativas, aínda que ao principio supoña un esforzo adicional. Tamén quería que fosen os nenos e os avós os que iniciaran o cambio na sociedade nesta historia, porque moitas veces non contamos con eles para transformar cousas que lles afectan directamente.

 ‘Un mundo para Maruxa’ inclúe unha unidade didáctica. Unha forma de fixar os contidos do libro na práctica?

Creo que é deformación profesional, pérdenme  as ganas de facer educación ambiental. Paréceme unha boa idea para os colexios e tamén é unha maneira de conseguir que os lectores teñan unhas ferramentas básicas para poder reducir o consumo de plásticos e que o libro poida supoñer un pequeno cambio. As láminas supoñen unha forma moi visual para recordar as ideas que propoño.

Es optimista coa ‘concienciación ecolóxica’ actual da sociedade? Cres que esta pandemia axudará en algo?

Se a pandemia axuda a que a xente entenda que a biodiversidade é necesaria para manter a especie humana, eu doume por satisfeita. Hai anos a idea era que os humanos podían modificar o entorno segundo o seu interese, que había especies economicamente boas e outras daniñas que había que eliminar. Agora empézase a entender a nivel popular que todo esta interconectado de forma tan complexa que calquera mínima alteración rompe este equilibrio, e que os humanos son unha especie máis, e bastante fráxil, e que calquera alteración pode afectarnos.

“Se a pandemia axuda a que a xente entenda que a biodiversidade é necesaria para manter a especie humana, eu doume por satisfeita”

Non sei se a pandemia axudará a concienciarnos ou isto será unha moda de valorar a ciencia mentres a necesitamos, pero xogámonos moito se non tomamos nota.

Pero si que son moi optimista coa actitude dos nenos, creo que eles si que ven o valor das cousas que realmente importan.

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...