XXI Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño

O Concello de Sarria e a Agrupación Cultural Ergueitas convocan unha nova edición deste prestixioso premio de poesía. O prazo de presentación de orixinais remata o 23 de outubro de 2021.

Fiz Vergara Vilariño. Ilustración: Xosé Manuel Fdez.

As obras presentadas a concurso deben estar escritas en lingua galega e a extensión mínima das mesmas será de 500 versos. Os orixinais deberán ser inéditos e non premiados en ningún certame anterior.

Os traballos, presentados por cuadriplicado e en exemplares separados, grampados ou encadernados estarán escritos por unha soa cara e en follas de tamaño DIN A4. Como é costume nestes concursos acompañarase un sobre pechado co título ou lema da obra no exterior, e no interior os datos persoais e correo electrónico da autora ou autor ademais dunha copia do DNI.

O envío farase por correo tradicional certificado a: XXI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Rúa Maior, 14 Concello de Sarria 27600.

Establécese un só premio, económico e non divisible entre varios autores ou autoras, consistente en 6.000 euros, podendo o xurado deixar deserto o mesmo de considerar que os textos presentados non acadan unha mínima calidade ou altura creativa.

Respecto ao xurado, este estará composto por persoas de prestixio no mundo da creación ou da crítica literaria. A Presidenta da Agrupación Cultural Ergueitas será a ‘secretaria’ e a Concelleira de Cultura de Sarria actuará como ‘presidenta’. A decisión ou fallo do certame darase a coñecer antes do 30 de decembro de 2021.

PROPIEDADE INTELECTUAL E DEVOLUCIÓN DE OBRAS PRESENTADAS A CONCURSO

As bases contemplan que a obra premiada será propiedade do autor ou autora e establécese unha cesión dos dereitos de autor para a explotación da primeira edición á Editorial Espiral Maior. Se houbese posteriores edicións xa van por conta do autor ou autora pero deberá mencionar nelas a condición de premiado/a no “XXI PREMIO DE POESÍA FIZ VERGARA VILARIÑO”.

Os orixinais non premiados non serán devoltos e serán destruídos. Feito público o ditame a organización poderá abrir as plicas das obras non premiadas para promocionar as seguintes edicións do premio, agás que se indique expresamente no exterior do sobre o contrario. A organización informa tamén que non se manterá correspondencia cos autores e coas autoras e que a participación no certame implica a aceptación das bases.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here