A Memoria Histórica, protagonista na Pobra do Brollón

O Concello da Pobra do Brollón organiza entre o 8 e o 10 de novembro actividades que teñen como fío conductor a Memoria Histórica. Cine, teatro, roteiros e visitas guiadas para lembrar o pasado recente.

Aquivo / Concello da Pobra do Brollón

Comezarase o xoves 8 na Casa da Cultura “Olga Novo” coa proxección do documental “O canteiro de Sebil”, un filme que conta a vida de Xoán Xesús González Fernández, que tralo Alzamento dirixiu un grupo de 50 obreiros de Teo coñecidos como Os Terzos de Calo que se encamiñaron a Compostela a defender a legalidade da República. Esta proxección forma parte do I Ciclo de Cinema Galego da Pobra do Brollón que se desenvolve todos os xoves ás 20:00 na Casa da Cultura Olga Novo e que remata o próximo 28 de novembro. Este xoves celebrarase unha mesa redonda co arqueólogo Xurxo Ayán, director da escavación na Casa de Repil e nos proxectos de exhumación de Castroncelos e Saa.

A seguinte actividade será o sábado ás 16:00 cunha visita guiada á Casa de Repil. O lugar foi obxecto de campañas arqueolóxicas que permiten reconstruír o que alí aconteceu na batalla do ano 1949. Para participar, hai que apuntarse no 666 435 832.

Nesa mesma xornada ás 20:00  da tarde, na Casa da Cultura Olga Novo terá lugar a obra teatral “A Lolaescrita e dirixida polo profesor Manuel Ayán Díaz, nado en Fornelas e autor de outras obras teatrais como “María Castaña”ou “Beltrana A Birolla”. A obra, representada pola Asociación Cultural Avelaíña, narra a situación familiar de dous mozos que queren casar nos anos 60, ela dun entorno familiar afín ao réxime e el republicano.

A Memoria Histórica seguirá sendo protagonista o domingo día 10, co Ciclo de Andainas Outonizas: da man de…Xurxo Ayán, quen guiará aos asistentes a través dos lugares destacados no apreixamento e asasinato do Inverno de Eirexalba. O Inverno foi obxecto dun proxecto de exhumación o pasado verán de 2018 e o arqueólogo contará os resultados desa intervención. Novamente o teléfono para inscricións é 666 435 832. En caso de mal tempo, a ruta será substituida por unha charla na Casa da Cultura sobre O Inverno e os resultados do proxecto de exhumación.

A fin de semana adicada á Memoria Histórica non responde a ningunha efeméride concreta. En palabras do alcalde, Xosé Lois Maceda, “Non se trata de acordarnos do noso pasado recente só nos días sinalados no calendario, senón de normalizar que se celebren actos de Memoria dentro da programación cultural regular dun Concello”. Asegura o rexedor local que desde o equipo de goberno sempre se apoiou este tipo de iniciativas, como a escavación da Casa de Repil ou os proxectos de exhumación en Saa e Castroncelos, colaborando coa ARMH. “Parécenos interesante e necesaria esta aposta por recuperar a nosa historia máis recente e traumática e sobre todo, transmitirlla á xente máis nova”, sinala Xosé Lois Maceda.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here