InicioEconomíaCreando unha nova cultura de emprendemento na Ribeira Sacra

Creando unha nova cultura de emprendemento na Ribeira Sacra

O Parador de Turismo de Monforte acollía na tarde deste 26 de decembro a presentación da VI edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra. Un acto do que participaban representantes das administración locais e provincias, do tecido empresarial da contorna e das universidades galegas, contando para a presentación co Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.

Publicado o

- Advertisement -

Este Concurso de Proxectos Empresariais é unha iniciativa de Semente Monforte, asociación creada a raíz do premio da Lotaría do Neno, que caía na cidade do Cabe no 2014. O obxectivo era reverter esa sorte na cidadanía, promovendo a solidariedade e “sementando” iniciativas empresariais que impulsasen o desenvolvemento económico de Monforte e a súa contorna.

A Asociación foise abrindo á participación de empresas, Administracións e á Universidade para, entre todos, dar máis impulso ás iniciativas que puideran xurdir. Agora, como Semente Ribeira Sacra, presentábase esta VI edición do Concurso. Sara Fernández, a presidenta deste colectivo destacaba no acto de presentación, “é importante que quen teña unha idea teña axudas e por iso agradecemos as novas incorporacións de empresas e administracións, que fan posible que esteamos falando xa da sexta edición deste concurso”.

Un concurso que premia a inciativa empresarial, con 20.000 euros. Un primeiro premio de 10.000 euros, segundo de 7.000 e terceiro de 3.000. A presentación de ideas, aberta a ideas de calquera parte do mundo, comeza o 1 de xaneiro do 2020, a través da web sementemonforte.org e remata o 16 de febreiro. A entrega de premios será o 9 de maio.

O obxectivo da Asociación é que os emprendedores poidan desenvolver as súas iniciativas. Acompañaban a Sara Fernández; o alcalde de Sober, Luis Guitián como Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; en representación da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández e, o administrador da empresa SICYME, Mariano Méndez, en representación dos patrocinadores do eido empresarial.

O Conselleiro de Industria, Francisco Conde, agradeceu a Semente Ribeira Sacra a invitación e o impulso para depois de 6 anos seguir traballando, e “colaborando coas diferentes Administracións e o tecido produtivo para xerar unha nova cultura de emprendemento na Ribeira Sacra e polo tanto impulsar esas iniciativas empresariais dinamizando a economía desta zona.”

Presentación do VI Semente Ribeira Sacra

A diversidade de sectores representados na presentación do concurso era visto polo Conselleiro como unha resposta desde a Ribeira Sacra para dinamizar o territorio desde as súas potencialidades, “A vocación da Asociación por apostar polo talento identificando eses proxectos, que é o que motiva o desenvolvemento e segundo elemento, a identidade territorial que a Asociación lle quere dar a este proxecto aglutinando todos os actores da Ribeira Sacra, que conxuntamente queremos afrontar os retos”.

Nun entorno económico de dixitalización e búsqueda da sustentabilidade, Francisco Conde engadiu a colaboración como ingrediente fundamental, “A capacidade que poidamos ter para colaborar as diferentes administracións, podendo ofrecer facilidades a través dunha xanela única para axilizar os procedementos e dar soporte ás diferentes iniciativas, e a partir de aí, o que necesitamos son ideas”.

“O que precisamos con máis intensidade son ideas”

Francisco Conde afondaba, coa súa intervención, no tipo de proxectos e ideas que serían interesantes para este Concurso, ao sinalar que demanda a situación económica actual. “Dar novas solucións neste contexto de cambio dixital, nese contexto de loita contra o cambio climático. E nese contexto dar as solucións innovadoras que precisa o noso tecido produtivo. E que a partir de aí un territorio sexa capaz de atraer novos inventimentos. Ese é o principal obxectivo que nos une aquí esta tarde. Neste contexto, a identidade territorial da Ribeira Sacra ten un elemento diferenciador que temos que converter, entre todos, nunha oportunidade; ser candidatura a Patrimonio da Humanidade, ter presentado solicitude para Reserva da Biosfera e o propio Camiño de Inverno.”

Segundo o Conselleiro, estas circunstancias, sumadas ás características vitivinícolas,  paisaxísticas e arquitectónicas permiten que a Ribeira Sacra poida ver o futuro desde unha perpectiva totalmente distinta e “nesas oportunidades temos que traballar por impulsar novos proxectos e dinamizar esas ideas para poder darlles unha resposta”.

ÚLTIMAS

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...

A Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra asina coa Universidade da Coruña a realización do seu Plan Director

Hai un mes a Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra celebraba unha xornada para presentar...