HomeEconomíaA Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra asina coa Universidade da Coruña a...

A Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra asina coa Universidade da Coruña a realización do seu Plan Director

No encontro definíronse as primeiras liñas de actuación que se irán materializando en traballos de investigación e definición conxunta das necesidades e obxectivos que darán lugar a un plan definitivo despois deste verán.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Hai un mes a Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra celebraba unha xornada para presentar propostas de cara a elaboración do Plan Director da Agrupación de Interese Económico Ribeira Sacra Next. Iniciábase así un proceso de participación para definir o que queren todos os sectores empresariais deste territorio. No encontro presentáronse as propostas das Universidades da Coruña e Vigo-Ourense. Decidíase nun debate posterior, desenvolver o Plan Director coa Universidade da Coruña, implicando tamén á Universidade Vigo-Ourense.

Este xoves, 25 de abril, dábase un paso máis coa sinatura do contrato de asesoramento e asistencia técnica para elaborar o Plan Director da Agrupación. No Parador de Turismo de Monforte de Lemos déronse cita: Ricardo Cao Abad, Reitor da Universidade da Coruña; José María Barja Pérez, Presidente da Fundación da Universidade da Coruña; José Pablo Abeal Vázquez, Profesor que coordina o traballo e Manuel Dacosta Ribera, Presidente da Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra.

O Reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, destacaba, “Hoxe dámoslle nivel legal ao acordo, como Reitor é un pracer para a Universidade da Coruña colaborar con esta iniciativa. É unha honra participar deste proxecto no que camiñan da man axentes privados e institucións, indo en grupo pódese chegar máis lonxe que en solitario”.

Manuel Dacosta, Presidente da Agrupación Empresarial, tamén insistía na importancia da unión de todos os axentes implicados, “Queremos facer un Plan Director útil que se apoie en catro pilares fundamentais: o tecido empresarial, o territorio, a fixación de poboación e o papel da muller no emprendemento e na vida da contorna”.

AIE Ribeira Sacra Next convenio Universidade Coruña / AIE

Nesta xornada, previa á sinatura, reuniuse o grupo de traballo que coordinará o plan cos representantes da Universidade da Coruña para perfilar as liñas xerais do documento e crear unha coordinación entre a Universidade e este equipo de persoas. Integran este grupo de traballo: Martín Alemparte Vidal, xerente do GDR Ribeira Sacra Courel; Alexandra Seara Sobrino, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra; Iván Vázquez Rodríguez, responsable da oficina agraria comarcal; Xabier Rodríguez Mosquera, director da Caixabank; Francisco Domínguez, xerente da Asociación de Empresarios de Mos, que colabora como experiencia con 20 anos de traxectoria como asociación;  Xesús Mazaira Varela, administrador de Airas Moniz; Laura Nereida Iglesias González, técnica de Dinamización Rural; José Manuel Rodríguez Fernández, director da Cooperativa Lemos e Celega e Severino Rodríguez, secretario da AIE Ribeira Sacra Next.

Neste primeiro encontro explicouse todo o traballo feito ata o momento desde a Agrupación co obxectivo de impulsar o territorio, o tecido empresarial e o relevo xeracional. Destacouse a importancia de que a iniciativa empresarial conte coa colaboración dos concellos e doutras institucións. Plantéxase a Agrupación como impulsora de proxectos conxuntos e traballarase nun plan de apoio ás pequenas empresas para favorecer o seu crecemento. Na reunión fíxose fincapé no papel da Agrupación para poder desenvolver estratexias de valoración e orgullo polo territorio, que aposten polo relevo xeracional e a repoboación para conseguir crecemento económico.

ÚLTIMAS

O Quixós volve de Portugal con 7 medallas individuais e un 3º posto por equipos

A fin de semana do 8 e 9 de febreiro tivo lugar na freguesía...

Escola de Música Moderna de Monforte: un proxecto consolidado que non para de medrar

A Escola de Música Moderna conta xa con tres centros de formación: o de...

O BNG demanda no Parlamento recursos para o Hospital de Monforte

Esta semana unha nutrida representación do Grupo Parlamentar do BNG acodía á concentración organizada...