Julio Quiroga, da empresa Ouro de Quiroga, S.L., cóntanos que o pasado día 12 de outubro empezaron a moer e que dende hai xa uns 10 días tamén a recollida de olivas para elaborar a súa produción propia de aceite. Segundo indica, a oliva autóctona está xa case madura e empezaron a recoller polos oliveirais desta variedade. Os traballos realizáronse nas fincas máis grandes, e en canto mellore o tempo recollerán o resto de autóctonas e doutras castes, en oliveiras que teñen en diferentes aldeas do Concello de Quiroga.
Respecto do traballo no muíño, Julio dinos que son 3 persoas as que atenden á moenda e que este ano, por mor da Covid, están sendo máis estritos coas citas previas e reducindo ao máximo o contacto cos colleiteiros que levan a produción a moer. Neste senso, prescindiron de zonas comúns, para evitar reunións de xente allea á empresa, e o cliente limítase a entregar a oliva e despois esperar a que o chamen por teléfono para recoller o aceite.
“Ouro de Quiroga optou este ano por contratar unha brigada de temporeiros de Extremadura para sacar adiante o groso do traballo”.
No referente á recollida, Ouro de Quiroga optou este ano por contratar unha brigada de temporeiros de Extremadura para sacar adiante o groso do traballo de xeito máis eficiente e profesional. Trátase dun grupo de 10 persoas ás que coñeceron a través da empresa quiroguesa Herdanza tras recomendarllos esta por telos como vendimadores na campaña deste ano. Segundo nos explica Julio Quiroga, “dos dez contratados, 4 eran vareadores e 6 recolledores movendo redes” e engade “xente moi profesional, serios e currantes… quedamos moi contentos con eles”. Tanto foi así que despois recomendáronllos á adega monfortina Algueira para a recollida nun oliveiral que explota en Montefurado, a carón dunha viña.
Aínda que tamén contratan xente de aquí para estes labores, Julio recoñece que non sempre é doado atopar persoal para realizar este tipo de traballos no Val de Quiroga.
Non moi lonxe, no concello veciño de Ribas de Sil, atópase a aldea de Figueiredo, lugar onde Miguel Ángel Rodríguez ten outro muíño de aceite moderno onde elabora a súa propia produción -baixo a marca Cento x Cento Figueiredo– ademais de moer producións de olivas de particulares durante a tempada do aceite.
“Levo quince días atendendo chamadas de teléfono de xente preguntándome cando empezo”.
Nota xa que comeza o movemento de recollida porque, segundo nos di, “levo quince días atendendo chamadas de teléfono de xente preguntándome cando empezo”. No seu caso a apertura oficial do muíño para o público será despois de santos e terá a dous empregados atendendo aos particulares. Este produtor coméntanos que está todo xa case listo e que este ano hai que cumprir protocolos sanitarios que obrigan a evitar acumulacións de xente e ser moi rigorosos coa desinfección. Neste senso, explica que “os traballadores traballarán con máscara, con guantes, batas, etc non podendo faltar no lugar de traballo o xel hidroalcóholico… e desinfectando caixas e cestos que nos cheguen coas olivas e tamén os recipientes que nos deixen para envasar o aceite”.
Como elabora aceite propio, tamén está organizando o traballo de recollida. Se non houbese novidade, contratará xente para comezar a recoller olivas a partir deste xoves 29 de outubro. Comenta Miguel que a oliva está sa e que dadas as temperaturas altas deste verán non houbo case afectación da avispilla nin fungos. Engade tamén que a auga destes días pode incluso axudar á maduración, iso si, pide que non se alongue no tempo como o ano pasado pois arruinaría a recolección. En canto a cantidade estima que vai haber máis que no 2019 e a calidade será previsiblemente mellor tamén.
Como cada ano, e froito dun convenio coa Universidade de Vigo, desprazarase ao seu oliveiral xente do facultade de Bioloxía no Campus de Ourense para recoller unhas mostras. Segundo nos explica Miguel Rodríguez, “temos 10 árbores nosas identificadas e cada ano collen uns 10-15 quilos de olivas para facer o seu propio aceite, analizalo e estudialo”. E remata con retranca “sempre nos din que lles sabe mellor o que sae do noso muíño que o que fan eles no laboratorio”.