InicioEconomíaArrinca a Feira do Viño de Chantada cun volume de negocio estimado...

Arrinca a Feira do Viño de Chantada cun volume de negocio estimado de 150.000 euros

Dezaseis serán as adegas participantes estimándose que se poñerán á venda entre 20.000 e 25.000 litros de viño da D.O. Ribeira Sacra. O pregoeiro será o recoñecido enxeñeiro agrónomo José Manuel Silva Rodríguez, Director Xeral de Agricultura na UE en dúas ocasións.

Publicado o

- Advertisement -

Este venres día 8 ás 20:00 h. foi a apertura oficial dos postos que ocuparán as 16 adegas participantes na edición deste ano, 14 de Chantada -conta con 22 actualmente- unha dos Peares e outra de Taboada. A feira comeza a quentar motores e xa empeza a haber ambiente no recinto feiral, lugar onde a partir das 23.00 h. actuará a orquestra Saudade.

Segundo declaracións de Manuel Varela, Alcalde de Chantada, a Europa Press estímase que de venres a domingo as adegas participantes, 4 máis que o pasado ano, poñan á venda entre 20.000 e 25.000 litros de viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. En base a esta previsión o volume de negocio previsible pode roldar entre os 140.000 e os 150.000 euros.

O rexedor salienta ademais que esta cita, a primeira Feira do Viño da tempada en Galicia, no é só importante pola venda de viño senón tamén porque grazas a ela “danse a coñecer e amósase a melloría dos viños da subzona de Chantada da Ribeira Sacra”.

Outra intención desta cita, segundo indica Varela e xa ten manifestado Manuel Diéguez, concelleiro de cultura e coordinador da mostra, é “a repercusión que se lle dá a Chantada de cara ao resto do ano pois o impacto de promoción turístico que ofrece resulta moi importante”. E certo é, pois dos milleiros de visitantes que recibe esta feira hai moitos/as que aproveitan a fin de semana tamén para facer visitas turísticas e coñecer a contorna.

Poñendo a atención no programa de actividades, o sábado día 9 a apertura de stands será ás 11:00 h. e haberá un pasarrúas a cargo da Escola Tradicional de Música de Chantada, o Grupo de Zanfonas da Tradescola de Lugo e Searas. Un pouco máis tarde, ás 13:00 h. actuará a  Banda de Música de Chantada.

Charanga amenizando o recinto feiral (2018). Foto: Lucía Cereijo e Concello de Chantada

Pola tarde, a partires das 17.00 h. actuarán, ademais das formacións da mañá, as charangas Os Charangos de Neda e Festicultores. Das 17.00 ás 19.00 h. celebrarase a IV Cata Popular. Pola noite a festa estará amenizada, a  partir das 21.00 horas polas orquestras Tango e Solara.

A Cata Oficial da 37 edición da Feira do Viño de Chantada abrirá a programación do domingo ás 10:30 h. Ao longo da mañá haberá música dos gaiteiros Os Barrios, da Charanga NBA e mais da Banda de Gaitas de Chantada.

O pregón será ás 13:00 h. e correrá por conta do chantadadino, José Manuel Silva Rodríguez, coñecido popularmente como “Cuqui Silva”. Silva é un recoñecido Enxeñeiro Agrónomo, orixinario da vila e que visita sempre que pode, cun amplo currículo especializado en temas agrarios. Empezou a traballar na Comisón Europea no ano 1986 da man do Vicepresidente Manuel Marín, chegando a ser Director Xeral de Agricultura da Unión Europea en dúas ocasións. Unha do ano 1999 ao 2005 e a segunda do 2010 ao 2013. Entre outros méritos que atesoura é Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Actualmente é vogal asesor na Secretaría de Estado de Investigación.

Para as 15:00 h. está previsto o xantar oficial e ás 16:00 h. entregaranse os premios desta 37 edición da Feira do Viño. Pola tarde haberá novamente música, coas Charangas NBA e Ardores e para pechar a festa coa Orquestra Televisión, a partir das 19:00 h.

Feira de Oportunidades e Feira de produtos e artesanía (2018). Foto: Lucía Cereijo e Concello de Chantada

Coincidindo con esta cita durante a fin de semana haberá un espazo moi interesante para os visitantes na Avenida de Monforte e que acollerá a XI Feira de Oportunidades e tamén a X Mostra de produtos e artesanía. Estas mostras lévanse a cabo grazas á iniciativa da Asociación de Empresarios de Chantada e o CCA Ribeira Sacra. Tanto o sábado como o domingo en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h. haberá obradoiros e ocioteca para nenos de máis de 3 anos, na Casa da Música, a cargo do colectivo Velaisca.

curiosidade

O pregoeiro da primeira Feira do Viño de Chantada, no ano 1983, foi Antón Fraguas, persoeiro ao que este ano 2019 se lle dedica o Día das Letras Galegas e o número de persoas que se achegaron a esta cita foron ao redor das dez mil.

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...