InicioEn profundidade‘Peleriños’ de Sarria celebra a súa XXIII xuntanza

‘Peleriños’ de Sarria celebra a súa XXIII xuntanza

Unha das asociacións de referencia na divulgación do folclore galego en Sarria, a Asociación Cultural Peleriños, celebra este sábado o seu encontro festivo e conmemorativo anual en colaboración co Concello. O grupo convidado deste ano, chegado dende Portugal, é o “Rancho folclórico da Casa do Povo de Souto”. Falamos con Roberto Quiroga, membro e vogal da devandita entidade.

Publicado o

- Advertisement -

Toda actividade encamiñada a recuperar e divulgar o noso folclore e as nosas tradicións merece respecto e admiración, e máis aínda coas dificultades de arraigo nun contexto como o actual onde o comercial marxina o tradicional.

Na Asociación Cultural Peleriños levan 24 anos promovendo a música e o baile tradicionais galegos, un labor importante para Sarria, vila que conta tamén con outra mítica agrupación folclórica, “Meigas e Trasgos”, entidade a partir da cal se creou Peleriños.

Falamos con Roberto Quiroga, membro e vogal de Peleriños, para que nos conte algo máis da asociación e das súas actividades.

Como entraches en contacto coa A.C. Peleriños?

De pequeno, tiñas uns 10 anos e leváronme meus pais, pero non me gustaba. Pasados os anos, volvín pola miña conta, e desta vez gustoume.

Bailas, tocas algún instrumento?

Empecei tocando a gaita e agora bailo e toco o bombo.

Consideras que hai arraigo da música tradicional e o baile en Sarria?

Hai, hai… Sarria é unha vila onde sempre houbo tradición. Pensa en “Meigas e Trasgos”, que dicir deles, un dos grupos tradicionais máis grandes da provincia. Só pensando que convivimos, e moi ben, as dúas agrupacións pois imaxínate se hai afección e seguimento.

A.C. Peleriños tras unha actuación no Malecón de Sarria. Fonte: Facebook Peleriños

Cantos socios/as sodes?

Non sei dicirche agora con exactitude pero arriba de cen.

Que actividades organizades durante o ano, ademais desta xuntanza?

Durante o ano ofrecemos clases de pandeireta, de canto, de baile e de percusión e gaita en diferentes niveis; e no verán impartimos un curso especial para nenos e nenas.

Teñen moita demanda as clases?

Pois despois dunha época frouxa pola que pasamos podo dicirche que estamos a vivir un repunte, estamos nun momento bo con moita demanda.

O pasado mes de xuño xa tivestes a X Xuntanza infantil. Hai canteira logo?

Si, estamos moi contentos/as. Os rapaces e rapazas aguantan moitos anos e iso é bo sinal, sinal de que hai continuidade.

Como se financia unha entidades en ánimo de lucro como a vosa?

Pois xa te podes imaxinar, sobrevivimos practicamente da autofinanciación. Con cotas de socios/as, co cobro simbólico das clases, coa venda de lotaría e camisolas, coa barra do bar na organización dos Cantos de Taberna de Sarria…

Este sábado, 10 de agosto, celebrades a XXIII xuntanza. Cóntanos.

Dos 24 anos de vida da asociación levamos con este 23 edicións desta celebración conmemorativa. Ás 19:00 h. faremos un pasarrúas dende o Malecón e ás 19:30 h. serán as actuacións na Praza da Vila de Sarria. No escenario estará o grupo convidado, este ano chegado de Portugal, ‘Rancho folclórico da Casa do Povo de Souto’ e a continuación actuarán as diferentes formacións da A.C. Peleriños.

É habitual que o grupo folclórico convidado sexa de fóra?

Gústanos traer variedade e dar a coñecer outras manifestacións folclóricas alén de Galicia. Por esta xuntanza teñen pasado grupos de Asturias, León, Canarias, Menorca, Polonia, República Checa…

Cartel da XXIII Xuntanza

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...