Miguel Ángel Rodríguez naceu en Figueiredo, no Concello de Ribas de Sil, e lémbrase perfectamente como de pequeno xa ía coller olivas cos seus pais e cos seus avós. Tamén lembra o muíño cheo de fume cando era o tempo de facer o aceite. Daquela, a recollida do froito interrompíase ata que pasaban as matanzas, en xaneiro ou febreiro, e as olivas esperaban amoreadas a que chegase a quenda para poder moela. “Había moita aceituna e igual cada casa pasaba 3 ou 4 días moendo para facer o aceite”, explica Miguel Ángel. E claro, ao estar amoreadas tanto tempo collían mofo e o aceite que se obtiña tiña un color verde intenso e un sabor amargo e rancio. Iso hoxe xa non pasa.
Este proceso tradicional pasou á historia e agora os que se dedican profesionalmente á comecialización de aceite no sur de Lugo, concretamente en Quiroga e Ribas de Sil, xa dispoñen de ‘almazaras’ equipadas con modernas máquinas para extraer o “zume das olivas”. Este é o caso de Miguel Ángel, propietario da marca Cento x Cento Figueiredo, que coa axuda do GDR Ribeira Sacra con fondos Feader (Leader 2007-2013) montou unha na súa aldea natal, Figueiredo, axudándolle a consolidar o seu proxecto de produción de aceite en ecolóxico.
Sempre tivo claro cal era o seu lugar e o amor pola terra co cal nunca se desligou dela. Nos seus anos mozos, ausentábase por estudios e por traballo, pero cada quince días como moito volvía á súa casa e chegou un día no que a falta de traballo pola crise levouno a tomar a decisión de emprender e apostar polo potencial da froita e das olivas na súa contorna. Aproveitando que xa pasaron os traballos de recollida da súa produción e os traballos de moenda de particulares que van facer o aceite á súa almazara, conseguimos atopar un momento para falar con el.
Intentar vivir do rural non é doado. Como foi o teu caso de apostar polo aceite?
Sempre me gustou o rural e, como che dixen antes, nunca perdín o contacto coa miña aldea, Figueiredo. Pero foi a raíz da crise na construción que empecei con isto. Era comercial neste campo e coa crise, creo que no 2007, atopeime sen traballo. Foi neste momento cando pensei seriamente que podía intentar sacarlle rendemento ao potencial que tiña arredor e puxen a andar un proxecto de aproveitamento da froita e das oliveiras. A día de hoxe só puiden centrarme na cereixa e nas olivas.
Respecto ao mundo das oliveiras, centrado en recuperar as vellas, variedades autóctonas?
Si. Eu aposto por poñer en valor e comercializar aceite das variedades brava e mansa, pero non teño nada en contra doutras variedades. Chamábanme louco nun principio pero eu seguín por ese camiño.
“aposto por poñer en valor e comercializar aceite das variedades brava e mansa”
Onde tes as oliveiras que traballas e cantas?
Polo de agora estou traballando oliveiras de Figueiredo, onde vivo, e tamén dos Anguieiros, aldea dos avós da miña parella Patricia. Teño 258 parcelas e 1.328 oliveiras contabilizadas. Imaxínate o traballo que representa este minifundio (risas).
Non pensaches en traballar en intensivo?
Non. Estou centrado en recuperar oliveiras vellas, centenarias, aínda que tamén planto algunhas en fincas para completar parcelas ou como substitución doutras. Cultivo en intensivo non farei nunca e creo que “tende a desaparecer” porque a oliveira necesita o seu espazo, as enfermidades en intensivo son máis dañinas e ese tipo de cultivo fai que en 15 anos as árbores estean ‘sobreexplotadas’ -fertilizantes, regadío, praguicidas-. Hai que mirar como as tiñan os vellos e non apretalas para que sexan máis produtivas.
Que dirías do teu aceite?
Que é “único e sorprendente”. É afrutado, amargo e intenso… cambia en boca. Entra suave co seu toque afroitado, despois aparece o picante e logo volve a ser suave. Estes atributos antes non se valoraban como positivo nun aceite pero agora si. O meu aceite é moi apreciado por xente que está moi introducida no mundo dos aceites de alta calidade, de xente que busca algo diferente, fóra do lineal de supermercados.
Que lles dirías a aqueles que din que vendes o aceite moi caro?
Que se levara un 3% de zume de oliva sería caro pero levando un 100% non o é. Pensa que conseguimos un litro de aceite a partir de 11-13 quilos de olivas e iso sen contar os gastos que hai detrás para coidar as árbores ou para pagar xornais; e tampouco é o mesmo andar recollendo nas 258 parcelas unha a unha que en intensivo.
“se levara un 3% de zume de oliva sería caro pero levando un 100% non o é”
En anos coma este no que a colleita foi mala, cal é a estratexia como produtor?
Este ano foi moi malo, é verdade. Eu debín recoller un 40% respecto ao ano anterior. Que facer? Pois paciencia, calcular que o que teño feito chegue para as citas comerciais obrigadas, cubrindo feiras e foros comerciais nos que teño que estar por estratexia comercial; e incluso renunciando a algunhas citas importantes como Alimentaria en Barcelona. Este ano non podo ir.
Algún ‘prescriptor’ especial do teu produto?
Moitos, pero por destacar algún… como punto de venda un posto da Praza de Abastos de Santiago especializado en aceites que move moito aceite Cento x Cento Figueiredo; e como cociñeiro temos a Kike Piñeiro do Restaurante A Horta do Obradoiro, tamén en Santiago, que é un gran embaixador noso.
Algún caso curioso de cliente ou clientes que teñas?
Clientes chineses que fixen o ano pasado en Alimentaria, algún de EE. UU. ou unha exportadora francesa que o quere, mágoa que non podemos ofrecerllo pois a comercialización mínima ten que ser de 4.000 botellas. E casos curiosos como o actor Luís Zahera que nos comprou o pasado ano en Vilalba na Feira do Queixo de San Simón (risas).