HomeEn profundidadeRecuperar a memoria dos fusilados para poder “choralos con emoción e non...

Recuperar a memoria dos fusilados para poder “choralos con emoción e non con rabia”

Esta é unha das motivacións que levaron a Alicia Garrido a escribir o libro: José Darriba Puente “o fillo da Licha”. Memoria dun fusilado (1917-1937). Unha obra que honra a memoria do seu tío avó e documenta un capítulo sanguiñento da represión fascista en San Clodio de Ribas de Sil.

Publicado o

- Advertisement -

Alicia Garrido é profesora de secundaria no colexio Divino Salvador de Vigo e membro do colectivo Capitán Gosende, que, entre outros obxectivos, traballa en prol da recuperación da Memoria Histórica e a protección, valorización e divulgación do noso patrimonio histórico, ambiental e etnográfico.

Os seus tataravós e avós por parte materna eran de Ribas de Sil pero a súa nai e ela mesma xa se criaron en Vigo. Lembra ter visitado o lugar dende que nos anos 80 a familia arranxou unha casa e tamén no proceso de investigación para escribir o libro, concretamente San Clodio para consultar o rexistro e manter varios encontros e conversas con Manuel Cao, cronista da zona.

Cóntanos que sendo nena, atopou a única foto que se conserva do seu tío avó José Darriba, retrato no que está acompañado das súas irmás. Tras o achado preguntou por aquel rapaz e “a miña avoa respondeu que era o irmán que lle mataran na guerra e que debía estar enterrado nalgún monte de San Clodio”, di textualmente Alicia. E aquí está o punto de partida da ‘misión’ que levou a esta profesora a poñer en funcionamento o proceso de investigación para averiguar o seu paradoiro.

Falamos con Alicia Garrido.

Quen foi José Darriba Puente?

José Darriba Puente, nado en San Clodio de Ribas de Sil en 1917, foi un mozo cheo de ilusións, proxectos e ideas. Comprometido coa modernidade e o progreso, xa desenvolvera unha conciencia de clase e unha inquedanza cultural que o levaron a formar parte das organizacións sindicais e da Sociedade Cultural existentes na súa localidade naquel momento. Un concello ó que chegara unha nova forma de facer política da man de Marcelino Fernández Prada, na que o ben común estaba por riba dos intereses propios e as manobras caciquís. Os que coñeceron a José, dicían que era intelixente, alegre e moi traballador. Nunca saberemos ata onde daría chegado, porque todo rematou para el, e para outros dez compañeiros, o once de maio de 1937, fusilados por mor da sentenza ditada na causa 636/36. Pepe (así era como o chamaban na casa) era tamén o meu tío avó.

José Darriba. Foto cedida por Alicia Garrido

Ademais do vencello familiar, que outras motivacións te levaron a recuperar a súa memoria histórica?

Darriba Puente e todas as persoas que se significaron na defensa da República fronte ó fascismo padeceron un calvario en vida e, tras a súa morte, foron condenados ó esquecemento. Esta situación mantívose mesmo cando se restableceu a democracia. Para moitos dos seus descendentes, constatar esta inxustiza fáisenos insoportable. É tarefa ineludible recuperar a súa memoria, anular os xuízos farsa, restaurar publicamente a súa dignidade… De non seren atendidas estas reivindicacións, de non ser recoñecido o seu compromiso coa liberdade, estariámolos condenando a morte outra vez. Existiron. Foron pais, fillos, noivos e irmáns de alguén e perderon a súa vida por defender a legalidade democrática. Só así poderemos choralos con emoción e non con rabia.

“Darriba Puente e todas as persoas que se significaron na defensa da República fronte ó fascismo padeceron un calvario en vida e, tras a súa morte, foron condenados ó esquecemento”

Cantos anos de traballo de documentación hai detrás do teu libro?

Moitos, aproximadamente dez documentándome e 3 máis xa no proceso de redacción para poñer todo en orde. Non foi doado ao ter que compaxinar a elaboración do libro coa miña profesión de docente. Investigar precisa tempo e non poucas doses de sorte e paciencia. Un documento lévate a outro e, ás veces, un dato tarda meses en corroborarse e modifica toda unha liña de traballo. Cómpre ter en conta que partín dunha vella fotografía de Darriba e de dous fragmentos das dúas únicas cartas conservadas.

É o teu primeiro traballo como escritora?

Si, é a miña primeira obra.

Como foi o proceso de investigación e tamén como che afectou, no lado emocional, ir atopándote coa dura realidade dos feitos.

Sendo nena, atopei a única foto de Darriba, na que posa con dúas das súas irmás. Preguntei, e a miña avoa respondeu que era o irmán que lle mataran na guerra e que debía estar enterrado “nalgún monte de San Clodio”. Esa foi a chispa. Averiguar o seu paradoiro foi o que puxo en funcionamento o proceso de investigación. O seguinte paso foi preguntarlle á súa irmá Luisa. A memoria prodixiosa desta muller e as súas ganas de falar de Pepe fixeron o resto. Recordaba datas, lugares e momentos cunha claridade incrible, que eu despois confirmei nos documentos que fun atopando e na bibliografía consultada. As webs “Nomes e Voces” e “A represión franquista e as súas zonas de penumbra. Vítimas confirmadas e posibles en Lugo (1936-1940)” leváronme a contactar con Xurxo Pantaleón e a coñecer o traballo da investigadora Mª Jesús Souto Blanco. A rede de investigadores galegos é unha cadea de transmisión valiosísima. Xoan Carlos Garrido púxome en contacto co historiador Moncho Ermida e este, a súa vez, con Antonio Cardelle, coñecedor da memoria histórica de Monforte, e mais con Manuel Cao, cronista de San Clodio de Ribas de Sil.

A foto de José Darriba coas súas irmás. Foto cedida por Alicia Garrido.

Foi unha longa viaxe. Coñecía o punto de partida e sabía a onde quería chegar, pero, ás veces, dubidaba de se sería capaz de concluír acertadamente a miña misión, de cumprir o compromiso adquirido co meu tío avó. E si, emocionalmente,  a verdade doe, sacode o teu ser; pero non saber, tamén te come por dentro. Non todo foron sorpresas negativas. Descubrín, por exemplo, que José Darriba Puente era un actor afeccionado e que compartiamos, nun universo paralelo, o mesmo amor pola farándula; ou coñecín máis polo miúdo a fortaleza da miña bisavoa Alicia.

“E si, emocionalmente,  a verdade doe, sacode o teu ser; pero non saber, tamén te come por dentro”

Darriba apuntaba maneiras no mundo da interpretación?

Pois si, con catorce anos formaba xa parte do grupo de teatro da Sociedad Cultural y Recreativa Artesana. Como anécdota contarche que no 1936 representouse en San Clodio a obra de teatro “Mi vida es mía”, de Augusto Martínez Olmedilla, e José Darriba era un dos personaxes. A obra estreárase en Madrid o ano anterior e no xornal “El Pueblo Gallego” chegárase a publicar unha crónica que viña a dicir que “o xoven Darriba, o mellor de todos na obra”.

Portada da obra “Mi vida es mía”.

Ser contrario ao establecido e ter ideas propias pagábase coa morte. Que terrible ver que as ideas políticas podías prevalecer incluso sobre os lazos familiares…

Si. É difícil entender determinadas actitudes ou comportamentos. Desgraciadamente, as desavinzas dinamitaron moitos fogares, enfrontando pais con fillos e irmáns con irmáns. Lembremos, por exemplo, os camiños tan distintos que tomaron os membros da familia Aranguren. Pero o tempo ofréceche a distancia necesaria para analizar, sen acritude, os acontecementos. Así como a figura da miña bisavoa estivo sempre presente na miña vida, e levo o seu nome na súa honra, non podo dicir o mesmo do meu bisavó. Ó meu parecer, foi un home que fuxiu dos problemas e que, quizais, non calculou ben as dimensións do que estaba a acontecer, as consecuencias da súa inacción ou das súas controvertidas conviccións ideolóxicas. Esa fuxida cara a adiante, levada ata o extremo, deixou orfos a sete nenos e viúva a unha muller que, lonxe de afundirse, sacou a todos os seus fillos adiante con traballo e moito amor.

“Desgraciadamente, as desavinzas dinamitaron moitos fogares, enfrontando pais con fillos e irmáns con irmáns”

Con que apoios contaches para sacar adiante a obra? Referímonos aos persoais e tamén aos económicos.

A familia sempre está aí. A miña avoa, malia padecer demencia senil, segue agasallándome cun sorriso así que recoñece o seu irmán na portada do libro e le o seu nome a carón do meu. A miña avoa Aurora tiña seis anos cando o seu irmán Pepe, de dezanove, foi fusilado. Hai rostros que nin o Alzheimer é quen de borrar. Formar parte do colectivo Capitán Gosende é garantía de compromiso e independencia. Antonio Cardelle e Manuel Cao forman xa parte do meu universo persoal. Beizóns á Editorial Rinoceronte (Moisés Barcia á cabeza): grazas ó traballo de Anxa Correa e á evocadora portada de Uxía Piñeiro. En canto ós apoios económicos, a edición do libro foi sufragada polo colectivo Capitán Gosende, unha asociación que se distingue por desenvolver o seu labor sen subvención ningunha. O diñeiro recadado coas vendas do libro investirase no noso Proxecto Campo das Laudas, un Lugar da Memoria localizado na aldea das Raposeiras (Meilide-Cerdedo).

Esperando poder facer presentacións, supoño?

Pois si, desexando facelas e achegarme por aí para presentar o libro en San Clodio e noutros concellos.

ÚLTIMAS

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...