InicioEn profundidade“A xente valora máis a artesanía e o comercio de proximidade pero...

“A xente valora máis a artesanía e o comercio de proximidade pero aínda queda moito camiño que percorrer”

Así reflexiona Teresa Lamela, unha creadora do sector téxtil e orixinaria de Pantón que traballa en Monforte. Sempre lle gustou a costura e hai catro anos deu o paso de montar o seu propio obradoiro.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Teresa Lamela é unha deseñadora e modista orixinaria da parroquia de San Vicente de Castillón, concretamente de Outeiriño. Teresa montou hai uns anos un obradoiro de costura en Monforte de Lemos e especializouse en roupa medieval, aínda que fai traballos moi variados. Imos coñecela un pouquiño máis.

Foto de Teresa Lamela

Gustaríanos que nos falase da súa infancia en Outeiriño e como acabou vivindo en Monforte de Lemos?

A miña infancia en Outeiriño foi moi feliz. Non había nenos cerca pero aínda así nunca me aburría porque sempre había algo que facer. A min encantábame ir coa miña tía á horta, levar as vacas ao monte, facer a vendima, ver como se facía a malla, que me deixaran subir no carro… daquela as aldeas estaban cheas de vida e de actividade.

A razón pola que acabei vivindo en Monforte foi simplemente porque os meus pais viñeron vivir aquí.

Gustaríalle volver á súa aldea natal algún día?

Nunca deixei de ir pero agora mesmo non iría vivir alí porque co meu traballo non sería viable.

Fálenos da súa formación en costura. É vostede autodidacta ou fixo algún estudo relacionado? Como comezou no mundo da costura?

A costura interesoume dende pequena, xa daquela lles facía vestidos ás miñas bonecas. Con vinte anos decidinme a estudar deseño de moda e corte e confección na escola Goymar na Coruña. Tiven unha tenda de vestidos de noiva durante uns anos e despois diso deixei de dedicarme de xeito profesional á costura ata que me decidín a retomalo hai catro anos.

“A costura interesoume dende pequena, xa daquela lles facía vestidos ás miñas bonecas”

Foi nese momento cando decidiu montar un taller de costura?

Si, ao pasar eses catro anos. Un día fixen un bolso para min e á xente gustoulle, entón animáronme a dedicarme a isto profesionalmente. Empecei facendo bolsos pero empezaron a facerme encargos de todo tipo, así que decidinme a montar un taller de costura.

Bolsos creados por Teresa Lamela. Foto: Teresa L.

Encontrou boa aceptación entre o público da contorna? Cales son os encargos máis habituais?

A aceptación foi moi boa dende o primeiro momento. Os arranxos de roupa son con diferenza os encargos máis habituais pero tamén me encargan con bastante frecuencia disfraces para o entroido ou traxes para feiras medievais ou para o Arde Lucus.

“Os arranxos de roupa son con diferenza os encargos máis habituais…”

Poderíanos contar cal foi o encargo máis peculiar que recibiu?

O encargo máis peculiar que recibín foi replicar o vestido dunha noiva e os das súas damas de honra para unhas bonecas.

Cando se comezou a interesar pola vestimenta histórica? Realiza tamén traxes doutras épocas alén da Idade Media e o mundo romano?

A min sempre me encantou a vestimenta histórica, xa desde nena. Encántame non só a Idade Media se non todas as épocas históricas. Confecciono traxes de calquera época histórica pero os que máis fago son de época medieval ou de época celto-galaica.

Vostede forma parte da asociación recreacionista ‘Trebas Galaicas’. Cre que sería bo que se creasen asociacións deste tipo na contorna?

Si, sería moi bo, sobre todo de cara á feira medieval, xa que este tipo de asociacións incentivan a participación e implicación da xente neste tipo de eventos e ademais  axudan a coñecer a historia dun xeito lúdico e ameno.

Parte superior dun traxe medieval. Foto: Teresa L.

“Confecciono traxes de calquera época histórica pero os que máis fago son de época medieval ou de época celto-galaica”

Por último, como ve o futuro do deseño artesanal na nosa contorna? Cre que comezamos a apreciar máis as pezas únicas feitas preto de nós?

Penso que si, estase notando que cada vez a xente valora máis a artesanía e o comercio de proximidade pero aínda queda moito camiño que percorrer nese sentido.

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...