O grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo vén de presentar unha moción para que o actual Parque das Piscinas pase a denominarse Parque Mirtha Castiñeiras, como recoñecemento á traxectoria dunha profesional que dedicou boa parte da súa vida ao coidado da saúde da infancia neste concello.
Mirtha Castiñeiras exerceu como pediatra en Chantada durante 39 anos. A moción destaca a súa competencia como profesional sanitaria, mais tamén a súa maneira de entender a pediatría: unha atención próxima, constante e responsábel, que ía máis alá da propia consulta. O seguimento da evolución das crianzas, a comunicación coas familias, a consulta con especialistas cando era necesario e a actualización permanente dos coñecementos científicos forman parte dunha maneira de exercer a profesión que, para Por Chantada, merece un recoñecemento público.
A formación lembra tamén que Chantada conta con antecedentes de espazos públicos que homenaxean persoas vinculadas á medicina e á saúde, como as rúas Doutor Fleming e Mariano Cedrón ou o parque Eloísa Rivadulla. Neste caso propoñen o parque das piscinas polo carácter do propio espazo: un lugar de uso público e de encontro, frecuentado por nenas e nenos, que permitiría ligar a súa memoria coa infancia e coa importancia da pediatría de atención primaria, “que non sempre estivo garantida no noso concello e pola que houbo que organizarse e loitar recorrentemente”.
Por Chantada pretende que a iniciativa conte co apoio unánime da Corporación municipal. «Non estamos perante unha proposta partidaria, mais perante unha oportunidade para que o Concello, como institución que representa a toda a veciñanza, recoñeza unha traxectoria profesional e humana que forma parte da historia recente de Chantada», conclúe Viana

