Este luns acordouse iniciar os trámites co Ministerio do Interior para conseguir o cambio de uso do inmoble, que se atopa na actualidade prácticamente en desuso, “Só se utiliza un pequeno despacho na planta baixa, o resto do edificio, incluido o espazo habilitado para vivenda, non se destina a ningunha función práctica”, destacan desde Courel Vivo.

Como antecedentes a formación política aseguraba que o concello se enfrontaba a importantes retos demográficos, sociais e de acceso á vivenda que dificultan a fixación de poboación e a chegada de novos veciños ao municipio. E poñían o foco nas infraestruturas públicas situadas no termo municipal que actualmente presentan unha utilización limitada ou parcial, como é o caso do cuartel da Garda Civil de Seoane.
A cesión total ou parcial dos espazos do cuartel que non resulten imprescindibles para o servizo, consideran que permitiría ao Concello desenvolver actuacións de interese público, contribuíndo á loita contra o despoboamento, á promoción da vivenda e á mellora dos servizos municipais co que se inician os trámites para esta cesión garantindo sempre a compatibilidade coa prestación dos servizos da Garda Civil.

