Lomarti, ‘cartelista de cabeceira’ da Feira do Viño de Chantada

O artista, chantadino de adopción, sinala a Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura, como responsable. Cando lle di que busque a outro para cambiar, seica lle contesta: “se che encargo a ti sei que non arrisco”. Falamos con el.

Lomarti a carón dunha obra súa. Foto cedida por el.

Juan José Lomarti é un artista multidisciplinar nacido en Lugo pero que leva máis de media vida en Chantada. A súa afección polas artes plásticas remóntanse á súa infancia e, segundo nos conta, aos dez anos xa debuxaba e dábaselle moi ben.

Foi xa nesa etapa vital cando decidiu que quería ser artista, “a miña idea foi sempre ser artista, era como o meu soño”, dinos Lomarti. Facémoslle ver que nos chama a atención o feito de que tivese tan claro o desexo de destacar na expresión artística, e engade máis información: “era como unha especie de revulsivo, non estaba conforme co entorno proletario no que vivía e quería ser algo máis… un soño, unha idea libertaria. E como tiña boa man para o debuxo tirei por este camiño”.

Confesa que lle tiraba tamén ser músico pero era máis difícil daquela polo custe dos instrumentos e porque tampouco cría que tivese unha voz axeitada… Co cal, o seu camiño estaba claro, o da creación plástica.

De pequeno xa ía demostrando a súa valía con premios na etapa como estudante pero revélanos que foi contrario ás academias e que “sempre foi partidario de ser autodidacta, de investigar…”. Non pasou por academias nin ten a carreira de Belas Artes, Lomarti seguiu o seu propio camiño documentándose e formándose pola súa conta. Quedámonos cunha frase descritiva súa que se aplica así mesmo: “autodidacta, pero de liña estrita”. Quere dicir con isto que non se limitaba a quedar na casa pintando, se non que aprendía do que hai por fóra, coñecendo a outros pintores, vendo exposicións, con moita lectura e tamén, como non, con moita práctica.

Juan José Lomarti defínese como: “autodidacta, pero de liña estrita”

Preguntámoslle se as horas que pasou na carpintería do seu pai influíron algo na súa tendencia artística e dinos que non necesariamente. Recoñece que pasaba ratos vendo a forma de traballo de seu pai, que facía mobles que eran auténticas obras de arte e que puido orientarlle algo no eido da escultura. Nesta disciplina artística sinala que as súas primeiras obras naceron estando no taller do mestre Leiro.

Escultura homenaxe a Uxío Novoneira. Autor: Lomarti

UN “INCOHERENTE NA ESTRUTURA DO ARTE

Lomarti é, ante todo, un artista multidisciplinar que gusta de combinar técnicas e ao que non lle gusta repetirse. “Non fago máis de tres cadros na mesma liña”, dinos.

Destaca na pintura e na escultura, ás veces fai pinturas que son case esculturas e á inversa, “todo é un compendio, todo é arte”, refire. Pero non se queda aquí a súa creatividade, tamén nos explica que fai performances e que escribe. Ten publicado algún libro de poesía ilustrada e cóntanos que proxecta sacar unhas historias curtas ilustradas.

No que respecta a posibles influencias ou referentes non se decanta por nada nin por ninguén en particular. Menciona aos artistas gregos, Miguel Ángel, etc como destacados para el na escultura e sinala que as súas referencias en estilo son “as liñas do realismo e a abstracción”.

Ícaro soñando. Obra de Lomarti

Como artista di fuxir da repetición e dinos que o seu xeito de ser lévao a forzar,a experimentar e aplicar novas técnicas; a apartarse da liña de mercado, diso que acaba definindo a un artista, encasellándoo dalgún xeito… “o doado é repetirse, seguir as mesmas técnicas, etc”, di Lomarti. O chantadino vai contra esa coherencia e sentencia “sempre quixen ser un incoherente na estrutura do arte”. Tal como refire, sempre ‘sobreviviu’ do arte, sen luxos pero foille dando para vivir e pintando o que lle deu a gana aínda que ás veces accedera a facer, como encargo, algúns retratos familiares. Retratos que seica lle quedaron moi ben… e tirando de aquí agasállanos cunha anécdota, unha frase que lle chantou unha familiar e que lle quedou gravada para sempre: “Este chico si pintara como el sabe estaría podrido de dinero”. Unha pincelada anecdótica que reflicte tamén esa “incoherencia na estrutura do arte“ coa que se identifica Lomarti.

Lomarti: “sempre quixen ser un incoherente na estrutura do arte”

ALGÚNS TRABALLOS

Aquí podiamos recoller moitos. Algúns moi próximos, como esculturas en espazos públicos do Barco de Valdeorras ou no Parque Público de Chantada; algúns máis lonxe, como un proxecto seu que se atopa no Parque de Escultura de Kwangju, en Corea do Sur… pero referiremos algúns que tiveron para o noso protagonista un sentido especial.

Un deles foi a escultura de Javier Krahe na zona verde da Rúa Paxariños de Lugo. Trátase dun busto duns dous metros de alto realizado en granito galego pardo que se fixo tras unha proposta do coñecido Café Teatro Clavicémbalo e avalada por máis de mil sinaturas.

Outra obra súa, á que lle ten especial agarimo e cunha fermosa historia detrás, foi a realizada no Val do Jerte a partir dun carballo que morreu, o popular “Roble Grande de la Solana”. Este carballo era un dos máis senlleiros de Extremadura e tiña 300 anos de historia, pero o pobre acabou morrendo tras continuados actos de vandalismo. Pois ben, Lomarti tivo a honra de recibir o encargo de darlle outra vida a este emblemático carballo e converteuno nunha escultura moi colorista.

O novo aspecto do ‘Roble grande de la Solana’. Foto: Lomarti

A súa obra pódese contemplar tamén en coleccións como a do Concello de Lugo, a do Concello de Chantada ou a da Deputación de Lugo, entre outras.

O CARTEL DA FEIRA DO VIÑO

Dicímoslle con retranca a Lomarti que semella o ‘cartelista de cabeceira’ para a Feira do Viño de Chantada. Ri, e acto seguido sinala a Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura, como responsable. Cando lle di que busque a outro para cambiar, seica lle contesta: “se che encargo a ti sei que non arrisco”.

Pedímoslle tamén unha descrición do cartel que representa a imaxe gráfica da 39ª Feira do Viño de Chantada e segundo el, a idea foi “resaltar os aromas, o paladar… esas formas verdes e moradas que levan a sabores e aromas, ese recendo explosivo”. Revélanos que este ano quixo cambiar algo, que sempre intentou ser figurativo e realista pero que este ano ‘rompeu’ con esta idea e “foi algo máis abstracto”.

Cartel / Lomarti

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here