InicioMedio ambiente e Patrimonio25 universidades europeas e americanas apoian a declaración da Ribeira Sacra como...

25 universidades europeas e americanas apoian a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Salientan que se trata “dunha representación excepcional da indisoluble unión de patrimonio e natureza".

Publicado o

- Advertisement -

Os reitores e representantes dun total de 25 universidades de 9 países europeos e americanos expresaron este venres o seu apoio á paisaxe cultural da Ribeira Sacra no seu periplo para ser incluído na lista de bens Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.

Os representantes desas institucións académicas subscribiron nunha declaración conxunta que se trata “dunha representación excepcional da indisoluble unión de patrimonio e natureza, que configura unha paisaxe cultural viva, cuxa beleza reflicte e testemuña o bo facer das civilizacións pasadas e presentes”.

A Declaración Solemne Ribeira Sacra de Reitores no Camiño de Santiago foi asinada inicialmente polo presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kreglewski, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, aínda que máis tarde sería ratificada polos representantes das universidades presentes no Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago.

Este evento congresual foi organizado polo Grupo Compostela de Universidades e a Xunta de Galicia, dentro das actividades programadas na etapa de preparación para o Xacobeo de 2021.

De feito, o Camiño de Santiago tamén se integra formalmente no texto desta declaración, na que se destaca o seu valor como espazo de encontro entre persoas e pobos, recoñecendo así mesmo “o seu potencial transformador e a súa capacidade impulsora da concordia, o diálogo intercultural e o enriquecemento das comunidades locais”.

O conselleiro de Cultura agradeceu o apoio conseguido para a candidatura e o recoñecemento do Camiño de Santiago como roteiro de encontro e símbolo universal da fraternidade, e expresou a súa confianza en “que o exemplo da Ribeira Sacra e do Camiño nos inspire hoxe para asinar este compromiso”.

Búscase, aclarou, traballar desde o ámbito da educación superior no establecemento de accións encamiñadas á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable propostos pola Organización de Nacións Unidas.

O conselleiro finalizou a súa intervención sinalando que esta declaración compromete a facerlle fronte a un “dos maiores retos, xa non de Europa, senón de toda a humanidade: o desenvolvemento sustentable”, ademais de puntualizar que só se pode conseguir a través dun medio, “a educación das persoas”.

O documento asinado esta mañá en Chantada “é a manifestación solemne do compromiso das universidades en prol do logro dos obxectivos de desenvolvemento sustentable na Educación Superior e da iniciativa de universidade europea”.

A xornada de clausura deste encontro incluíu unha visita ao templo medieval e antigo pazo bispal de Diomondi, a realización dun tramo do Camiño de Inverno entre Diomondi e Chantada, unha visita ás Adegas Vía Romana e a firma da declaración.

ÚLTIMAS

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle...

A Subida a Taboada inaugurará o Campionato Galego de Montaña os días 27 e 28 de abril

O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes, Efrén Castro, reuníuse este martes co...

Campaña de xuntanzas veciñais do PP de Monforte “para buscar solucións ás reclamacións de barrios e parroquias”

A Agrupación Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos comeza unha campaña de...

Charla do Plan Maior Seguridade o día 18 de abril en Chantada

A actividade forma parte do Plan Maior Seguridade, que promove o Ministerio do Interior...