Cousas xacobeas: o hospital de Santo Antón Abade de Sárria

No solar onde na actualidade está o Xulgado de Primeira Instancia de Sárria ( Rúa Maior nº 1 ), fronte á igrexa de San Salvador e á sombra da Fortaleza de Sárria, o crego da familia condal de Lemos, don Dinís de Castro e Portugal, por manda testamentaría, creou un novo Hospital, cuxa finalidade era a de atender a peregrinos que voltando de Santiago fixesen presentación da correspondente “Compostela”.

Xulgado primeira instancia Sarria / páxinasgalegas.es

Este Hospital foi dotado polo fundador no seu testamento de 19 de maio de 1588 coa renda de 100 fanegas de pan de centeo en cada un ano, que se engadirían ás rendas procedentes do Hospital Vello “para que se gaste en dar de comer aos peregrinos paaxeiros pobres”, e que poidan á conta da dita renda reparar o hospital e as camas “dos pobres”  e  deu “500 ducados para reparar e formar o dito hospital”.

As obras de nova planta do Hospital correron a cargo de Xoán de Seara, documentado o contrato en 1594, e antes comprara a Xustiza e Rexemento de Sárria o “ Leiro de San Salvador”, onde se alzou, aos irmáns Díaz de Guitián.

prisión preventiva Sarria / fotosdesarria.com

A edificación de baixo e un andar tiña 70 pés de alto por 24 longo e á dereita e na traseira tiña unha horta, onde agora están a Prisión Preventiva e o Miradoiro da Cárcere. Os peregrinos e doentes que falecían no Hospital eran enterrados na igrexa de San Salvador, onde había unha capela adicada a Santo Antonio.

Para a atención dos peregrinos  destinaban a renda recollida en terras de Sárria e Triacastela principalmente. No Catastro do Marqués de la Ensenada (1753) consta que a renda fixa era de 300 ducados en cada un  ano. Os peregrinos recibían pousada e a esmola de 8 maravedís por día e tamén acollían a persoas doentes ás que se lles daba cama, luz e 24 maravedís cada día para alimento. O ciruxano Diego Varela  asistía aos enfermos, recibindo a paga de 56 ferrados de centeo por ano e había ademais un hospitaleiro.

Miradoiro da cárcere Sarria / turismo.gal

O Hospital, integrado na Obra Pía dos Hospitais de Santo Antón e San Lázaro de Sárria, dende 1700,  estaba baixo o coidado dun administrador e controlado pola Xustiza da Vila, a Casa de Lemos e o Bispo de Lugo e os seus Visitadores,  que censuraban as contas e daban normas de bo goberno . Tanto o administrador como os controladores recibían remuneración polas súas funcións.

O Hospital reunía unha boa renda aneira, mais os bispos lucenses facían continas censuras porque o material  (camas, colchóns e roupa das camas) non era o axeitado para a súa función e por iso vertían fortes ameazas contra uns administradores omisos e remisos que atendían máis aos propios intereses ca a atención social. 

En realidade a maior parte dos fondos do Hospital, que se gardaban nunha arca de tres chaves, non se invertía en obras de caridade e asistenza, senón que se poñía o diñeiro a censo para obter o gaño de xuros a longos prazos, ou se emprestaban cantidades a familias podentes da contorna. En moitas ocasións o Rexemento da Vila, sen medios materiais nin económicos propios botaba man dos aforros do Hospital para atender obras urxentes nas pontes e rúas da Vila, ou para outras actividades do concello. 

Tamén se cargaban ás contas dos Hospitais gastos como os do gaiteiro, guieiro, danzantes e mozos encargados de facer estrado das espadanas na rúa pola Festa do Corpus e outras miudanzas semellantes, algo que non conseguiron erradicar os bispos nas súas visitas. 

Xa ben andado o século XVIII, cando por imposición do bispo de Lugo decidiron crear unha Cátedra de Gramática na vila, as obras de construción da Escola e da Casa do Mestre, foron cargadas ao Hospital. E nese edificio, feito na traseira da institución,  con longos períodos nos que non houbo Mestres, estivo a única escola de primerias letras da vila ata o ano 1896. 

Torre de Sarria / turismo.gal

Xa a partir do 1730 se instalara na Casa Hospital o Reximento da Vila, ao abandoar a Fortaleza, volta en pardiñeiro, onde tivera durante séculos a súa sede.

Desamortizada a primeiros do século XIX  a Obra Pía dos Hospitais de Santo Antón Abade e San Lázaro, a Casa-Hospital foi adquirida por Xosé García de Ferrol, e acabou sendo comprada para sede do goberno local (Correxidor e Rexidores ). 

En 1820 pasou a ser a sede do primeiro concello constitucional e como Casa do Concello se mantivo ata 1920. A Casa da Escola (antiga Cátedra de Gramática) foi Cárcere do Partido entre 1896 e 1929. No edificio estiveron tamén a Escola de Música, o Clube de Anciáns “Anduriña” e o Xulgado de Distrito e conservando só a fachada do edificio de 1863, do arquitecto Luque, é agora sede do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Sárria.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here