HomeMedio ambiente e PatrimonioCoureleando, ‘dous homes e un xeodestino’

Coureleando, ‘dous homes e un xeodestino’

Guillermo Díaz e Iván Álvarez únense para poñer en valor o patrimonio dende un punto de vista turístico. O territorio do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel centrará un pouco a súa actividade pero tamén ofrecerán os seus servizos para rutas a nivel de Galicia e da Península Ibérica.

Publicado o

- Advertisement -

Guillermo Díaz Aira e Iván Álvarez Merayo coñécense dende os tempos do instituto e os dous senten idéntica paixón, a montaña. O Courel e a súa contorna non ten segredos para eles e levan traballando sobre o territorio dende hai moitos anos.

Guillermo Díaz é biólogo, estivo sete anos traballando en Tourgalia como guía especializado e no deseño de rutas polo Courel e lémbranos que levará uns 20 anos indo por alí sempre que ten oportunidade.

Iván Álvarez é arqueólogo e conta que o “seu contacto máis íntimo co Courel” foi a comezos da década dos 90. Foi cando traballou, por exemplo, na limpeza do Castro de Vilar, na Mina da Toca ou na excavación do Castro da Torre; todos estes traballos na súa etapa de estudante de arqueoloxía. Anos despois formou parte do grupo de xente que preparou o proxecto do Xeoparque Montañas do Courel –actualmente pertence ao Comité científico do mesmo–.

Iván Álvarez e Guillermo Díaz. Foto: Coureleando

A idea de montar algo, de iniciar algún proxecto relacionado co patrimonio, seica xa a tiñan os dous a nivel individual, xa lles pasaba pola cabeza por dicilo dalgún xeito. E foi no 2020, ano no que se manifestou a pandemia, cando falaron seriamente do tema. “Para que facer dous proxectos por separado?. Non tiña sentido ir cada un pola súa conta”, reflexiona Iván ao tempo que di “ademais somos complementarios e sendo bos nisto que mellor que ofrecer o noso saber xuntos”.

A presentación oficial será esta fin de semana, 5 e 6 de xuño, e consistirá nunha visita á Mina romana da Toca. O sábado 5 será para prensa, clubs, empresas e axencias de turismo, que estarán representadas por 10 participantes; e o domingo 6 para 30 particulares que formalizaron xa a reserva.

A mina da Toca. Foto: Guillermo Díaz

TURISMO DEPORTIVO E CULTURAL

Esta é un dos obxectivos co que parten, logo, para impulsar o proxecto. “Ofrecer rutas interpretativas, en principio, no territorio Xeoparque que vaian do máis suave ao máis extremo” e “poñer en valor o patrimonio dende un punto de vista turístico”, din respectivamente Guillermo e Iván.

Trátase de ofrecer uns servizos profesionais e personalizalos a turistas e visitantes que queiran facer deporte, coñecer o territorio e levar ademais unha información rigorosa do patrimonio natural e cultural que coñezan.

Traballarán rutas xa existentes pero tamén ofrecerán rutas exclusivas e adaptaranse aos intereses e circunstancias dos clientes. Neste último punto atópanse con aqueles que son máis de ‘deixarse aconsellar’. Nese caso teñen que adaptarse ao grupo, estudar que tipo de ruta lles encaixa e coñecer moi ben o perfil de xente que vai facer a ruta –idades, forma física, intereses máis deportivos ou máis culturais, etc–.

A idea é operar durante todo o ano e, na medida das posibilidades, explotar máis o tema invernal, que segundo afirman os entrevistados “ten moitas posibilidades”.

Á hora de ofrecer os seus servizos, ademais de facelo de forma directa, tamén están pechando acordos con axencias de viaxes e empresas de turismo para completar a oferta de servizos destas. E como avanzamos, aínda que se centren de partida no territorio do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel, están preparados para demanda que veña para visitar outros lugares. Sen ir máis lonxe, para o mes de xullo teñen un servizo nos Picos de Europa.

GARANTÍA DE PROFESIONALIDADE

Neste punto destacan por ter os dous titulación, Guillermo en bioloxía e Iván en arqueoloxía, ademais de coñecementos en xeoloxía, e experiencia contrastada no coñecemento do territorio. Ademais, o feito de ser ‘técnicos deportivos en media montaña’ ofrece unha serie de garantías a maiores como é o coñecemento en orientación, en socorrismo e no manexo de situacións de supervivencia, por exemplo.

“Un técnico deportivo ten que estar preparado para facer unha ruta sen tela feito nunca”, sentencia Guillermo Díaz dando a entender que a súa formación garante o éxito de guiar calquera ruta, por descoñecida que sexa.

A responsabilidade queda complementada tamén, para seguridade daqueles que contraten os seus servizos, coa cobertura de seguros de RC, accidentes e rescate.

QUE PREPARACIÓN TEMOS OS GALEGOS COMO MONTAÑISTAS?

Esta é a pregunta que lle facemos a estes dous para que opinen ao respecto dende a súa experiencia. Iván ten observado que algúns “veñen ben equipados pero con poucos coñecementos sobre o uso da equipación. Algúns non saben nin como apoiar o bastón”. E noutros casos, afirma, “encontrámonos tamén con xente que sabe moito e que anda a Dios”.

Guillermo, pola súa banda, considera que en Galicia practicamente estase empezando no montañismo. “Hai xente moi preparada, os de toda a vida que estamos no monte, e os que se incorporan a isto agora. A xente ve na televisión pero isto non é tan doado”, sentencia. E falando dos erros máis comúns daqueles que non controlan aínda de montañismo refírenos catro: Falta de información, exceso de confianza, sobreestimar as posibilidades dun e a mala planificación.

ÚLTIMAS

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...