InicioMedio ambiente e PatrimonioMontefurado, o gran esquecido nas alternativas ao trazado da A-76

Montefurado, o gran esquecido nas alternativas ao trazado da A-76

A Asociación Boca do Monte, con sede en Anguieiros, no concello de Quiroga, sempre se opuxo ao trazado da A-76 polo serio risco que supón para o túnel romano de Montefurado. Co debate creado polo trazado alternativo de Chantada lembran que hai algo máis dun ano tamén defendían outras opcións para non prexudicar un dos monumentos patrimoniais máis importantes da comarca de Quiroga.

Publicado o

- Advertisement -

Esta asociación sempre viu con receo o paso da A-76 a escasos metros do túnel romano e dende hai anos amosou o seu rexeitamento presentando alegacións ao trazado e realizando diversas accións de protesta simbólicas e comunicados de prensa. O único que se conseguiu con todo isto foi un leve alonxamento do trazado respecto ao túnel e aproximar o trazado máis cara o lugar dos Anguieiros, aldea onde se localiza a Asociación Boca do Monte.

Os seus socios/as entenden que Montefurado é a porta de entrada polo leste da Ribeira Sacra e se esta aspira a converterse en Patrimonio da Humanidade tamén debería terse en conta este lugar con igual interese e preocupación que outros lugares.

Nun comunicado de prensa realizado en setembro de 2017, de importante repercusión en prensa, esta entidade alertaba da ameaza que supón para o túnel romano o trazado da A-76 e posicionábase a favor da opción de levar a autovía dende Ponterrada ata A Rúa e dende alí enlazar cara a Gudiña ata chegar á A-52 (autovía das Rías Baixas). Esta opción, que preservaría o túnel de Montefurado,  foi no seu día defendida por partidos como Ciudadanos e entidades como a Federación Leonesa de Empresarios pois consideraban, entre outros motivos, que era boa idea conectar Bierzo e Valdeorras coa estación do AVE na Gudiña e con Oporto (Portugal).

Cartel para acceder a unha das entradas do túnel romano. Fonte: XM

Aproveitando a actualidade destas semanas, o socio da Asociación Boca do Monte, José Luis Gutiérrez -enxeñeiro e profesor- fixo chegar a Xornal de Lemos a súa reflexión persoal sobre este tema.

España é o terceiro país con máis quilómetros de autovías e autoestradas, só por detrás de China e Estados Unidos, e por diante, por exemplo, de Alemaña ou Francia. A países como Italia ou Canadá case os triplicamos. Con todo, parece que non nos loce máis o pelo por iso. Construír tantos AVE, aeroportos e autoestradas non significa necesariamente calidade de vida. Aí temos, como mostra, a Noruega, que con só 600 quilómetros de autoestradas é o país con maior calidade de vida segundo a ONU, cun PIB per cápita de 67.100 euros, mentres que o de España, con case 15.000 quilómetros máis de autoestradas, é de 25.100 euros (2017). Esta semana estase falando moito de que a A-76 finalice en Monforte, e desde alí que se constrúa unha variante ata Chantada, onde se enlazaría coa futura A-56 entre Lugo e Ourense. Desta forma, evitaríase a “desfeita” que semellante obra causaría na Ribeira Sacra, concretamente nos Peares. Moitos xa puxeron o berro no ceo, entre eles os alcaldes de Sober e Pantón. A polémica está servida… Unha polémica que se encarniza cada vez máis polos importantísimos e capitais dez minutos de máis que levaría chegar desde Monforte a Ourense. 

En setembro de 2017, desde a Asociación Boca do Monte xa propuxeramos que a A-76 non se realizase na súa totalidade, co obxectivo de salvagardar para as futuras xeracións a Ribeira Sacra e a súa porta de entrada, Montefurado. A proposta, defendida entón por partidos como Ciudadanos ou pola Federación Leonesa de Empresarios (por razóns distintas ás nosas), era que a A-76 se desviase na Rúa cara á Gudiña, e alí enlazase coa A-52 (autovía das Rías Baixas cara a Ourense e norte de Portugal) e coa futura estación do AVE. A nosa proposta, ademais, seguía defendendo que Monforte quedase conectada con Ourense a través de Chantada, evitando así o absurdo de dúas autovías discorrendo en paralelo cara a Ourense durante decenas de quilómetros (a A-76 e a A-56), con núcleos poboacionais atrapados para sempre entre ambas infraestruturas. 

Nun artigo recente que publiquei en Bierzo Diario, tentaba debullar e analizar que unha autoestrada non sempre é a solución para a decadencia que sofre un lugar, e queixábame amargamente dos “novos” políticos, como os de Podemos, que ao principio se opoñían freneticamente á A-76, logo estaban a favor, logo en contra, logo a medias, e logo nin se sabe facendo cábalas difíciles de crer cos posibles votos e tentando conseguir a imposible cuadratura do círculo. Poñía como exemplo diversos casos dabondo coñecidos. En primeiro lugar, Benavente, que malia ser o lugar onde converxen A-6, A-66, A-52 e a futura A-65, leva seis anos consecutivos perdendo poboación, sen poder impedir un declive que parece inevitable. Tamén falaba de Mieres, tan contentos que estaban cando a A-66 (dirección Oviedo) e a AS-1 (dirección Xixón) pasáronlles polo medio da poboación (e isto é algo literal, xa que a xente tende a roupa sobre a propia autovía), que en 1996 contaba con case 52.000 habitantes e que en 2017 roldaba os 38.000, a unha perda de case mil habitantes ao ano. Quen vai querer vivir alí tendo a Oviedo a quince minutos? Ou quen vai querer vivir en Monforte se Ourense queda a menos de vinte minutos? Aquí deixo unhas preguntas para a reflexión… 

Traballei en Toro (Zamora) durante dous anos, e alí puiden comprobar que a xente prefería ir vivir a Zamora (a 15 minutos), Valladolid (a 25 minutos) ou Salamanca (a 45 minutos) no canto de quedar alí. Xa poden vir todas as adegas do mundo, que a localidade segue perdendo poboación ano a ano, ata situarse xa por baixo dos dez mil habitantes. Unha vez máis, como co AVE, compróbase que, en caso de favorecer a alguén, as autoestradas unicamente favorecen aos polos. Acabarei o artigo cuns datos obxectivos extraídos de varios informes e que calquera pode consultar en calquera Demarcación de Estradas do Estado: “A A-76 entre Ponferrada e Ourense afectará a 37 zonas protexidas ou de especial interese; 12 corredores biolóxicos e zonas de especial valor de paso e de asentamento de especies animais; 13 redes hidrográficas; 4 puntos de interese xeolóxico; 56 especies de flora, algunhas de alto valor ambiental e mesmo un endemismo rexional incluído na Lista Vermella da Flora Vascular Española con categoría de vulnerable; 132 especies de fauna, moitas delas vulnerables ou de interese especial e mesmo algunha en perigo de extinción; e 132 elementos patrimoniais.” O progreso é hoxe (o que por tal entendemos) un mantra, un mantra irracional e acéfalo, porque ben pensado é máis ben unha regresión. Non por repetir unha e outra vez que as autoestradas son boas, moi boas, iso vaise a converter nunha verdade irrefutable. 

Quizais deberiamos pensar un pouco máis en defender o noso privilexiado territorio, evitando a destrución do patrimonio natural e cultural; non cortar en anacos e desestruturar o medio rural con túneles e viadutos, que igualmente estarían limitados a 80 ou 100 km/ h; escoitar as advertencias da UE de que para desdobrar unha estrada fai falta unha media diaria de 10.000-15.000 vehículos, cando na N-120, no tramo con maior densidade, apenas se superan os 5.000; o gasto inasumible que podería dedicarse a outros proxectos (inicialmente, case dous mil millóns de euros, que seguramente serán máis); non favorecer a corrupción e a especulación que este tipo de obras comportan nun país como o noso (e quizais aquí esteamos a dar coa clave ao tocar un aspecto sensible); e, finalmente, non desaproveitar a oportunidade de obter un Patrimonio da Humanidade no interior de Galicia, que isto si pode ser o que nos salve no futuro.

ÚLTIMAS

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...

Raquel Arias: “É inxustificable que Tomé ignore as 1.000 sinaturas que reclaman a Unidade de Atención Temperá para Monforte”

Segundo os populares, Monforte é o único municipio da comarca sen este servizo, provocando...