HomeMedio ambiente e Patrimonio“As cifras oficiais do Camiño de Inverno non son reais”, afirma Aida...

“As cifras oficiais do Camiño de Inverno non son reais”, afirma Aida Menéndez

Coñecidos os datos de peregrinacións do 2018 facilitados pola Xunta, falamos coa presidenta da Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra para coñecer o seu parecer en relación a este tema e preguntarlle por outras cuestións.

Publicado o

- Advertisement -

José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta en Lugo, participou na inauguración na Biblioteca Pública Provincial de Lugo da exposición itinerante que conmemora o 25 aniversario da inclusión do Camiño Francés na Lista Indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco e aproveitou o acto para loubar o éxito do Xacobeo e facer balance do número de peregrinacións que houbo o pasado ano.

Neste último punto, Balseiro lembrou que o ano 2018 pechou cun balance de 327.378 peregrinos, un 8,75% máis que no 2017 e un 20,38% máis que no último Ano Santo de 2010.

José Manuel Balseiro na presentación da exposición. Fonte: Prensa Xunta de Galicia

Destes peregrinos un 67,4% pasaron polos distintas rutas que percorren a provincia de Lugo, isto é un total de 220.980. O itinerario preferido foi o francés con 186.199 peregrinos, seguido do Norte, con 19.040 peregrinos, despois o Primitivo, con 15.038 peregrinos e finalmente o de inverno, que rexistrou 703 peregrinacións.

As rutas lucenses incrementaron o número de peregrinacións pero de xeito especial o Camiño de Inverno cun 26,6% máis. Respecto ao resto de itinerarios, o Primitivo subiu un 9.82%, o Camiño do Norte un 6,72% e o Camiño Francés tan só un 3,02%.

Aproveitando estes datos, sobre todo os do Camiño de Inverno, falamos con Aida Menéndez, presidenta da Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.

Que opinión che merecen estes datos?

As estadísticas hainas que relativizar, non todo o mundo que fai o camiño de inverno pasa polas oficinas do peregrino. Eu a verdadeira sensación que teño é que os peregrinos deste camiño “aumentaron un 300 %”. Cando falas coa Oficina de Turismo ou cos establecementos hostaleiros coinciden en que se nota, e moito, o paso de xente que está a facer o camiño. Segundo datos da Oficina de Turismo de Monforte, no 2017 pasaron por alí oitenta e catro persoas indicando que eran peregrinos, e o ano pasado unhas trescentas.

Fóra de estadísticas oficiais, importa outra información logo?

Claro, e moito. Non todo camiñante que pasa por aquí remata como peregrino contabilizado na información da Xunta. Nós falamos con xente das parroquias e dinos que se nota máis paso de xente e que lles preguntan por aloxamento ou selos da compostelana… E os veciños dos lugares de paso tamén lles ofrecen de comer e de beber a moitos peregrinos. Tamén preguntamos a establecementos hosteleiros e coinciden no mesmo, que pasa máis xente que antes e moito estranxeiro.

Que sabedes da futura Oficina de Atención ao Peregrino no baixo do antigo Hotel Comercio?

Non temos noticias. Puxeron vinilos nos cristais de fóra e un nome ao local pero non sabemos nada, o Concello de Monforte non nos informa de nada. Polo visto colleron o nome que propuxemos nós, “Centro de Interpretación do Camiño de Inverno”, e todo indica que o baixo será compartido co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. Suponse que nos quedarán escasamente 60 metros cadrados de local. Xa vés, ridículo, un espazo tan pequeno para dar servizo moitas veces a grupos de xente que chega.

O Camiño de Inverno é oficial dende agosto de 2016. Notastes un aumento notable de traballo desde esa data?

Si que se notou, temos moito máis traballo e moito máis movemento na web, unha web renovada que nos está funcionando moi ben e que resulta moi útil aos peregrinos. Pídennos máis información, pregúntanos polo selo, pídennos guías, guías en inglés sobre todo, e tamén nos preguntan pola sede. E neste punto temos que aclarar que aínda non temos, resulta bastante lamentable. Todas as asociacións do Camiño de Santiago teñen sede ao pé do camiño e nós aínda estamos sen ela.

Tedes algún acto ou actividade programada para este comezo de ano?

Pois si, o venres 18 de xaneiro temos unha rolda de prensa no Centro do Viño da Ribeira Sacra para facer balance do 2018. Ademais de dar conta de resultados das actividades e traballo realizado o pasado ano aproveitaremos para facer pública a resolución do concurso de fotografía.

ÚLTIMAS

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...