InicioOpiniónMonforte fálanos de si mesma e da súa contorna

Monforte fálanos de si mesma e da súa contorna

Orixinal artigo en forma de entrevista que o autor lle fai á cidade de Monforte para dar a coñecer a súa historia e o abondoso patrimonio cultural e paisaxístico que atesoura.

Publicado o

POR
Xosé Martínez Rodríguez
- Advertisement -

Cal é o teu nome?

Chámome Monforte desde a Baixa Idade Media, pero teño moitos máis anos. Algúns estudosos locais din que me chamaba Castro Dactonio e despois que me chamei Pino, pero non o podo afirmar de certo pois diso fai xa moito tempo.

Que quere dicir Monforte?

O nome refírese ao monte de San Vicente que está no centro da localidade. No monte houbo fortalezas en dúas épocas: un castro -recinto fortificado prerromano- habitado polo pobo dos Lemavos e na baixa idade media construíuse un complexo sistema amurallado medieval do que se conservan destacados restos.

Cal é o teu apelido?

De Lemos. Lévoo desde 1916. En España, Portugal… hai bastantes Monfortes. Os de España tomaron apelidos aconsellados por correos en 1916 para que non se confundisen entre si. Que fortuna, o meu apelido é precioso e cheo de historia.

Que quere dicir o teu apelido?

O meu apelido Lemos vén de Lemavos un pobo anterior aos romanos e afincado aquí xa antes de Cristo. Eles vivían no cume do monte de San Vicente nun recinto fortificado –castro-. Os Lemavos deron o apelido a Monforte e o nome á súa comarca: a Terra de Lemos formada polo municipio de Monforte de Lemos e outros cinco situados ao sur de Lugo: Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober.

“Os Lemavos deron o apelido a Monforte e o nome á súa comarca

O meu apelido tamén lembra aos señores de Lemos que foron protagonistas da miña historia na baixa idade media xunto aos monxes beneditinos. Os señores de Lemos viviron na bonita Torre da Homenaxe que coroa o monte de San Vicente e os beneditinos no mosteiro que se atopa ao seu lado.

Os señores de Lemos pasaron a ser Condes de Lemos de modo hereditario a partir de 1456 e cambiaron a súa residencia da Torre da Homenaxe ao Palacio Condal próximo á devandita torre e ao mosteiro de San Vicente do Pino no cume do monte de S. Vicente do Pino.

Lemavos, beneditinos, señores de Lemos e condes de Lemos foron protagonistas da miña historia. A marcha dos beneditinos e o paso do condado de Lemos á Casa de Alba en 1777 marcaron unha época un pouco gris para min. Pero o patrimonio que me deixaron é moi valioso. Ademais vivín outras épocas brillantes coa chegada do tren en 1883 e a concesión do título de cidade en 1885.

Onde estás?

Estou ao sur de Lugo. Son a capital dun dos 67 concellos desta provincia, o segundo máis habitado -máis de 18.000 habitantes- trala capital provincial.

Din que Lugo é unha provincia de paso. Eu creo que non. Ten de todo: unha costa marabillosa -A Mariña-, localidades encantadoras con catedral como Mondoñedo e Lugo que tamén ten unha famosa muralla, fermosas terras montañosas como as da Fonsagrada, O Courel ou Os Ancares con curiosas casas cubertas de palla –pallozas- e tamén ten fértiles terras máis baixas como a Terra Chá, Sarria, Terra de Lemos…

Como vos digo estou ao Sur de Lugo nunha fermosa mesopotamia galaica, na Ribeira Sacra, entre os cursos dos ríos Lor, Sil, Miño e Cabe. Todos eles se xuntan aquí. O Miño é o principal río galego e o Sil o seu afluente máis importante. Os seus cursos nesta zona son moi encaixados formando fermosos canóns e gargantas fluviais. Son especialmente destacados os Canóns do Sil decorados da cor de viñedos plantados neles en forte pendente dunha forma heroica.

“Como vos digo estou ao Sur de Lugo nunha fermosa mesopotamia galaica, na Ribeira Sacra”

Das ribeiras do Miño, do Sil e dos seus afluentes nesta zona proceden os viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Os viñedos tínguense segundo as épocas do ano: o verde predomina na primavera, contrasta este verde coas uvas amareladas e tintas que empezan a coller cor no verán e que son levadas ás adegas a finais desta estación e comezo do outono. O xardín vitícola da Ribeira Sacra é especialmente atractivo na época outonal pola gran paleta de cores: amarelos, verdes, vermellos… Un espectáculo.

Estou no sur de Lugo na Ribeira Sacra. Ribeira polos ríos dos que vos falei, sacra polos moitos mosteiros e igrexas románicas. Ribeira Sacra -eu son en parte Ribeira Sacra xunto a outro vinte municipios do sur de Lugo e norte de Ourense- é ribeira; pero tamén val e montaña. Teño zonas de bastante choiva e frío no inverno pero á beira dos ríos hai un microclima mediterráneo. Iso motiva que desde moito tempo se cultive o viñedo que xa era apreciado polos monxes e monxas dos mosteiros da zona no medievo e mesmo di a tradición que era levado en pezas da cerámica de Gundivós, en Sober, ás mesas imperiais romanas.

Outros cultivos mediterráneos menos presentes nestas terras son os limóns, as laranxas e mesmo as oliveiras. Como curiosidade direivos que hai aldeas chamadas Eivedo e Ivedo, nomes que veñen de olivetum do latín -está clara a relación co aceite-. Xa hai uns anos recuperouse unha mostra de elaboración tradicional do aceite na zona de Quiroga onde aínda existe algún muíño tradicional de aceite.

Que nos recomendas que visitemos?

Son un monte forte, pero eu e as miñas xentes namorámonos do río Cabe que refresca a miña base e do val que está aos meus pés. Eu, Monforte, son hoxe en día un monte, un val e un río namorados entre si. O monte saíu ao encontro do río e do val a través de numerosas raíces que son as rúas que descenden do alto á zona chá da cidade.

Vista ó río Cabe ó seu paso por Monforte dende a Ponte Vella / XdL

Recoméndovos que visitedes o Monforte do Monte que subades como fixo Góngora ao “Monte forte coroado por torres conveciñas aos ceos”. Neste monte de San Vicente, neste monte forte, hoxe en día aínda se conservan pegadas do meu rico pasado: a torre da homenaxe medieval, o mosteiro beneditino de S. Vicente do Pino con pegadas medievais, góticas, renacentistas, barrocas e posteriores e o palacio dos Condes de Lemos. Actualmente mosteiro e palacio forman parte do Parador de Monforte.

Se tedes tempo, con alguén que vos poida contar as curiosidades que encerran, convídovos a descubrir o Monforte medieval e a súa muralla así como a zona de ámbito xudeu. O Monforte que estaba no interior da muralla, outrora frenético, é hoxe tranquilo e fermoso formado por rúas como Falagueira, Pescaderías ou Zapaterías.

“convídovos a descubrir o Monforte medieval e a súa muralla así como a zona de ámbito xudeu”

Tamén vos recomendo que visitedes o Monforte do val. O Monte de San Vicente, Convento de Santa Clara (s. XVII) e Colexio do Cardeal Rodrigo de Castro (XVI) forman un triángulo en cuxo interior está o centro histórico.

Merece a pena coñecer o interior e os vértices dese triángulo: o Convento de Santa Clara (s. XVII) e o seu magnífico Museo de Arte Sacra e o Colexio do Cardeal Rodrigo de Castro comezado a construír en 1593. A súa fachada lembra en pequeno á do Escorial, por iso chámaselle o Escorial galego. Destaca no seu interior a escaleira monumental, o claustro, a igrexa e o museo onde se atopan os dous únicos cadros do Greco que hai en Galicia.

Colexio do Cardeal Rodrigo de Castro / Concello de Monforte

Hai barrios moi populares como Ramberde ao oeste, Os Chaos ao leste e Carude ao Sur e outros máis modernos, pero que tamén teñen o seu encanto; e tamén bonitas pontes como a Ponte Vella sobre o río Cabe.

E hai máis interiores para visitar que os museos do Convento de Santa Clara e do Colexio do Cardeal: o templo de Santo Domingo, o Centro do Viño da Ribeira Sacra, o Pazo Muíños de Antero, o Pazo de Tor, o Museo do Ferrocarril de Galicia, etc.

E é que como vedes son unha cidade milenaria, señorial, sacra, condal e ferroviaria no centro dunha terra sacra premiada por un privilexiado patrimonio natural e artístico.

Esquecíame. Tamén estou orgullosa dos camiños que me atravesan, os que fai o camiñante ao andar, e especialmente do Camiño Xacobeo de Inverno oficial xunto a outras rutas que permiten chegar  até o noso apóstolo Santiago, ao seu sepulcro e á súa fermosa cidade, capital galega, Santiago de Compostela.

Eu, Monforte de Lemos, tamén podo ser punto de inicio ou de paso de moitas rutas para coñecer esta fermosa Mesopotamia galaica da que formo parte: a Ribeira Sacra. Terra sacrificada, fermosa, humana e ao mesmo tempo divina que merece ser visitada. Agárdovos.

nota final do autor

Texto sintético que pretende que se aprecie o rico patrimonio de Monforte e da súa contorna e que se descubra con máis profundidade. É un texto divulgativo, non de investigación, e por iso breve para a súa lectura áxil aínda que esta brevidade supoña un chisco de renuncia á rigorosidade. Con todo, grosso modo, a información que se dá no artigo está contrastada en varias fontes.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....