Caos Regulado

gl.yellowbreadshorts.com

Hai unhas semanas tiven a ocasión de comprobar in situ o gran traballo que están a realizar en Gandería Laura Taboada S.C., de Rodeiro. Os responsables, Alberto e Rubén, montaron unha granxa de produción de ovos ecolóxicos cun sistema pioneiro e único en Europa. Ademais, aproveitan os residuos das galiñas para fertilizar os prados e crear pastos para as súas vacas do país. Pero o que máis me chamou a atención foi unha situación do máis absurdo nestes momentos en que todo o mundo enche a boca falando de fixar poboación no rural e de apostar polos proxectos agrogandeiros: resulta que, para producir os ovos, estes emprendedores teñen que utilizar un xenerador a gasoil. Por que? Porque o proxecto  de concentración parcelaria na súa parroquia -que ameaza con eternizarse- non permite pasar unha liña de electricidade ata a granxa. Aínda que o verdadeiramente traxicómico é que a menos de cen metros da explotación está situado e a pleno rendemento un dos múltiples aeroxeneradores que hai na serra do Faro. A estes rapaces fáltalles a luz por culpa de quen non ten luces.

No medio rural galego, malia a súa apariencia ás veces caótica, todo está regulado, lexislado, medido e suxeito a taxas e impostos. Non se move unha folla sen levantar varias actas e pagar relixiosamente. Hai normativas para todos os gustos e cores. Incluso se non se precisan, creánse de xeito preventivo. Que todas teñan lóxica xa é moito pedir.

Ademais, e por moito que se tilde ó campo de lugar atrasado, aquí xa chegaron as fake news hai décadas. E con efectos devastadores. Un exemplo tivémolo este verán nos incendios de Monforte e Pantón: como hai uns dez anos comezou a circular a información inexacta de que estaba prohibido coller as piñas no monte para facer lume na casa, éstas acabaron convertidas en auténtica gasolina durante os incendios. Penosa consecuencia real dunha lei inexistente.

Incendio en Seoane, Monforte / @Incendiosgalic1 en Twitter.

Xa coa chegada das cotas lácteas a finais dos anos 80 comezaran as informacións contradictorias e interesadas no campo galego e seguimos na mesma.

Pero as leis que verdadeiramente existen tampouco melloran as cousas. Os ríos cheos de maleza e pólas acaban facendo presas que derivan en inundacións e en perda de especies de peixes en moitas cauces. E, aínda así, é máis difícil que as confederacións hidrográficas autoricen limpar un río ca que un camelo pase polo ollo dunha agulla. Por non falar da xestión da fauna salvaxe: por 2.300 reses mortas a mans dos lobos autorizáronse un total de…cero batidas de caza.

É obvio que o rural é o terreo máis importante. Do que se extraen os alimentos, o que purifica o aire, o que mantén a biodiversidade e o que aporta boa parte dos recursos. E por iso é imprescindible que estea ben regulado, cunha lexislación clara e contundente pero tamén xustificada. E tampouco estaría de máis que algunha desa morea de normativas, regulamentos e leis resultara gratuita para o gandeiro e o agricultor. Ou polo menos que non lles costaran un ollo da cara. Velaí temos os produtores de leite obrigados a mercar equipos de inxección do xurro (que non baixan de 60.000 euros) para reducir unhas emisións de amoníaco á atmosfera que só son responsabilidade súa nun 4.4%. Sumemos a isto o sablazo dos cursos obrigatorios para dar o sulfato de toda a vida bautizados co pomposo nome de “Aplicación de produtos fitosanitarios” que só teñen a súa lóxica nas escasas grandes plantacións. Certo que hai que ter coidado co uso da química no campo, como certo é tamén que cobrarlle ata 200 euros a persoas que levan toda a vida dando xofre e sulfato nuns poucos metros cadrados de viñedo é un roubo de guante blanco.

Que haxa tantas eleccións en tan pouco tempo é bo para o rural. Polo menos no plano teórico. Nunca tantos ofreceron tanto. Normativas que veñen facer máis fácil a vida do gandeiro e agricultor, subvencións a feixes para todos, discursos lacrimóxenos do “eu tamén son da aldea” para que nos sintamos respaldados, creación da sensación de que “desta vai” e que as aldeas volverán estar cheas de cativos…

Estrada LU-P-3202. Foto: PP provincial

Pero a realidade segue a ser a de estradas que se limpan de maleza a finais de setembro, lugares sen luz ó pé de aeroxeneradores, aldeas deshabitadas nas que non se poden erguer granxas porque molestarían cos cheiros (a saber a quen…), supresión de liñas de transporte, peche de oficinas bancarias, prezos ridículos dos produtos do campo e unha lista interminable de problemas ós que non se da solución.

E, curiosamente, canto se máis se agravan os problemas do campo, hai máis xornadas formativas, simposios, mesas redondas e foros de debate para analizar as causas, consecuencias e solucións do despoboamento rural. Prácticamente todos os participantes chegan ós mesmos diagnósticos e ofrecen os mesmos tratamentos. E todos nos emplazan ata a vindeira xuntanza… na que seguirán profundizando no tema.

Ordenación do territorio, prezos dignos en orixe dos produtos agrogandeiros, dotación de servizos públicos e conservación de estradas. Esas catro cousas son as que pide toda a xente que vive no campo. Non semella tan difícil de entender. Pero, á espera de que cheguen, seguiremos aturando. No que lles levou ler este artigo, algún funcionario de Bruselas, Madrid ou Santiago tivo tempo de sacar unha nova normativa para prohibir algo máis.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here