OPINIÓN: Chantadiensensianés

“Chantadino cadelo fino”. Así reza o dito popular e así o levamos escoitando dende que temos uso de razón ou, polo menos, memoria. Agora hai unha corrente poderosa que trata de impoñer -con escaso éxito na expresión oral- o xentilicio “chantadés” para referirse aos habitantes do concello e da vila do Asma.

CCA Chantada / Mónica Cerqueira

Diferentes estudos lingüísticos aparecidos nos últimos tempos sinalan que o correcto é empregar o de “chantadés” e non o que usa todo o mundo. Aténdese dese xeito ao galego medieval e á lóxica que dominaba o idioma naquela época. Ao parecer non é que haxa fontes escritas que usen a palabra “chantadés” pero si que se infire que debera ser o axeitado atendendo a estudos idiomáticos. A día de hoxe, a páxina web oficial da Real Academia Galega (RAG), da por válido só o de chantadino.

Como dicía o personaxe de Jim Garrison na xenial película JFK, “la ciencia ha llegado a demostrar que un elefante puede estar colgado del tallo de una margarita sin que ésta se rompa…pero usen su sentido común.” Supoño que cada vez veremos máis empregado nas formas escritas a palabra “chantadés”…e seguiremos sen escoitarlla pronunciar a ninguén. As innovacións, por moi avaladas que veñan, soen provocar rexeitamento cando nin se necesitan nin se xustifican. A ciencia terá razón en avalar como antigo e correcto o novo xentilicio pero o falante segue a darlle as costas. En todo caso, cabe preguntarse por que se retoma (se é que se chegou a usar) esta palabra concreta e non outras daqueles séculos lonxanos. A saber.

Recinto feiral na Feira do Viño 2018. Foto: Lucía Cereijo e publicada por Concello de Chantada

Constatamos tamén, na expresión oral, que a nova denominación da festa do 18 de outubro ten escaso predicamento. E mesmo nas formas escritas caro lle custa. E é que o de chamarlle “As San Lucas” a “O San Lucas” de toda a vida cheira a corno queimado… ou a imitación de Mondoñedo.

Tamén resulta evidente, para quen ande por Chantada coas orellas abertas, que a porcentaxe de uso desas novas denominacións é inversamente proporcional ao uso do idioma galego por parte do individuo. Dito doutro xeito, canto máis usa o galego unha persoa na súa vida cotiá, menos empregará o de “chantadés” e o de “As San Lucas”. Do uso de “crianzas” ou “criamças” xa prefiro nin opinar.

Os promotores destes innovadores e lexítimos conceptos poden sentirse desanimados polo pouco éxito que teñen pero sempre lles quedará o consolo de pensar como Galileo “Eppur si muove (ou E pur si muove, que nesto tampouco hai acordo)” e que a ciencia está da súa parte, co pequeno matiz de que as órbitas do Sol e da Terra son inmutables e os idiomas, afortunadamente, van evolucionando co paso dos séculos.

Mais, que hai realmente detrás da adopción desas palabras e expresións? A necesidade de facer xustiza? O respecto pola legalidade lingüística? Ganas de chamar a atención? Seguramente nunca o saberemos.

Ata que punto está xustificado recuperar formas lingüísticas que desapareceron hai séculos? Ou mesmo crear palabras por dedución atendendo a normas tamén desaparecidas? É innegable que o contacto permanente co castelán -idioma das clases dominantes- pervertiu o galego orixinal, o que se falaba cando Xohán de Requeixo escribía as súas cantigas. Como é innegable que os habitantes de Galicia empregaban outras formas lingüísticas diferentes ás do trobador do Faro, moito antes de que éste nacera. Onde está, pois, o límite temporal para que algo sexa correcto?

Folión de carros (arquivo) / Concello de Chantada

Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado a Ricardo Carvalho Calero. Os chamados reintegracionistas ven na celebración un recoñecemento as súas teses. Volvendo ao principio, non lles faltará razón científica. Pero, de momento, os galegofalantes non están con eles. Nin nas formas orais nin nas escritas.

O derradeiro informe do Consello de Europa (decembro do 2019) sobre o uso do idioma galego é dramático: cada ano pérdense milleiros de falantes, especialmente nas zonas urbanas. Non creo que modificar radicalmente a gramática e a ortografía sexan as medidas axeitadas para recuperar eses falantes. Nin tampouco implantar un binormativismo que aínda complicaría máis o panorama. Outra alternativa -ao parecer impulsada polo actual presidente da RAG- é a de diluir o galego dentro da Lusofonía, eso si, co carácter de pai fundador ou figura emérita (como Juan Carlos I). Pero, se calquera desas solucións mantén vivo o idioma, prefiro estar mil veces errado na miña opinión.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here